Entrevista | Manolo González Investigador da Historia e Cultura Audiovisual

“Rey Soto quixo, co cine, mudar a mala imaxe de Galicia”

En O Benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto (Alvarellos /Deputación de A Coruña) González relata a insólita historia deste crego que foi tamén poeta, bibliófilo, bohemio… e inaudito director de cine, e que nos anos 20 do século pasado se foi converter en toda unha celebridade.

Manolo González, cun exemplar do seu novo libro.     | FOTO: CARMEN SUÁREZ

Manolo González, cun exemplar do seu novo libro. | FOTO: CARMEN SUÁREZ / Lourdes Varela

–Non hai moito tempo, publicaba Vde. a biografía de José Gil, e agora sorpréndenos con este libro sobre Antonio Rey Soto, hoxe un grande descoñecido da historia cultural de Galicia pero que, paradoxicamente, foi moi famoso na súa época

–Pois si. Na súa época estaba constantemente nos medios de comunicación, e non só galegos, senón tamen españois e latinoamericanos. Tanto polo que atingue a dar notícia do que facía (cine, teatro, literatura…), como polos seus poemas, artigos…Pero si, despois converteuse nun esquecido, como lle pasou a moita xente do país.

–E por que no seu caso?

Non no se sabe moi ben de certo. Puido ser porque non estaba moi identificado cun ideario político determinado;porque non simpatizaba co nacionalismo ou porque era un sacerdote e, ao tempo, un bohemio, un sibarita, un tipo superestraño, demasiado heterodoxo para a súa época.

–Cando e como “descubriu” Vde. a Rey Soto e cando comezou a pensar que merecía que se fixese un libro sobre el?

Cando estaba documentándome sobre José Gil, foime aparecendo Rey Soto como a outra persoa que, arredor da década dos anos 20 do século pasado, tamén tivo o atrevemento de dedicarse temporalmente ao cinema. Casualmente, o seu “arrebato” polo cine fíxose público en 1923 e por iso me pareceu oportuno publicar este libro, para describir como foi ese arrebato cinematográfico nunha vida, a súa, que foi moi complexa, con moitas idas e voltas, e moitas historias del que se descoñecen…Hai cousas que xa se escribiran, pero eu tentei afondar en Rey Soto achegándome a súa figura, nomeadamente no eido do cine, dun xeito divulgativo, non academicista, como se fora unha pequena novela.

–Qué pasou nese ano 1923 que Vde. cita?

Entre 1922 e 1923, rodou unha película documental sobre Galicia e Asturias de… seis horas de metraxe! Una película que non só se estreou aquí, senón que levou ese filme a Cuba, onde fixo máis de cen proxeccións. Por outra banda, Rey Soto participou na creación de Celta Films, que foi a segunda empresa cinematografica galega (a primeira foi a de José Gil). E, por certo, este ano tamén se conmemora o centenario da estrea da primeira longametraxe galega de ficción, Maruxa, proxectada por primeira vez en Madrid en novembro de 1923, e que logo percorreu toda Galicia e toda Latinoamérica. Era unha película muda, pero os rótulos estaban escritos en galego.

–Ademais de cineasta, foi narrador, poeta, dramaturgo, bibliófilo …

En poesía alineouse na corrente modernista, e fíxoo moi ben, ata o punto de que hubo quen o describía como “o novo Rubén Darío”. Pero eu, á hora de escribir este libro, centreime no cine, porque O Benshi…non é unha biografía de Rey Soto, senón que, como dixen antes, nel só quixen reflectir o seu arrebato cinematográfico, que é do que eu podo falar con coñecemento de causa, porque dos outros non son quen de avaliar a súa calidade poética, narrativa, dramatúrxica…

–Disque o seu arquivo de libros era impresionante.

Dende logo. Impresionante e inmenso, e consérvase íntegro no Mosteiro de Poio; eu consulteino, e pagaría a pena estudalo e analizalo a fondo por ese carácter bibliófilo que el tiña. De feito, a min paréceme que o legado máis interesante de Antonio Rey Soto foi a súa paixón polos libros antigos, dos séculos XVII, XVIII e XIX. Tiña unha colección de máis de trinta mil volumes, que constitúen unha xoia absoluta, unha marabilla.

–Un arquivo que Vde. consultou para facer este libro…

–Si, claro, porque alí está o seu Diario, no que, entre otras moitas cousas, conta día por día toda a súa aventura cinematográfica: conta a viaxe, o seu itinerario en Cuba…De feito, eu procurei seguir tamén todo o itinerario de lugares nos que estivo.

–Volvamos ao cine. Como naceu Celta Films?

A idea xurdiu nunha viaxe que Rey Soto fixo a Nova York, onde se estableceu arredor dun mes. Alí visitou, ademais dos cafés máis famosos, a que daquela era a sala de cine máis grande do mundo, a Capitol, que tiña unha pantalla inmensa e un aforo de 5.000 espectadores. Foi nela onde lle xurdiu a idea de que o cine podía servir como a ferramenta axeitada para rachar a mala imaxe que se tiña dos galegos e españois en América, onde só se miraba a cara triste, escura e pobre do país. Naquela altura el non sabía nada de cine, pero coa súa característica ousadía contactou cun grande empresario vigués, Antonio Méndez Laserna, propietario de oito salas de cinema en Galicia, parte delas en Vigo, e varias máis en toda España. Rey Soto convenceuno para fundar unha produtora chamada Celta Films, asinaron un contrato e comenzaron a rodar un documental por Galicia e Asturias e unha película de ficción, Maruxa, as dúas estreadas en 1923. Seica como o documental non tivo o éxito agardado, a empresa decidiu pechar.

–Que é un Benshi, palabra que figura no título do seu libro?

O Benshi é como lle chaman, ou lle chamaban, aos “explicadores” do cine mudo en Xapón, onde eran moi famosos, ata o punto de que a xente ía ver as películas polos benshis máis que polas películas de seu. Os benshis aparecían destacados nos cartaces e eran unha especie de mistura entre trobadores, rapsodas, contadores de historias, actores… que tiñan á xente engaiolada. Daquela o peso da palabra era máis relevante que o da imaxe. E Antonio Rey Soto abraiaba nas súas actuacións; a quen as entendera, claro. O que lle pasou foi que a linguaxe que empregaba era tan culta, tan estilizada, que a xente do común non o entendía moi ben, e menos os emigrantes, que eran o seu público potencial. Por iso a asistencia do público galego ás proxeccións foi escasa, e o proxecto rematou nun fracaso comercial e económico.

–A película 'Maruxa' tamén fracasou?

Non, tivo máis éxito, pero Rey Soto acabou moi decepcionado co fracaso do documental.

-Consérvase algunha copia ou anacos de secuencias destas dúas películas?

Do documental, ningunha. Mais de Maruxa seica se conservan secuencias na filmoteca francesa. Iso pasou coa maior parte do cine mudo. Cando chegou o sonoro, as películas mudas quedaron como unha “antigualla”, ninguén as quería ver xa. De maneira que quedaron gardadas nunhas latas, pero como as cintas estaban feitas con nitrato de celulosa, remataban apodrecendo ao abrir ditas latas.

Suscríbete para seguir leyendo