Francisco Castro dimite como director xeral de Galaxia

O escritor xustifica a súa renuncia pola falta de resposta do presidente e o conselleiro delegado da editorial ante a polémica xurdida tras una entrevista de Alberto Ramos

Francisco Castro.

Francisco Castro. / Alba Villar

Francisco Castro vén de anunciar na mañá de este luns a súa dimisión como director xeral de Galaxia. A orixe da renuncia é a polémica xurdida principalmente nas redes sociais tras a entrevista do escritor Alberto Ramos no xornal Praza.gal o pasado 8 de setembro, onde se queixaba do proceso de edición da súa obra 'Os corpos dos Romanov' (editada por Galaxia), e cuestionaba a xestión de Castro.

De feito, o ata agora director xeral de Galaxia expresa no comunicado onde informa da súa dimisión que "non podo continuar despois de que a empresa, a través do seu Presidente e Conselleiro Delegado, se negasen reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a Editorial publicadas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos nosos autores".

No escrito, Castro tamén considera que "non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas". Engade, ademais, que non pode seguir a ser cargo de alta dirección dunha empresa que "en múltiples ocasións, mais de xeito especialmente virulento nos últimos días, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas, especialmente as que teñen que ver coa miña ideoloxía política publicamente recoñecida mesmo con anterioridade ao meu nomeamento como Director Xeral".

No comunicado, Castro lembra que a fundación de Galaxia por persoeiros como Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro ou Xaime Isla Couto "é un soño colectivo iniciado en 1950 por un monllo de loitadores e loitadoras antifascistas que consideraron que a cultura podía ser unha inigualable munición contra o totalitarismo, e que, ademais, puxeron ese nobre obxectivo por diante dos seus intereses persoais". "Se eses valores —continúa o exdirector xeral da editorial— se esquecen e se cuestionan desde o propio corazón da empresa, non ten sentido que eu me manteña á súa fronte, e quizais a mellor maneira de loitar por eles sexa preservar todo iso que está na esencia de quen eu son e que tanto semella molestar: un escritor e un activista da nosa cultura que seguirei defendendo o ideario fundacional de Galaxia alí onde a vida me leve".

Conflito laboral

O traballo de Castro á fronte da editorial tamén foi posto en cuestión nos últimos días pola poeta e xestora cultural Tati Mancebo, despedida como directora xeral de Merlín comunicación e directora comercial de Galaxia en novembro de 2022.

A tamén tradutora publicou un duro comunicado "para defender o meu prestixio e a miña reputación" no que relata que "durante 14 meses sufrín acoso e discriminación durísimos por parte do director xeral da Editorial Galaxia, así como do presidente e do conselleiro delegado do Grupo Galaxia", unha situación pola que se lle abriu expediente disciplinario.

En novembro de 2022, explica, tras resolverse o expediente na súa contra, notificóuselle "que se me despedía con despido obxectivo, aínda que finalmente este se converteu en improcedente no acto de conciliación". Apunta, tamén, que non lle son descoñecidas "as malas prácticas que están a sinalar varios autores nestes días".

A editorial Galaxia, consultada por Europa Press ao respecto destas informacións, aínda non comunicou a súa postura.