Entrevista | Xosé Manuel Soutullo Director de Editorial Galaxia

“O papel vai seguir sendo fundamental na transmisión cultural”

Vinculado a Galaxia durante máis de corenta anos, Xosé Manuel Soutullo (Vigo, 1956) é dende o pasado mes de outubro o novo director da editorial, sucedendo no cargo a Francisco Castro

Xosé Manuel Soutullo, estes pasados días en Vigo.

Xosé Manuel Soutullo, estes pasados días en Vigo. / Elías Regueira

Leva Vde. o suficiente tempo na cultura galega como para entender que se Galaxia chama a porta, para nomealo director, non parece doado respostar que non. De todos os xeitos, que foi o que máis o animou a aceptar a dirección da editorial?

–Son unha persoa vinculada a Galaxia dende hai máis de catro décadas, e de feito nela desenvolvín a meirande parte da miña actividade profesional, entre otras cousas como membro do Consello de Administración e como director da Fundación Penzol. Daquela sempre me sentín comprometido co proxecto que Galaxia significa, de maneira que cando o Consello me pediu volver, a verdade é que non necesitaba un estímulo especial para aceptar o nomeamento, senón que era unha responsabilidade que asumía de grado, como se fose un proceso natural e sentíndome moi honrado de que pensasen en min.

–Reflexionou xa respecto de cales van ser a liñas básicas que van caracterizar a súa xestión á fronte da editora?

–Aínda non levo eses cen días de confianza que se piden para “instalarse”, pero polo que dixen antes, xa se poden sospeitar cales serán esas liñas básicas. Galaxia é un proxecto de longo percorrido; de feito, estamos a piques de cumprir 75 anos como empresa cultural, o cal é un caso empresarial único en Galicia. Por tanto, dende logo a miña presenza como director non vai caracterizarse por uns cambios radicais sobre as estratexias e mais as prácticas da empresa. Obviamente, sempre hai unha impronta persoal, pero en todo caso a miña etapa caracterizarase por afianzar as liñas coas que Galaxia, coma sempre fixo, procura saber responder ás demandas da cultura galega.

–Dirixir Galaxia é algo así como coller as rendas dunha institución identitaria da cultura de noso dos últimos 75 anos; case que un organismo oficial, vaia. Teme que nalgún intre lle vaia pesar esta responsabilidade ou vaise sentir restrinxido nas súas propostas diante do consello editorial?

Pois claro que me sinto moi responsable, se non sería un irresponsable (risos). Pero vaia, a dirección dunha empresa como Galaxia tampouco é unha cousa na que unha persoa toma as decisións en solitario. A fortuna que temos é que en Galaxia hai un equipo profesional contrastado, con experiencia e ben cohesionado, o cal fai que un cargo coma o meu se asemelle ao dun director de orquestra que pon en común os músicos e que toma as decisións despois dun intercambio de ideas. Eu, de feito, son moi partidario do traballo en equipo. Nese senso, non teño ningún temor, todo o contrario.

–A ninguén lle pasa desapercibido que Galaxia é moito máis que unha editorial. Iso quere dicir que implantar innovacións “atrevidas” lle vai custar máis traballo, ou vai ser máis difícil, que se se fixera cargo doutra editorial meramente comercial?

–Galaxia tamén é unha empresa comercial que, como tal, non pode asumir perdas. Dito isto, Galaxia non reparte dividendos, ou sexa, que os beneficios que haxa, sexan estes maiores ou menores, sempre se irán reservar para os propios proxectos da editorial, e nese sentido a presión de repartir beneficios non existe, pero si a presión da responsabilidade de que temos que xestionala máis alá do meramente comercial. Hai que conxugar, daquela, esas dúas perspectivas. Debemos ser conscientes de que Galaxia é moito máis que unha editorial; entre outras razóns porque manexamos un material sensible, que é o que deriva da cultura. A partir de aí, tomaranse as decisións que se consideren máis axeitadas, pero que conste que a historia demostra que Galaxia sempre foi atrevida e anovadora, incluso en momentos moi complicados. Galaxia nunca foi conservadora, ten aberto moitos novos camiños e abertas portas a moitos autores novos. E aí si que imos seguir.

–En Galicia, dicir Galaxia é cáseque sinónimo de dicirmos libro en galego, pero estamos no tempo das novas tecnoloxías e, polo tanto, de novos soportes...

–Por suposto que si. A cultura galega ten que atender estas novas demandas, que veñen nomeadamente da xente nova que usa plataformas dixitais. E Galaxia xa está niso, somos conscientes de que hoxe en día a xente non só le en papel. Non obstante, á marxe dos soportes, o substancial, o verdadeiramente importante é ler ou, mellor dito, adquirir o hábito da lectura. De feito, eu son dos que cren que a xente nova nunca leu tanto como hoxe en día, malia que os contidos non sexan sempre culturais. Dito isto, tamén son dos que pensan que o papel vai seguir sendo fundamental na transmisión cultural.

Xosé Manuel Soutullo.

Xosé Manuel Soutullo. / Elías Regueira

–Pola súa dimensión e trascendencia, Galaxia non debería poder permitirse publicar nunca un libro que non teña a calidade suficiente. Vai Vde. ser moi rigoroso neste senso?

–É certo que hai unha tendencia, a cal non devén exclusiva da literatura galega, que consiste en que a maquinaria da industria editorial necesita publicar moito para poder sustentarse economicamente. Daquela, debe buscarse un punto de equilibrio e ese punto, no caso de Galaxia, consiste en atinar o máximo posible no rigor da selección dos libros que se publican. Non é que haxa que aplicar un listón, ou uns limites moi ríxidos, pero para iso está a competencia do equipo editorial que é o que marca a liña da editorial. Que é aquilo que o determinará ao cabo? Pois iso vaise reflectir na nosa práctica e en como acollen os nosos libros os lectores, os críticos e mais os axentes culturais en xeral.

“O meu obxectivo é afianzar as liñas coas que Galaxia vén respostando as demandas da cultura galega”

–En Galicia publícase moita novela (ou mellor, moita ficción) e moita poesía, pero hai quen opina que non se publican os suficientes ensaios, que faltan libros de pensamento, de filosofía, de análise, de reflexión... Vai Vde. procurar que se cubra esta especie de baleiro?

–A publicación de ensaios está nos xenes de Galaxia. Nós temos o premio Ramon Piñeiro de Ensaio e colaboramos co Xacobeo noutro. Nos inicios de Galaxia, o ensaio foi a grande aposta do proxecto. Todos os anos publicamos varios ensaios, e ademais temos a revista Grial. Dende logo, en Galaxia non se nos pode criticar por non publicarmos ensaios, porque iso está demostrado no camiño percorrido pola editorial dende que se fundou.

– Xa está en marcha a convocatoria do Premio Galaxia de Novela. O anterior gañouno Carlos Casares hai 50 anos. Propúxose darlle unha periodicidade máis curta a este premio?

–Pois a verdade é que non. Tanto a min como á propia editorial parécenos que xa hai moitos premios literarios en Galicia. En todo caso, para que cumpramos os 100 anos, só faltan 25 (risos).

Suscríbete para seguir leyendo