Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cantiga de Afonso X

Un rei Sabio de hai oitocentos anos

Afonso X, o Sabio (1221-1284), “rei de Castela, León e Compostela”, segundo unha miniatura das Cantigas de Santa María.

Neste ano que atravesamos alcanzarase o oitocentos aniversario do nacemento de Afonso X O Sabio, un dos grandes mecenas europeos do seu tempo e o monarca medieval hispánico ao que debemos os maiores logros culturais, un tempo no que a lírica galego-portuguesa atinxiu o seu período de máximo esplendor coincidindo co seu reinado (1252-1285) e co dos coetáneos reis portugueses Afonso III (1248-1279) e Don Dinís (1279-1325). Mais se no cultural, no científico e no económico o seu foi un goberno próspero coma poucos, no político resultou unha época abondo convulsa: o rei foi sabio na letra, mais non na xestión.

Como fillo de Beatriz de Suabia (da casa de Hohenstaufen) teimou en ser coroado emperador do Sacro Imperio Romano e dilapidou tempo e cartos ás moreas nunha empresa que se lle resistiu e na que apenas se obtivo a vitoria pírrica de ser nomeado Rei de Romanos á morte de Guillerme de Holanda. E aínda este título o ostentouno en disputa, pois Ricardo de Cornualles, irmán de Henrique III, rei de Inglaterra, tamén o empregou. Doutra parte, o problema sucesorio que se abriu tras o pasamento do seu primoxénito, o infante Fernando de la Cerda, levou a que o seu segundoxénito se rebelase contra el e lle declarase unha guerra civil na que o pai acabou morrendo en Sevilla o 4 de abril de 1284 e o fillo coroado como Sancho II.

Mais entre guerra e guerra da Reconquista, entre sufocacións de revoltas mudéxares e loitas polo reino do Algarve, entre infrutuosos fechos do Imperio e de Allende e rebelións nobiliarias, ao Rei Sabio aínda lle deu tempo para impulsar un labor artístico, historiográfico, literario, científico e xurídico que está na base da cultura hispánica erixida nos séculos posteriores.

A Afonso X debémoslle o definitivo impulso desa xenuína academia na que el foi Sabio entre sabios e que coñecemos polo nome de Escola de Tradutores de Toledo, un centro no que fixo convivir a eruditos latinos, hebreos e islámicos que trasladaron a lingua romance as preciosas obras das culturas helena e árabe. Mais tamén foi el quen promoveu a redacción de Las siete partidas, a máis avanzada norma xurídica europea daquel tempo, amais de importantes tratados de xadrez, mineroloxía e astronomía, como o Libro de los juegos, o Lapidario ou as Tablas astronómicas, e aínda decisivas obras de carácter histórico como a General Estoria e a Estoria de España.

Agora ben, a escrita pola que as xentes do Reino de Galicia han de ter sempre lembranza agradecida deste rei é, a non dubidalo, a que fixo agromar o seu estro poético, tanto o laico (que se concretou en moi célebres cantigas de amor e de escarnio e maldicir) coma, sobre todo, relixiosas, con ese monumento á lírica mariana que pasou á historia co rótulo de Cantigas de Santa María, máis de catro centos de composicións que chegaron a nós coa correspondente notación musical en admirables códices e que constitúen, con certeza, unha das grandes xoias da literatura e da música medievais europeas.

Hoxe a maioría dos estudosos apunta a que o rei houbo escribir só unhas poucas daquelas cantigas milagreiras, aínda que algúns, como Xosé Ramón Pena, abran a posibilidade de que tivesen sido máis das que se sospeitan. Fosen máis ou menos, o que é innegable é que el si que foi quen tomou a determinación de que se escribisen todas, quen supervisou o proxecto que as compilaba e quen as revisou de propia man para darlles o acabado definitivo. Actuou, polo tanto, xogando o papel que nos nosos días lle corresponde ao que coñecemos como un autor-editor.

Tan magna figura en tan destacada efeméride como esta do seu oitocentos aniversario (que se cumprirá con exactitude o vindeiro 23 de novembro) por forza ten de ser recordada e homenaxeada e así o está a facer xa a exposición Afonso X e Galicia, comisariada por Antoni Rossell e visitable na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela. E virán nos próximos meses outros eventos que continuarán a incidir na memoria do seu legado, sen dúbida unha angueira necesaria e oportuna, aínda que nada máis sexa que para evitar que endexamais un Rei Sabio volva a ser sucedido por outro sanguinario que pasou á Historia co violento sobrenome de O Bravo, por máis sinais analfabeto.

Compartir el artículo

stats