Linguaxe non binaria

A riqueza da diversidade

Linguaxe non binaria

Linguaxe non binaria / María Navarro

María Navarro

A editora cuarto de inverno vén de publicar Non estamos quebrades, obra da autoría de Nee Barros Fernández (Ourense 2002) e que resultou gañadora do V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil nunha aposta pola visibilidade, a liberdade creativa e pola linguaxe non binaria. No fondo unha relación de amizade entre Eva e Edu permite ollar a diversidade como unha riqueza nas conexións interpersoais e unha explicación a situación de procura da propia identidade. Nas marzxes, pero cun peso importante na trama, as referencias a autoras e obras do panorama literario e musical galego e a escolla de versos de cancións relacionadas cos diálogos que se manteñen achegan frescura e actualizan o discurso dos personaxes.

Cunha linguaxe fluída e con continuas concesións á coloquialidade, tanto na forma coma no contido, expresa o escritor o desasosego que a mocidade sente no seu espertar aos afectos e o importante que é tecer redes para atopármonos con nós mesmos e cos outros. A apertura a formas de convivencia ata agora non coñecidas explóranse no texto merecente do Premio citado dunha forma natural e dende diferentes perspectivas: intelectual, emocional, sexual, racial e ata familiar para ofrecer unha visión, a da mocidade, o máis plural e construtiva posible.

Para transformar a realidade é necesario falar diferente, mirar diferente e reaccionar diferente. Crear espazos onde conflúan ideas, coñecemento, formas, pareceres, experiencias semella unha boa maneira de medrar como sociedade e a literatura ofrécenos a posibilidade de despregar existencias, de mostrar interpretación e mesmo de ollar con perspectiva as poliédricas faces da vida para adoitar diferentes posturas fronte a ela.

NON ESTAMOS QUEBRADES (2023): Nee Barros, Arzúa, cuarto de inverno, PVP. 15,50€

Suscríbete para seguir leyendo