Libros

Valorar o ecosistema

Literatura e concienciación social

Detalle da ilustración de portada de "Esperando o amencer".

Detalle da ilustración de portada de "Esperando o amencer".

María Navarro

O décimo quinto Premio Internacional para albums ilustrados, convocado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela, en colaboración con Kalandraka Editora, recaeu na obra Esperando o amencer de Fabiola Anchorena que concibe tanto o texto coma as ilustracións nun fermoso volume que dedica a “todas aquelas persoas que aman os animais e protexen os seus fogares”.

E se o título é suxerente, tamén o son as imaxes que acompañan as frases, breves e concisas e cuxa intensidade vaise facendo cada vez máis profunda e aguda como se a peruana quixese facernos sentir o desasosego que enchen as páxinas do volume.

Os leopardos, os morcegos, as ras, os insectos, os armadillos, as grúas, os monos e outros moitos animais sofren a noite permanente, a escuridade e cando o ceo se torna laranxa, aumenta a desolación que o arrasa todo, momento no que tentan fuxir. Uns conseguen soportar a situación, pero outros fican polo camiño ata que as pingas e o día descobren os seus fogares. E como despois da tormenta soe chegar a calma, as cores e a palabra amable achegan a clareza para que a vida siga o seu curso e se complete o ciclo que perpetuará as especies.

A literatura e o trazo póñense ao servizo da concienciación social para que o lectorado perciba a importancia da educación ambiental, de modo que a visibilización poida converterse nunha canle de coñecemento e de actuación. Calquera esforzo, calquera achega, calquera berro é valido se con iso se consegue aliviar, recuperar e/ou modificar un anaco de planeta.Porque educar a cativada dende a responsabilidade para co medio, e facerlles ver que o coidado do entorno é importante, semella unha boa forma de ir creando un ecosistema de vida harmónica.

  • Esperando o amencer

    Fabiola Anchorena
    Kalandraka, Pontevedra, 2022, PVP. 15,20 €

Suscríbete para seguir leyendo