Da estatua de Curros

Vigo, capital do Rexurdimento

Estatua de Curros Enríquez en la Alameda de Vigo

Estatua de Curros Enríquez en la Alameda de Vigo / Eli Regueira

A Alameda viguesa é unha chaira que contrasta coas rúas pinas que dende alí se alzan cara ao Castro. A explicación está na voracidade do cemento humano: foi terreo comido ao mar no XIX. A gula prosegue no XXI, dragando na carne do Atlántico. Acabaremos por petar sobre o lombo de Jasconius, o monstro marítimo das aventuras de San Brandán tan queridas por Cunqueiro, e que Deus nos colla confesados.

Este lugar converteuse no primeiro xardín público. Alá ía a burguesía como por pasarela, entre esclavinas e antucas, matar as horas mentres os parias sostiñan a vida. Porque, como di un poema de Añón, non foron os exipcios quen ergueron as pirámides nin os romanos a Torre de Hércules; porque ser, foron os obreiros. E o acuático Vigo non se ergueu grazas aos fomentadores cataláns; érguese encol do músculo operario.Añón, atragoado pola miseria, morreu lonxe da patria. Ao enterro acudiron amigos, como Murguía e Compañel. Pero quen o eternizou foi Manuel Curros Enríquez n´O divino sainete, sátira insuperable.

A Coruña, cabeza e garda do Reino, recibiu o defunto Curros entre multitudes. Mírense os vídeos na Casa dos Poetas, da Celanova de pedra e poesía. Mais foi Vigo a primeira en pór escultura pública. Velaquí como o latexo nacional da nosa cidade sempre estivo presto aos aconteceres político-culturais.

E velaquí como Curros se cingue a Rosalía, Chao ou Compañel para instaurar a xusta rúbrica da capitalidade do Rexurdimento. Curros escribiu a biografía de Eduardo Chao, figura escintilante e xenerosa connosco. Aínda é hoxe a máis completa. Cómpre revisitala pero, sobre todo, completala con nova documentación.

Pacheco e Cándida Otero recolleron en foto a celebración da Festa da Poesía, organizada en agosto de 1910 en Vigo. Os rostros amoreados mirando o obxectivo, entre eles un pícaro en primeiro plano. É a Alameda na cal conflúen nesa data as boinas e os borsalinos. Acoden convocados por Curros Enríquez para a colocación da pedra-base do monumento. Xa en 1908, recén morto o poeta na Habana, La Oliva organizara uns Xogos Florais. Manuel Gómez Román, recoñecidísimo arquitecto e esquecidísimo secretario xeral do Partido Galeguista antes e despois da guerra (en réxime de semiclandestinidade), presidía dita asociación. Nese contexto chámase a perpetuar un recordo ao poeta. Comeza a subscrición popular. Sumáronse cartos de procedencia curiosa: houbo tómbola de bonecas doadas por un cento de viguesas. Da súa parte, a crónica da revista Galicia (Cuba) descríbenos unha apoteose na Alameda. Bandas de música, corpo de bombeiros (cos cascos radiantes), sociedades obreiras, círculos recreativos, comisións de festas, orfeóns, o concello… O alcalde, Manuel Diego Santos (colega de E. Chao, con quen contribúe na creación da EMAO, denantes de García Barbón aparecer), tomou das mans de Gómez Román a pedra inaugural posta por riba dunha caixa de zinc con moedas, xornais do día e mais a acta da colocación. Léronse poemas e o paisano de Curros, Manuel Lezón, rematou cunha semblanza saída do íntimo.

Imaxe da Alameda de Vigo en 1927

Imaxe da Alameda de Vigo en 1927 / Archivo

A estatua foi expulsa da Alameda por Portanet, de aceirada memoria na destrución do patrimonio arquitectónico. Díxolle ao parente, Gómez Posada-Curros (director do arquivo de Vigo), que ía “residencialo en el Castro, por rojo”. Maldita a hora! Mais a congregación dos herdeiros de Curros, mobilizados por Xosé González, reclamaron a devolución ao lugar orixinario. Volveu en 2008.

Semanas atrás o Auditorio Municipal acolleu un espectáculo de música e letra. Aires da miña terra xuntou coros de Vigo e Celanova para o nome de Curros explotar como güeiser de galeguidade. A voz do tenor Enrique Martínez e da soprano Anna Mélikhova, a palabra de Baldo Ramos ou a belísima composición de Manuel A. López Pérez acadaron unha sonora ovación. Mais, convídoos á reflexión: na Alameda sitúase dun lado o dinoseto e no outro a estatua marmórea de Curros. Vaian aló para testemuñar cal elemento recibe coidados e cal é engulipado por un simbólico esquecemento. Estoutro mal que abona o descoñecemento de ser quen somos. Entre outras cousas, a cidade capital do Rexurdimento.

Suscríbete para seguir leyendo