O irlandés rebelde

Arredor do teatro de Brendan Behan

Brendan Behan (1923-1964) no seu ambiente preferido.

Brendan Behan (1923-1964) no seu ambiente preferido. / FDV

Manuel F. Vieites

No seu magnífico estudo sobre o que denomina “teatro de protesta e paradoxo”, publicado en Nova York en 1964, e despois en Barcelona en 1966, George E. Wellwarth inclúe un autor pouco coñecido onda nós, ao que define como “primitivo irlandés”, alcume acaído se por primitivo entendemos o que é orixinal, e non tanto o rústico ou arcaico. Un autor, polo demais, difícil de clasificar, se pensamos nas tendencias que recolle Wellwarth –pois nin cadra ben no que se coñeceu como “absurdo”, nin no movemento dos mozos irados– aínda que si mantén un certo aire de familia coas miradas de Jarry, Ghelderode ou Genet, na súa vontade iconoclasta.

O irlandés
rebelde

Cartaz anunciando 'The Quare Fellow' (1954). / FDV

Behan naceu en 1923 en Dublín, o ano en que William Butler Yeats recibe o Premio Nobel de Literatura, no seo dunha familia republicana, pero tamén obreira, polo que vén ao mundo nunha casa pouco vinculada co tradicionalismo moral do nacionalismo irlandés. Súa nai, Kathleen Kearney, era amiga de Michael Collins, e con doce anos Brendan escribe un poema “The Laughing Boy”, lembrando aquela figura querida e lembrada pola nai. Cando nace, seu pai, Stephen, estaba no cárcere de Kilmainham Gaol, polo que a nai tiña que mostrarlle o neno desde a rúa, que el podía ver desde a fiestra da cela. Así foi como se miraron por vez primeira. Nesa familia, Behan recibe unha herdanza cultural notable, pois recolle a vontade de aprender do pai, o gusto pola tradición popular da nai, e a paixón polas letras dun tío materno, Peadar Kearney, compositor de cantigas de axitación e propaganda nacional irlandesa. Una mestura explosiva.

Por iso, desde mociño afilouse ás mocidades do Exercito Republicano Irlandés, no que entra con 16 anos, e na súa primeira misión é detido en Liverpool. Ao negarse a delatar os compañeiros, foi encarcerado durante tres anos na HM Prison Hollesley Bay, reformatorio penal para menores (“borstal”, en inglés), unha experiencia que recolle en Borstal Boy (1958), relato autobiográfico no que abrolla con forza unha mirada non binaria da realidade para defender que por detrás das diferenzas nacionais, étnicas, relixiosas ou lingüísticas latexan conflitos de clase, causa da explotación dos máis. Antes da misión en Liverpool quixo alistarse nas Brigadas Internacionais para loitar a favor da Segunda República, logo de ler un poema de W. H. Auden, “Spain”, pero súa nai fíxolle abandonar a idea. En 1965 chegaría Confessions of an English Rebel, segunda parte do seu relato autobiográfico, no que volve abrollar a súa mirada irreverente ante todo.

Brendan comezou a publicar relatos, poemas e crónicas cando mozo, pero a súa irrupción no sistema literario prodúcese en 1956 coa estrea dun texto seu a cargo dunha compañía inglesa, o Theatre Workshop, dirixida por Joan Littlewood. Falamos de The Quare Fellow (1954), traducida en 1972 por Ana Antón-Pacheco para o castelán como Víspera de ejecución, pois en efecto recrea as horas previas á execución, mediante forca, dun prisioneiro nun dos cárceres de Dublín, o denominado Mountjoy, que el ben coñecía, pois en 1942 volve ser detido e condenado a 14 anos, inda que sería indultado en 1946. Esta peza comeza cunha canción de Dick Shannon, “The Auld Triangle”, que fixeron moi famosa Dubliners, Bob Dylan ou The Pogues, e que Behan xa incluíra no seu álbum Behan Sings Irish Folksongs and Ballads (1960).

A segunda peza de Behan, An Giall, publicada en 1972 en castelán como El rehén, en tradución de Juan José Arteche, foi estreada en 1958 en Dublín, no teatro An Damer, con dirección de Frank Dermody. Escrita en gaélico, no mesmo ano foi estreada en inglés polo Theatre Workshop de Joan Littlewood, e por segunda vez, o espectáculo convértese nun éxito de público e crítica, confirmando o potencial como dramaturgo do seu autor. Recrea o secuestro dun soldado inglés por parte do IRA, e a acción decorre nun bordel, lugar elixido para poder evitar o seguimento policial, o que provoca diálogos e situacións hilarantes. Outro texto dominado pola ironía, o sarcasmo, e o humor cáustico de Behan, trazos que definen a súa posición ante a vida. Un dramaturgo enorme, por recuperar.

O neno sorrinte

Ben que por veces se teña comparado a súa traxectoria coa do poeta Dylan Thomas, e non sen razón, Brendan Behan é unha figura única, moi querida no seu país, tanto que o seu enterro, en 1964, converteuse nun acto de masas, só comparable ao homenaxe que recibiron Patrick Pearse ou Michael Collins. Herdeiro da mellor tradición da poesía e da tradición oral gaélica, popular e culta, era unha sorte de bardo que contaba historias, recitaba, e cantaba, dominando moitos dos rexistros en que os seres humanos se comunican e regalan. E o seu escenario preferido era a taberna, aínda que en calquera espazo de sociabilidade despregaba os seus dotes de “performer”, e así o faría en programas de radio e televisión. Aquel poema a Michael Collins, “O neno sorrinte”, que Brendan inclúe en The Hostage, sería musicado por Mikis Theodorakis, e a peza estreada en Grecia en 1962. E así, a canción “To gelasto paidi”, converteuse naquel país, na época da durísima ditadura militar, nun himno na loita pola democracia e as liberdades, pois tamén Costa Gravas a inclúe na película Z (1969). Un poema no que latexa a mirada cálida e inocente dun neno cando descobre o peso horrible da traxedia, e que, con doce anos, mostra a súa altura literaria. Con dúas pezas converteuse dun dos dramaturgos máis relevantes no seu tempo, e as dúas seguen a ter moita actualidade.

Suscríbete para seguir leyendo