Os canóns do mar

Polas defensas costeiras de Galicia

Canón en Monteferro (Nigrán)

Canón en Monteferro (Nigrán) / @Eliregueira e arquivo

Judith R. Iglesias

Hoxe semellan as paraxes dalgunha película distópica: esquecidas, oxidadas, abandonadas. Pintadas de graffitis en moitos casos, vítimas do vandalismo ou recubertas de toxos e matogueiras. Cando soaría o último canonazo? E, aínda máis, como soaría o silencio que o seguiu? No seu día, eran as primeiras liñas de defensa e non dista tanto daquel momento. A comezos do século XX, a necesidade de fortificar as bases navais era unha realidade cada vez máis perentoria e moitas das baterías costeiras que agora visten a nosa xeografía emerxeron dos períodos de entreguerras. Claro está que xa soamente quedan vestixios daquela arquitectura militar.

A recuperación dalgunhas destas fortalezas, coa idea de impulsar un turismo sostible e conservar a memoria do lugar, comeza a coller forza. Así, nos primeiros meses deste 2023 a Deputación de A Coruña aprobou un presuposto dun millón de euros para a rehabilitación das antigas baterías costeiras de Ferrolterra; ao que, pouco despois, sumáronse dous millóns procedentes do fondo Next Generation da Unión Europea e destinados polo goberno central co propósito de pór en valor o “patrimonio cultural, costeiro e militar que representan” estes enclaves. Cabe sinalar que, a comezos do pasado século, Ferrol ocupaba unha posición estratéxica, como unha das tres grandes bases da Armada española, xunto coas de Cartaxena e Mahó. Deste xeito, e a partir do Plan de Artillado e Defensa das Bases Navais firmado por Primo de Rivera e aprobado por Real Decreto en 1926, desencadearíase a construción das baterías costeiras do golfo Ártabro, que non culminarían ata a Segunda República.

Canón en Monteferro (Nigrán). Nas imaxes pequenas: batería de San Pedro (A Coruña); batería de cabo  Silleiro (Baiona).  |  FOTOS: @ELIREGUEIRA  E ARQUIVO

Batería de San Pedro (A Coruña) / Arquivo

Este complexo militar estaba destinado a servir como elemento disuasorio de buques de guerra, defendendo o arsenal ferrolán. Distribuídas entre Valdoviño, Ferrol e San Pedro, as baterías contaban con canóns Vickers 381, enormes pezas de artillería produto da enxeñaría inglesa do momento. Concretamente, a batería do Monte de San Pedro (A Coruña), que entraría en funcionamento a partir de 1933, é mostra da relevancia xeopolítica destas costas, no só para España, senón tamén a escala europea. Neste sentido, durante a Segunda Guerra Mundial e malia a postura neutral do país na contenda, a fortificación ofreceu o seu apoio ás potencias do Eixe, que podían refuxiarse no seu interior. A súa complexidade estrutural e o nivel da súa fortificación garantiron a seguridade da base, evitando posibles enfrontamentos e favorecendo que na actualidade sexa unha das baterías mellor conservadas. Ademais, os recentes procesos de restauración dos canóns e do xardín – labirinto do Monte de San Pedro, iniciados no 2022, oriéntanse a impulsala como un museo e centro de interpretación.

O servizo militar obrigatorio chegou á súa fin hai poucas décadas. Ata ese momento, algunhas das baterías que no seu día se levantaron pola precaución ante posibles conflitos, serviron de cuartel para a formación dos novos recrutas. Tal foi o caso da batería costeira do Cabo Silleiro, en Baiona, catro canóns aliñados na ladeira para defenderen a ría de Vigo dun ataque que nunca se chegou a producir. As pezas de artillería están unidas a través de túneles cun búnker subterráneo, mentres que na superficie se albiscan restos dos barracóns. Desde o seu cume, pódese observar ao lonxe á batería de Monteferro, que foi abandonada na década dos 60. Ambas construídas en torno aos anos 30 e 40 do século XX, forman parte do sistema defensivo costeiro das Rías Baixas, xunto coas de Porto Cuaces, no Grove; a de Cabo de Udra, en Bueu; ou a da Guía, onde estivo instalada a Escola de Transmisións e Electricidade da Armada, desde os anos cincuenta ata o 2002.

Os canóns  do mar

Os canóns do mar / Judith R. Iglesias

A meirande parte destes lugares, afastados das urbes, amosan un considerable estado de deterioro, favorecido pola perda da súa función orixinal. Entre a maleza que agora percorre os muros de cemento e formigón, podemos entrever os diferentes valores e significados asociados ao patrimonio, que reflicten como a concepción desta arquitectura está ligada ao contexto histórico no que se formulou. A falta de información sobre a temática, tal vez por pertencer nestes casos a nosa historia máis recente, fai que pase desapercibida a vida que, non hai tanto, se desenvolvía naquelas bases militares das nosas costas.

Recuperación do patrimonio

O patrimonio histórico militar é un dos máis descoidados na actualidade. Por iso aconséllase a súa visita con precaución, tanto pola seguridade persoal como pola conservación destas arquitecturas. As axudas procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea, un total de 23 millóns de euros, van destinadas aos proxectos aprobados pola Conferencia Sectorial de Turismo, coa vontade de modernizar o sector. Entre eles, atópanse diferentes propostas que afectan ao patrimonio galego, como as xa citadas intervencións para recuperar as baterías costeiras de Ferrolterra e configurar, a partir delas, unha nova ruta turística.

Entre as moitas vidas destes bens inmobles, o Ministerio de Defensa puxo á venda no 2013 algunhas das súas instalacións. Así é como o Concello de Baiona puido comprar no 2021 a batería costeira do Cabo Silleiro, coa vontade de recuperar á antiga fortificación. Porén, o seu uso futuro aínda está por determinar.

Arredor do mundo existen, ademais, exemplos de arquitectura militar que, desprovista xa da súa función orixinal e razón de ser, deixa entrever novos comezos. É o caso do Bunk’Art, un antigo búnker albanés da Guerra Fría reconvertido nun impactante museo subterráneo con varias plantas de historia e arte contemporánea.

Suscríbete para seguir leyendo