I Mini Print Internacional

Gravados desde O Morrazo

Flumine (Weronika Siupka, primeiro premio do certame). |  FOTOS: C. L. B.

Flumine (Weronika Siupka, primeiro premio do certame). | FOTOS: C. L. B. / Carlos L. Bernárdez

A arte funciona como unha forma de (auto)coñecemento, tradución e reflexión sobre o mundo; maniféstase como unha mediación da condición humana desde un punto de vista individual/particular. A arte é, en definitiva, unha procura dun sentido de espazo, revelándose a obra, xa que logo, como un lugar, un suxeito e un punto de vista.Polo demais, este aspecto revelador da actividade artística é moi evidente na pintura, na escultura e tamén no gravado, unha arte intensamente singular e de variadas técnicas que en moitas ocasións é considerada un territorio de encontro entre o pictórico e o escultórico, como demostran un número ben notábel de artistas que a cultivaron, e cultivan, en paralelo á súa dedicación á pintura ou á escultura, mais que ten un sentido autónomo e unha singularidade técnica que condiciona os resultados formais.

I Mini PrintInternacional

Prelude (Cleo Wilkinson) / Carlos L. Bernárdez

Na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Cangas do Morrazo pódese contemplar desde o pasado 16 de xuño un bo exemplo da actualidade do medio gráfico como forma de creación artística. Trátase dunha exposición dos gañadores e finalistas do I Mini Print Internacional “Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz”, premio de gravado que na súa primeira edición contou cunha presenza notábel a nivel internacional. O premio foi fallado no Pazo de Ferreirós no concello de Poio e está dedicado ao Premio Nobel da Paz e Fillo Adoptivo deste municipio Adolfo Pérez Esquivel. As obras gañadoras e as seleccionadas pódense ver agora en Cangas, nunha segunda montaxe da exposición, que tamén se completa coa obra gráfica do propio premio nobel Adolfo Pérez Esquivel, notábel gravador.

Os membros do xurado encargados de analizaren e valoraren os traballos: Néstor Goyanes, Yolanda Carbajales, Leonardo Rial, Virginia Ramírez e Xoán Pastor Rodríguez, outorgaron o primeiro premio, dotado con 2.000 euros, á artista polaca Weronika Siupka, que presentou ao certame unha obra intitulada Flumine; o segundo premio, de 1.000 euros, foi para Montserrat Badía Batlle, grazas á proposta Desequilibrio e o terceiro premio, pola súa banda, recaeu na obra Sen título achegada polo gravador xaponés Shogo Muto. Alén diso, houbo dúas mencións de honra para a española Alexandra Ortiz de Zárate, coa obra Peace, e mais o australiano Cleo Wilkinson por Prelude. En canto ao Premio Especial para o ou a artista galega/residente en Galicia, foi para Maite Meixide (1.000 euros). A Mención de Honra nesta categoría foi para Juan Balay Martínez por Mesa para construír II.

Nesta primeira edición do Mini Print, a temática foi a paz. O presidente do xurado, Leonardo Rial, salientou o gran nivel do certame, que precisamente fixo que aos catro premios económicos xa anunciados no seu día se lle sumasen tres mencións de honra. Alemaña, Arxentina, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, España, Estados Unidos, Francia, Italia, Xapón, Macedonia, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía e Eslovaquia son os países de procedencia das obras que fixeron parte deste Mini Print, o que reflicte o importante suceso que supuxo esta primeira edición do premio.

A escolma de obras presentes na exposición, que se pode contemplar até o 14 de xullo, evidencian unha ampla variedade de facetas artísticas para, en conxunto, dar testemuño das distintas posibilidades do gravado, tanto desde o punto de vista temático como de técnicas.

Título: I Mini Print Internacional “Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz”. Varios autores seleccionados. Organiza: Asociación Taller de Obra Múltiple Contemporánea de Vilariño e concellos de Poio e Cangas do Morrazo.

Local: Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Cangas do Morrazo.

I Mini PrintInternacional

Sen título (Maite Meixide). / Carlos L. Bernárdez

Dinamismo cultural

Centrando a nosa atención neste premio, débese recoñecer e valorar de maneira moi especial a participación dos artistas nesta nova convocatoria, destacando o número de obras presentadas así como a diversidade e internacionalización dos candidatos. A respecto dos premios concedidos, cómpre subliñar que o xurado de artistas e expertos decidiu outogar a totalidade dos premios en disputa, destacando a calidade dos escolmados tanto técnica como conceptualmente, xa que, segundo se pode comprobar tendo en conta o resultado expositivo da mostra agora visitábel en Cangas, abren novas vías de expresividade a través do gravado, innovando nas técnicas de reprodución e profundizando nas preocupacións e inquedanzas da sociedade actual, quer de xeito colectivo, quer individual.

Finalmente cómpre salientarmos o papel da asociación organizadora deste novo certame, a Asociación Taller de Obra Múltiple Contemporánea de Vilariño (Cangas do Morrazo), que naceu mercé á paixón polo gravado dunha serie de artistas do Morrazo e que funciona como un centro que lle achega un enorme dinamismo cultural á zona contando cun espazo de creación que foi inagurado en 2018 en Vilariño (O Hio) da man do artista Leonardo Rial co obxectivo confeso de dinamizar unha aldea mariñeira a través da práctica de múltiples creadores das técnicas do gravado.

Suscríbete para seguir leyendo