Libros

Espectacular percorrido

Nunha atmosfera de cordialidade

Detalle da ilustración de portada de "Unha gran sorpresa".

Detalle da ilustración de portada de "Unha gran sorpresa". / María Navarro

María Navarro

Unha gran sorpresa agarda á protagonista do volume que Daniela Kulot concibe literaria e plasticamente e que Kalandraka Editora publica na colección “Obras de autor.” Un título máis para a serie da alemá iniciada co namoramento do crocodilo e xirafa, que continúa na construción da casa e que se expande coa aventura.

O álbum ilustrado amosa aos primeiros lectores un percorrido espectacular que, iniciado na casa, volta outra vez ao fogar para sorprender a mamá xirafa no día do seu aniversario, data sempre especial na vida dunha persoa e que os pequenos viven intensamente. Polo camiño unha aventura marabillosa leva á familia a atravesar o río, á subir á montaña, a visualizar a cidade dende as alturas ou a descender ao soto, entre outros espazos, todos eles máxicos porque o percorrido o realizan xuntos e porque o camiño feito en compañía é moi gratificante, de modo que verse rodeado de seres queridos convértese no mellor agasallo.

Os saúdos, os espazos, as preguntas, as reflexións e o movemento contribúen a crear unha atmosfera de cordialidade que fai doado o avance, que permite establecer unha metáfora coa vida que flúe, desprázase e volta ao lugar de partida, nun eterno retorno das nosas accións, nun contínuum que axuda ás persoas a atopárense con elas mesmas.

A autora e ilustradora concibe o libro cuns personaxes orixinais, un crocodilo e unha xirafa; uns nomes atractivos, Croquila e Rafalo; cunha temática que ten na base o amor e cunhas imaxes divertidas baseadas na cor rechamante, no detalle e no factor sorpresa. Todo un acerto do que gozarán primeiros lectores e cativos aos que lles guste a natureza, os animais, o esplendor da alegría e a felicidade.

  • Unha gran sorpresa

    Daniela Kulot
    Kalandraka, Pontevedra, 2022, PVP. 15,20€

Suscríbete para seguir leyendo