Historia

Dos espellos perdidos

Xudeus e conversos na Idade Media

"A fonte da Graza" (Jan van Eyck, ca. 1444-1459, Museo do Prado, Madrid).

"A fonte da Graza" (Jan van Eyck, ca. 1444-1459, Museo do Prado, Madrid). / Arquivo

Se estudamos a cartografía das cidades europeas medievais, poderemos decatarmos de que os barrios habitados por xudeus con frecuencia eran veciños das catedrais e dos pazos episcopais: os bispos actuaban dalgún xeito como protectores. Porén, a partir das reformas impostas no seo da Igrexa católica logo do concilio de Letrán (1215), os xudeus pasaron a ser unha poboación marcada. Primeiro, por estaren obrigados a vestir dun xeito determinado (cunha rodela vermella, anticipo das estrelas amarelas impostas polo nazismo séculos máis tarde); despois, foron acusados de causaren as pestes, de profanar hostias ou de asasinaren nenos cristiáns (velaí as lendas de Dominguito del Val, do neno de La Guardia ou do inglés Guillerme de Norwich). Unha ofensiva fanática que rematou cos asaltos ás xuderías dos reinos de Castela e de Aragón en 1391.

Estes ataques xa tiveran un elo significativo nalgunhas cantigas de Alfonso X, collidas como símbolo de antisemitismo pero que non serían moi distintas de tantas outras contra cristiáns que aldraxaran a Virxe María (cantigas que serviron de xustificación para que un grupo pro tolerancia boicotease un concerto de música medieval en Nova York hai uns anos: polo visto entendían perfectamente a lingua galega do XIII). Xa nos séculos seguintes, especialmente coa aparición da Inquisición, os ataques contra os xudeus pasaron a ter unha cobertura legal. En paralelo, as artes tamén xogaron un papel importante nesta ofensiva. Agora, o Museo del Prado e o Museu Nacional d’Art de Catalunya veñen de presentar (entre outubro de 2023 a maio de 2024) a exposición O espello perdido. Xudeus e conversos na España medieval.

  • Reflejos antisemitas en el espejo del arte

    En España, entre 1285 y 1492, fecha del decreto de expulsión de los judíos, el arte estimuló los intercambios entre cristianos y judíos pero también difundió sentimientos antijudíos

Entre os obxectos expostos cabe salientar un colar con amuletos atopado no cadáver dun neno, morto no asalto ao call de Tàrrega en 1348. Un colar que lle serviría para conxurar o mal que padecía (malformacións nas pernas). Pero alén de coñecer esa parte da vida dos xudeus mentres viviron entre nós, os inquisidores (con Torquemada á cabeza) promoveron unha campaña de desprestixio e para iso contaron co concurso (remunerado, naturalmente) de importantes artistas: velaí a obra de Pedro Berruguete arredor dun acto de fe presidido por S. Domingos de Guzmán contra uns xudeus conversos, nun caso flagrante de anacronismo (ao cabo, o fundador da Orde de Predicadores combateu cátaros e non xudeus).

Usura

Durante os anos de convivencia, había un interese mutuo nas artes ornamentais. Así, os xudeus ricos pagaban os manuscritos ornamentados (as hagadás) similares aos códices cristiáns. Pero a presión da Igrexa conduciu aos estereotipos e ao libelo. Unha das actividades que a xerarquía católica cedeu aos xudeus era o préstamo financeiro. Esta circunstancia pasou a ser vista como propia da usura, unha imaxe que chegou ata os nosos tempos (velaí as afirmacións de Vicente Risco verbo de Francesc Cambó, malia non ser xudeu).

Pero se a desconfianza cara aos hebreos aumentaba, tanta ou máis había contra os conversos, especialmente cando –por estaren plenamente integrados nas sociedades cristiás- pasan a ter acceso a cargos importantes na administración ou, incluso, na Igrexa. Uns persoeiros que fronte a esa desconfianza (a lingua catalá xerou a expresión fer dissabte, “facer sábado”, como sinónimo da limpeza doméstica semanal), promoveron manifestacións artísticas que, por exemplo, exhibía imaxes de Cristo crucificado cunha tea transparente que mostraba a súa circuncisión. Porén, a finais do século XV houbo unha converxencia de situacións que levaron á definitiva expulsión dos xudeus: primeiro nas coroas de Castela e Aragón e despois en Portugal. E esta tráxica actuación precisaba do que hoxe chamamos relato. E acompañando as probas de limpeza de sangue, a iconografía relixiosa incorporou as imaxes condenatorias dos xudeus para reafirmar a hexemonía da relixión cristiá nunhas sociedades que, en portas do Humanismo renacentista, aínda non rachara coas ancoraxes medievais.

Suscríbete para seguir leyendo