Psiquiatría

O modelo Saint-Alban

Manicomios, psiquiatría e sociedade (I)

Mural escultórico de Saint-Alban-sur-Limagnole.

Mural escultórico de Saint-Alban-sur-Limagnole. / Arquivo

O manicomio de Saint-Alban-sur-Limagnole, en Francia, tivo como director, desde 1940 ata 1962, ao médico psiquiatra e psicanalista catalán Francesc Tosquelles, quen fora militante na súa mocidade no Bloc Obrer i Camperol (BOC) e posteriormente no Partit Obrer d’Unificacio Marxista (POUM). A obra de Tosquelles, oculta ao longo de moitos anos, supón a reivindicación de entender o sufrimento psíquico, hoxe esquecido en aras dun pragmatismo que confunde a persoa cun protocolo e a saúde cunha mercadoría; significa reivindicar o compromiso social e político que esixen a acción sanitaria, a saúde pública e mais a saúde mental colectiva. É defender a visión política no affaire sanitario para humanizar o trato e dar sentido á acción terapéutica tanto no subxectivo como no colectivo. Se se curan as institucións xunto coa necesidade dunha actividade centrada na comunidade territorial, sandan os enfermos.

O modelo Saint-Alban

O psiquiatra Francesc Tosquelles. / Cipriano Luis Jiménez Casas

Saint-Alban, no período de entreguerras, é considerado un exemplo da psiquiatría moderna, onde se revolucionan os tratamentos e vida dos enfermos mentais a través da creación dunha comunidade terapéutica e da psicoterapia institucional, na que ten cabida a psicanálise. Médicos, doentes e traballadores, colaboran con músicos, prostitutas, escritores, poetas, pintores... O desvarío ou disparate convidan á escoita e á empatía, entendendo que quizais así se poida chegar a dicir algo.Da súa parte, a economía cooperativa en cadanseu pavillón dá conta de actividades coma obras de teatro, obradoiros ergo-terapéuticos ou a edición dos periódicos Le Chemin e Trait d’Union, no cal participan os pacientes artistas de “l’Art des fous” (Arte bruta). En resumo, un modelo de intervención clínica, acompañado dunha produción cultural diversificada e de vangarda que xa agromara no seu vencello coa creación do cineclub de Toulouse, 1933, onde se proxectaran filmes de Jean Marcenac, Sergei Eisenstein ou Luis Buñuel. Se a psicanálise de diván se centra en curar unha persoa, a intención de Tosquelles desde o principio foi sandar as institucións mentais. “Hai que desmontar a liña entre a normalidade e a loucura... incluso os que nos pensamos sans, temos o noso cruce de cables” (J. Lacan).

O modelo Saint-Alban

Tosquelles. / Cipriano Luis Jiménez Casas

En Saint-Alban, nace a “Art brut", definido como “anticultura” por Jean Dubuffet en 1940. Para Tosquelles, é unha ferramenta de cara ao vinculo social que a psiquiatría clásica lle negara aos enfermos. O Museo de l’Art Brut de Lausana (Suíza) foi creado por Dubuffet despois de acudir a Saint-Alban en 1945, onde adquirira obras para expoñer en París. Auguste Forestier e Marguerite Sirvens, internos do manicomio, serian os máis significados protagonistas deste arte.

Durante a Segunda Guerra Mundial, Saint-Alban acolle e protexe a exiliados españois, xudeus, membros da Resistencia... así como a dadaistas e surrealistas. Paul Éluard (1895-1952) publica Souvenirs de la maison des fous, 1946, ilustrado por G. Vulliamy, e Tristan Tzara (1896-1963), ingresado en Saint-Alban, Parler seul, 1950, ilustrado por 72 litografías de J. Miró, considerado como un dos libros mais fermosos que se teñan escrito, con versos dirixidos a mulleres enfermas e estigmatizadas pola alienación mental. A revolución psiquiátrica en Sain-Alban é a continuación do que supuxera a eliminación do encadeamento dos alienados que Philipe Pinel (1745-1826), protagonizara no Hospital de la Salpêtrie de París no s. XVIII.

Frantz Fanón (1925-1961 ), psiquiatra e escritor antillano, líder das teorías de descolonización en Os condenados da terra, 1961, traballa como psiquiatra en Saint- Alban (1952-1953) e posteriormente no Hospital de Bilda-Joinville en Alxeria, militando coa FLN na guerra da independencia (1954-1962). Para Fanón: “Cos enfermos musulmáns, o que aprendera en Saint-Alban só podería servir en Alxeria na medida en que se transformaran os seus referentes culturais e sen impoñer un modelo europeo”.

A exposición: Tosquelles. Como unha máquina de coser nun campo de trigo pasou por Les Abattoirs, FRAC. Occitanie (Toulouse); CCC de Barcelona, Reina Sofía de Madrid e chegará aínda ao American Folk Art Museum de Nova York.

[object Object]

Francesc Tosquelles Llaudaró (Reus, 1912 – Granges-sur-Lot, 1994) foi un pioneiro das reformas psiquiátricas en Europa ao longo da súa vida, concibindo a psiquiatría como unha reunión de realidades aparentemente alleas, ligadas á terra, ao traballo colectivo e ao facer imaxinativo. En 1932, fixo un uso pioneiro da tese de Jacques Lacan, A psicose paranoide en relación coa personalidade, no Instituto Pere Mata de Reus. Durante a Guerra Civil, en 1937, experimenta con servizos de urxencia preto da liña da fronte para non desarraigar os feridos dos lugares onde viviran o trauma, e crea ambulatorios de psicoterapia infantil e xuvenil. Exiliado en Francia desde 1939, dirixiu o Hospital Psiquiátrico de Saint-Alban, despois do seu paso polo campo de concentración de Septfonds. Tosquelles aplica unha practica radicalmente innovadora, abordando a raíz da enfermidade mental e transformando desde a humanización a propia institución psiquiátrica.

Documentos, fotografías e gravacións recollen a obra de Tosquelles en Regard sur la folie, 1962, documental de Mario Ruspoli, impulsor do cinema direct. Así mesmo, Angela Melitopoulos Deconnage, 2012, recupera filmacións da figura de Tosquelles nunha entrevista realizada por Jean Claude Polack e Danielle Sivadon.

Suscríbete para seguir leyendo