Ollar Vigo no tempo

Un relato visual da historia da cidade

En 1920, na revista A Nosa Terra, voceiro das nacionalistas Irmandades da Fala, o escritor Vicente Risco publicaba un poema, por el mesmo denominado “futurista”, nuns versos inzados de lúdico dinamismo vangardista afirmaba que “A Cruña fita as brétemas d’Irlanda/ Vigo os raña-ceos de Nova York”. O intelectual ourensán, neste texto cheo de imaxes de eléctrica velocidade, definía a cidade de Vigo en manifesto teor de progreso e avanzada: “Nudo de todol-os fíos/ enfiando todal-as vilas do mundo”, versos que poden ser un eco da presenza da cidade nas redes de comunicación mundial, velaí a Eastern Telegraph C.º Ltd. (O Cable inglés), instalada en Vigo desde 1873. Un aspecto en que afondan, sen dúbida, os versos do director da revista Nós -fundada ese mesmo ano-, é nunha percepción común no tempo entre galegos e foráneos que visitaban a nosa urbe, que a situaban na vangarda da modernidade por mor do seu sorprendente e espectacular crecemento e do seu forte dinamismo social.

Este espírito ligado á vontade de progreso material de Vigo era algo que xa se comezara a enxergar desde mediados do século XIX e non era -nunca o foi- contraditorio co desenvolvemento cultural e artístico. Máis ben ao contrario, o crecemento da cidade ligouse desde o XIX ao seu progreso como referente cultural do país, combinando unha vontade cosmopolita -que o porto sempre favoreceu- cun forte sentimento identitario galego, de que son proba fitos como a publicación en 1863 dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro na imprenta de Juan Compañel na Rúa Real, inicio preciso dos noso Rexurdimento. Estes aspectos, e moitos outros que nos levan ás orixes castrexo-romanas e a un vizoso mundo medieval -o dos cantigas de Martín Codax e do románico- pairan por todo o proxecto expositivo Vigo no tempo, unha mostra que nos ofrece, da man de Manuel Gago e Manuel Bragado, unha atractiva e caleidoscópica imaxe da cidade, ban afastada do tópico de urbe sen historia e/ou allea ao devir cultural do país.

Ollar Vigo no tempo

Para ver este vídeo suscríbete a Faro de Vigo o inicia sesión si ya eres suscriptor

Suscríbete

¿Ya eres premium? Inicia tu sesión aquí

@eliregueira

Desde a perspectiva artística, a sintética escolma proposta na exposición, reforza esta percepción. A arquitectura e as imaxes pictóricas do Vigo do século XIX vinculan as dúas realidades da aposta polo progreso e a construción cultural desde a identidade, como exemplifican as edificacións eclécticas, modernistas e racionalistas, espello do asentamento e consolidación dunha burguesía industrial ligada ao mar e ao comercio.

Nesa mesma altura aparece unha pintura que se consolida na segunda metade do XIX e inicios do XX con nomes galegos como Ramón Buch, Serafín Avendano, Carlos Sobrino ou Benigno Pereira Borrajo ou foráneos como Juan Martínez Abades -por citarmos só artistas patentes na exposición-. Neles son visíbeis as dúas versións dominantes nunha parte da pintura galega que constituirán motivos recorrentes durante décadas: a paisaxe a partir dunha captación naturalista, preocupada polos pormenores e a luz, e as escenas de costumes, frecuentemente inseridas nun contexto de labores cotiáns ou festivo. Nas escenas costumistas a tradición e os caracteres singulares son utilizados coa finalidade de os pintores concibiren escenas típicas e pintorescas, seguindo o ronsel doutros artistas europeos e americanos, con ese gusto polo inxel e popular.

Ollar Vigo no tempo

Vista dunha parte da exposición "Vigo no tempo". / @eliregueira

Unha intensa creatividade que será continuada coa requintada art déco de ourives como os irmáns Hernández e coa presenza central Movemento Renovador da Arte Galega (Os Novos) nos anos inmediatamente anteriores e posteriores á Guerra Civil na cidade, representado na mostra por Laxeiro. Unha vizosa realidade artística e cultural que terá un fito senlleiro coa creación da editorial Galaxia en 1950, símbolo da resistencia cultural nacional, nun contexto en que aparecen na pintura as figuras sobranceiras de Urbano Lugris e Xosé Lodeiro e máis tarde a eclosión do movemento Atlántica e da “Movida” dos anos oitenta, tempo en que se consolida a urbe como capital do libro galego e da modernidade do país.

A mostra 'Vigo no tempo' explora como a cidade se convertiu nunha urbe clave

Afundación / Xunta de Galicia

[object Object]

Concibida como un relato visual, a mostra mergúllanos na captación da cidade desde as orixes até a actualidade cunha combinación de obxectos de alta cultura e cotiáns, publicacións, obras de arte, documentación histórica, recreacións virtuais, fotografías, mapas e planos.

A exposición permite percibir a realidade dunha urbe que medrou nun territorio xa intensamente habitado mesmo antes de existir a propia idea de cidade. Con base nesta premisa, o traxecto abrangue as infraestruturas destacadas a nivel comercial, cultural e de comunicacións. Un camiño que repasa, alén diso, pezas arqueolóxicas de grande importancia, os documentos fundacionais, algunhas das imaxes máis antigas da cidade e mesmo grandes proxectos que non foron aprobados, exemplos notábeis do esforzo por pensar unha cidade e unha Galicia con proxección e futuro e ao mesmo tempo con alicerces ben asentados no seu pasado cultural.

  • Vigo no tempo / Cidades no tempo

    Comisariado: Manuel Gago.
    Coordinador local: Manuel Bragado.
    Produción: Cidade da Cultura/ Xunta de Galicia.
    Sede de Afundación, Vigo. Até o 20 de xaneiro

Suscríbete para seguir leyendo