Do contexto ao corpo

Intelixencia artificial e medo ao post-humano

“HAL 9000”: a IA de 2001: Unha odisea no espazo (Stanley Kubrick, 1968). |  FOTO:  ARQUIVO

“HAL 9000”: a IA de 2001: Unha odisea no espazo (Stanley Kubrick, 1968). | FOTO: ARQUIVO / Marcela Santorun

Houbo un tempo no que falar dos medos, e exhibilos, era a demostración dunha debilidade inaceptábel. Pero nas sociedades actuais, o medo, parece desbordar os seus atadallos físicos e intelectuais para artellarse non só como unha forma de ver o mundo senón tamén de actuar nel. Hai respostas de medo biolóxicas que medran na fronteira do risco e anteceden a reflexión. Pero ás veces o medo é produto da consciencia, e xa sabemos que o soño da consciencia produce auténticos monstros. Esta dimensión excede a experiencia individual do biolóxico para construírse culturalmente. Así cada época ten os seus medos, e a nosa eleva o medo a un nivel existencial que se reproduce con intensidade fronte á diferenza, á perda das tradicións, á desaparición do coñecido, á emerxencia do cambio e especialmente a perda da singulariedade que supón á intelixencia artificial.

O robotista Masari Mori chamou (1970) “val inquietante” a un curioso efecto que se desenvolve en presenza de robots con aparencia humana. Parece que os robots se volven simpáticos a medida que adquiren calidades emocionais, pero pasado un límite no realismo, estas semellanzas vólvense terroríficas. O medo é bioloxicamente informativo, unha estratexia de supervivencia que garda na súa natureza condutas instintivas e atávicas. Tal vez este fenómeno da robotización é o produto dunha intuición que anticipa un conflito de competitividade e desperta a loita pola supervivencia, unha emoción que supera calquera promesa tecnolóxica. O medo nos pasaxeiros da nave “Nostromo” en Alien deixa nun plano desvalorizado as explicacións da IA que comanda a expedición sobre as bondades para a vida humana de coñecer unha vida distinta e superior.

Pero este medo á intelixencia artificial, non só está presente na poboación xeral. O preocupante é que 50.000 expertos e empresarios alertan sobre os perigos desta evolución tecnolóxica e suxiren a suspensión da investigación nesta área por seis meses. Seis meses? Porque seis e non catro ou oito? Así, científicos como Gary Marcus presentan o escenario da IA como caótico, sumerxido nun exercicio de auténtica irresponsabilidade mundial. Non cuestionan a investigación de seu mesma senón os seus usos, e consideran indispensábel a reflexión ética sobre os límites da súa utilización. O medo é un combustíbel moi poderoso que dirixe a evolución. Pode observarse como promove estratexias dirixidas a apuntalar a nosa evidente fraxilidade fronte á morte dende a elaboración de fetiches protectores ata a organización dos estados.

Estamos no salto evolutivo da odisea de Kubrick, observando os límites físicos e intelectuais da evolución tecnolóxica na que consideramos a intelixencia como un medio de supervivencia pero tamén de morte. Porque “HAL 9000”, a IA da nave de 2001: Unha odisea no espazo, adquire autonomía para pensar e sentir, e sentir significa a presenza do medo que impulsa a Hal a protexer a súa propia existencia. Eliezer Yudkowsky, un científico experto en intelixencia artificial -un dos asinantes da declaración que solicita parar a investigación- di que unha intelixencia sobrehumana con consciencia plena acabaría matándonos a todos e reafírmase engadindo que, máis que unha certeza, devén unha obviedade.

Se disipamos da mente as imaxes cinematográficas apocalípticas e violentas que asoman á imaxinación e que nos colocan nun plano de certe incredulidade sobre estes asuntos, e en lugar disto pensamos nunha transformación paulatina do que somos, a posibilidade da desaparición do humano gaña probabilidade. Porque hai feitos indidiscutíbeis como que a tecnoloxía deu o salto do contexto ao corpo hai tempo. Pensemos nos fármacos e nos artefactos que promoven química e funcións ou reemprazan estruturas ou órganos deteriorados. Imaxinemos un humano ao que medicamos para controlar a súa emocionalidade, funcións cognitivas e endocrinas. Logo introducimos un marcapasos, unha válvula no corazón, un par de próteses nas articulacións, un dispositivo subcutáneo de control da glucosa, unha extremidade biónica e así sucesivamente mantemos a vida deste home. Existe un momento no que este humano deixa de ser o que hoxe consideramos un ser humano? Se facemos unha enquisa é posibel que a xente diga... mentres teña a súa cachola… pois aí é onde estamos agora.

Suscríbete para seguir leyendo