Libros

Memoria e 'laudatio'

Con Vigo na razón e na alma

Un detalle da portada de "Vigo, abella da ribeira".

Un detalle da portada de "Vigo, abella da ribeira". / Estro Montaña

Estro Montaña

Publica Manuel Bragado en Vigo, abella da Ribeira, 80 biografías de persoas exemplares da cultura, a política, o deporte, a investigación, etc., todas elas relacionadas coa cidade olívica. Son textos aparecidos no “Campo de Granada”, marbete das súas crónicas semanas en FARO DE VIGO. O libro leva un prólogo do novelista Fran P. Lorenzo e un epílogo da poeta Oriana Méndez. Estas prosas, marcados pola reflexión, son pequenos ensaios que nos axudan a interpretar a cidade portuaria e atlántica con pasado milenario que, coas súas contradicións, camiña cara a un futuro colectivo esperanzador. Falamos de páxinas que nos contan dos acontecementos máis notables dun territorio no que se funde o rural coa paisaxe máis estrepitosamente urbana.

Manuel Bragado -editor, mestre, activista cultural- practica un xornalismo de intelixencia e entretemento que nos lembra a laudatio da antiga Roma, mais non circunscribe as gabanzas só a un eloxio fúnebre dos cidadáns memorables, senón que abarca homes e mulleres vivos ou mortos que contribuíron á identidade do pequeno paraíso que el ama con intensidade e ao que olla cunha autoestima e un orgullo transformadores. Cada páxina está escrita con precisión, con datos fiables e unha variedade temática moi ampla. Por aquí desfilan mariñeiros, futbolistas, arquitectos, políticos, académicos, pedagogas, médicas, escritoras de sona, pintores, músicos, que se moven por un espazo en continuo cambio. Dá conta así o autor dunha realidade múltiple que interpreta con amabilidade, pero tamén con sentido crítico, sen cansazo nin fatiga, movido sempre por un afán de unir a memoria e o porvir.

Vigo, abella da ribeira continúa o libro Vigo, puro milagre (2019). Ambos conforman obras imprescindibles para coñecer a historia e a intrahistoria da cidade. Ambos están escritos con rigor e entusiasmo. Ambos contan historias que, de certo, van interesar aos lectores cultos, pero tamén a moitos outros que non son amigos de ler libros.

  • Vigo, abella da ribeira

    Manuel Bragado
    Xerais, Vigo, 2023, PVP. 19,95 €

Suscríbete para seguir leyendo