Feiras de noso

Os mercados no mundo rural tradicional

Vénse de inaugurar o Centro de interpretación da Feira de Monterroso que pretende pór en valor a relevancia e evolución dun mercado que conta cunha antigüidade duns 800 anos. A Feira de Santos, que se celebra anualmente ese mesmo día, está declarada actualmente Festa de Interese Turístico Galego, e na pasada edición, segundo cifras do concello, contou cuns corenta ou cincuenta mil visitantes. Con máis de mil catrocentas pezas históricas e códices doados polo crego Carlos Méndez ao Instituto de Estudos Ulloáns, xunto con pezas doadas ou cedidas en depósito polos veciños, o museo aborda a importancia social e económica desta feira, atendendo aos elementos claves de toda festa tradicional: mercantil, culinaria, espiritual, festiva…

As feiras tiveron unha importancia clave na economía e na sociedade tradicional ata vén entrados os anos 70 do século XX. Nunha Galicia eminentemente rural, de poboación dispersa, con malas infraestruturas e comunicacións, minifundista e de estruturas agrícolas e gandeiras deficientes, o día de feira convertíase na oportunidade de xuntarse para vender os excedentes da casa e mercar os produtos necesarios; de vender e mercar o gando; e de establecer os tan necesarios contactos sociais que a rutina diaria non permitía.

A feira é un acto extraordinario, que racha coa vida cotiá. Máis extraordinaria canto menor sexa a súa frecuencia. De aí que as grandes feiras de Galicia, aquelas de maior ambiente festivo e máis multitudinarias como a de Santos da que falamos antes ou As San Lucas de Mondoñedo teñan perioricidade anual. Pero a maioría tiñan carácter quincenal ou mensual. Os veciños acudían a ela pola mañá nos coches de liña cargados cos seus produtos da casa, que poñían á venda. Na feira atopábanse produtos agrícolas (patacas, tomates...) e outros de elaboración artesanal (queixo, pan,…); peixe, animais pequenos (pitos, coellos…); vendíase roupa, elementos de ferretería e maquinaria agrícola… E tamén gando maior, fundamentalmente vacuno, aínda que tamén porcino, ovino ou cabalar. Aparece aquí a figura do chalán, o tratante de gando coa súa bata azul. Coma en todas as tarefas da sociedade tradicional, tamén o de mercar e vender na feira ten a súa distinción de xénero: o gando maior será tarefa masculina; o gando menor e o pequeno produto, labor feminino.

Rematada a compravenda, e cos acordos pechados coa palabra dada, chegaba o tempo dos diferentes recados. As feiras adoitaban celebrarse en cabeceiras comarcais e nos núcleos de maior tamaño, co cal era o momento de aproveitar para visitar o médico ou o avogado, se era preciso. E por fin, a festa: o tempo de xantar o polbo e de conversar, bailar, e como non facer as beiras e mocear coas xentes doutras parroquias que non se vían frecuentemente, como quedou constancia no refraneiro popular. En moitos dos casos, os cregos preferían que as feiras non foran no domingo, xa que as festas que producían non sempre ían de acordo coas obrigas relixiosas dese día.

Hoxe en día as feiras non cumpren xa o mesmo papel social. Algunhas sobreviviron, pero xa sen a importancia ou as dimensións de outrora. O despoboamento rural, as melloras nas vías de comunicación, a perda de importancia das parroquias, a maior mobilidade da poboación, as novas formas de diversión, as concentracións escolares que permiten á mocidade un contacto permanente,… foron factores que supuxeron cambios importantes na sociedade e que fixeron que a feira perdera esa necesidade mercantil e social que tivera. Pode ser que a ollos urbnos as feiras se convertesen en algo que perdeu xa a súa razón de ser. Pero as xentes que viven nun rural cada vez máis envellecido seguen a precisar servizos e non sempre teñen á súa disposición as posibilidades de transporte que precisan. As feiras seguen a proveer ese mundo de bens e servizos imprescindibles, de aí que sigan a ter un papel importante no mundo rural. Moitas delas tornáronse hoxe en mercadiños cun sabor diferente ao de antes, onde priman roupas e calzados e onde o aspecto festivo xa non é o que foi; pero aínda queda xente disposta a tomar unha boa carne ao caldeiro ou coma non, un polbo á feira.

A tradición que persiste

Non hai feira galega na que falte o polbo, para comer alí ou levar á casa para degustar coa familia; este cefalópodo foise converter no manxar festivo por excelencia, fundamentalmente nas vilas do interior galego. A explicación deste feito lévanos de volta cara á Idade Media.

Corría o século XII cando Diego Arias recibiu da raíña dona Urraca o couto de Marín en agradecemento polos servizos prestados. Ao quedar viúvo decidiu ingresar no mosteiro de Oseira como monxe e, como era requisito, debeu donar ao cenobio as súas posesións. Entre o entregado estaban os tributos que os mariñeiros de Marín debían ofrecerlle. Estes tributos que pasou a cobrar Oseira consistían fundamentalmente en polbo que os mariñeiros pescaban e que secaban para a súa conservación e transporte cara as terras do interior. Debido aos excedentes de polbo que o mosteiro tiña, pouco a pouco este manxar foi chegando ao pobo.

Naquel tempo os comerciantes maragatos chegaban ás feiras cargados de pimentón e aceite de oliva, produtos cos que conseguiron rehidratar aquel polbo seco. Naceu así o famoso polbo a feira, e unha profesión ambulante, a dos polbeiros e polbeiras que, coas súas potas de cobre, o seu gancho de ferro e os seus pratos de madeira de piñeiro marcados foron extendendo o prato de feira en feira e de tempo en tempo ata chegaren a nós.

Suscríbete para seguir leyendo