Nerea, outra volta

Humor e sorpresas en BD

Viñetas de Nerea, a invasión dos trastos (2023)

Viñetas de Nerea, a invasión dos trastos (2023) / Xerais

Raquel López

Hai xa case dous anos e medio que Edicións Xerais publicaba Nerea. O príncipe da sorte, obra gañadora da segunda edición do Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Os autores da mesma, o guionista pontevedrés Miguel Rojo e o debuxante ourensán Pablo Pardo, xa deseñaran unha obra didáctica seriada cando presentaron o seu proxecto ao galardón: varios volumes de diferentes temáticas, destinados para as nais e pais e, especialmente, para os máis novos, que terían lugar en mundos que permitisen a sucesión de moitas cousas tolas e divertidas pero sen deixaren de lado un contido consciente que dese marxe á reflexión. Agora, de novo desde Xerais, chega aos andeis das librarías a segunda entrega: Nera, a invasión dos trastos.

Se na primeira novela, o batuxo incesante de Nerea nunha poza fai que a nena a atravesé ata chegar a un mundo no que terá que apañarse para combater as bacterias –unha divertida historia de aventuras cun gran peso na prevención da saúde, reflexo sen dúbida dunha obra creada no confinamento pandémico– nesta nova oportunidade, a historia vénse centrar na relación das persoas coa tecnoloxía, un asunto complexo que consegue abarcar diferentes aspectos relacionados con ela, como a súa omnipresenza e posible abuso, o consumismo e mais a obsolescencia programada ou as diferenzas xeracionais no seu emprego e a solidariedade interxeracional para palialas. E tal e como acontecera no anterior volume, estas novas oitenta páxinas a toda cor están cheas de sorpresas, con boas doses de humor. Destaca, entón, o ritmo áxil e fluído da narración, que alicerza nun debuxo detallado e colorista, con composicións de páxina dinámicas e moi atractivas para o público novo.

Os autores, que se coñeceron na escola pontevedresa de BD O Garaxe Hermético, confesan que a inspiración para algúns dos personaxes nace da súa propia familia. Nerea está inspirada na sobriña de Miguel Rojo, incluído o nome real e mais o espírito aventureiro; canto ao avó da heroína, e co-protagonista el mesmo desta segunda novela, devén un trasunto de Antonio, avó de Pablo Prado. De feito, o terceiro e último número co que pecharán esta triloxía, en caso de publicarse –agardamos que así sexa–, estará protagonizado por Antonio e mais a súa muller Nucha, cuxa historia, adianta o debuxante, é moi emotiva e emocionante.

Pablo Prado recibiu o Premio de Fin de Curso de O Garaxe Hermético por O derradeiro libro de Emma Olsen, adaptación gráfica da novela narrativa de Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) e é o debuxante de Os berros da motocicleta, guionizado por Kiko da Silva (Vigo, 1979), unha pequena biografía de Josefina Arruti Viaño, publicada polo Concello de Pontevedra. Adicado a tempo parcial ao audiovisual, tamén creou varios storyboards para a afamada serie de streaming La casa de papel (2017-2021) e para Segunda muerte, serie que se estreará o próximo 2024 na plataforma de Movistar.

Da súa parte, Miguel Rojo é debuxante, ademais de guionista. Colaborou en revistas como A viñeta de Schrödinger, Ensueños e Colección Cornelius e está a traballar nunha novela gráfica con algunha dose autobiográfica, titulada A miña outra vida, protagonizada por un home que é infeliz co seu traballo nunha gasolineira, e que será publicada proximamente.

Xuntos participaron como debuxantes nos volumes corais de O Garaxe Hermético, Florencio (Deputación de Pontevedra, 2022) e As 9 cruces (Deputación de Pontevedra, 2023), guionizados por Fernando Llor (Vigo, 1982). Tamén colaboran ambos na obra recompilación Regreso á illa de San Simón (Deputación de Pontevedra, 2021), coordinada por Kiko da Silva.

Anabel Colazo na Galería Grelería

La Grelería, situada na rúa Arco de A Coruña, é unha galería que naceu na primavera de 2022, da man dos creadores Julia Lago e Daniel Rodríguez, e irmandada co taller gráfico Lacón con grelos, especializado nas técnicas de impresión serigráfica e risográfica. Os fundadores do espazo detectaron unha carencia na súa cidade e crearon este punto de encontro que serve de apoio a artistas locais por tres vías diferentes: exposicións permanentes e rotativas, vendas de láminas e obradoiros. Ademais, queren potencian aínda máis esas sinerxias, convidando a xente para crear conxuntamente nun espazo dedicado a tal fin na planta de arriba.

As exposicións rotativas teñen unha duración duns dous meses. Desde o pasado 26 de outubro pódese gozar de Tales from the whispering realm, unha mostra de ilustracións impresas en risografía da artista Anabel Colazo (Eivissa, 1993) –autora dos cómics Encuentros cercanos (2017), No mires atrás (2019) e Espada (2022), os tres publicados pola editorial La Cúpula–, que nos mergulla nun mundo máxico de historias case desaparecidas.

Desde a súa inauguración, xa pasaron por La Grelería algunhas e algúns grandes artistas como Begoña García-Alén, Luis Yang, Iria Fafián, Laura Mahía ou Ro Ledesma.

Suscríbete para seguir leyendo