Ritmo e fluído de vida

A pintura de Guillermo Monroy en STV

Vista da mostra da obra de Guillermo Monroy en SVT.

Vista da mostra da obra de Guillermo Monroy en SVT. / Eli Regueira

Nunha iniciativa que non pode ser máis oportuna e relevante, o espazo de arte SVT presenta a obra de Guillermo Monroy (Vigo, 1954-1982). Corenta anos após o seu falecemento prematuro, a figura do pintor vigués preséntasenos como un dos mellores exemplos do espírito de renovación que viviu o escenario artístico galego no final dos anos 70 e inicio dos 80. O contexto formativo do pintor é no Vigo e na Galicia dos últimos anos do franquismo, un mundo conflitivo e en plena mudanza e Monroy é talvez un dos artistas que mellor reflicte ese momento da nosa cultura.

O traballo de Monroy conecta coa evidente recuperación da pintura no ámbito internacional e que se impón en mostras de tanta influencia como a Documenta 7 de Kassel (Alemaña) do ano 1981. A obra de Monroy encaixa perfectamente neste contexto, mais o que fica claro ao ollarmos o seu traballo coa perspectiva temporal do noso presente é que a singularidade do artista está en como configura a obra en plena ligazón coa realidade social e desde a experiencia persoal para inserila con absoluta consciencia na tradición artística nun sentido histórico e vivencial. De feito, a súa pintura pode entenderese como un paso máis no camiño dunha arte entroncada na completa modernidade e, ao mesmo tempo, consciente do pasado, da débeda con esa tradición que Octavio Paz definiu como “tradición da modernidade”.

Obras de Guillermo Monroy expostas en SVT.

Obras de Guillermo Monroy expostas en SVT. / Eli Regueira

Neste marco enténdense mellor obras que nacen dunha intensa percepción da realidade vital e xeográfica que rodea o artista, pénsese na captación do local vigués na paisaxe de Guillermo Monroy -velaí as “Fiestras”-, cun mundo plástico entre o expresionismo abstracto e o ecos matissianos que combina o reflexivo e o lírico, que reivindica o sentido transcendente da creación, mais sen ningunha forzada retórica. Monroy realizou unha obra entre a figuración e a abstracción, sempre coa cor cun protagonismo central. Influído desde os seus comezos pola herdanza fauvista e a nova figuración dos sesenta, o pintor vigués é un mestre da liña curva, da cor brillante que constrúe o espazo e afirma as calidades vivaces e vitalistas por medio de amplas extensións de cores planas ou veladas que serven para unha simplificación dos motivos representados. A estes presupostos mantense fiel no seu breve mais intenso percurso, realizando en certo sentido unha arte que se afasta de modas conxunturais.

Parte da mostra da obra de Guillermo Monroy en SVT.

Parte da mostra da obra de Guillermo Monroy en SVT. / Eli Regueira

A carga icónica tamén está presente, mais para el a cor sempre tivo un valor fulcral, o que unido a un uso remarcado da liña serve para crear un conxunto de formas, en ocasión orgánicas, noutras nitidamente figurativas, que se ligan entre si ás veces por veciñanza e outras encabalgándose e que se mesturan nunha disposición espacial.

Obra de Guillermo Monroy exposta en SVT.

Obra de Guillermo Monroy exposta en SVT. / Eli Regueira

Unha procurada e especial relación entre os ámbitos espaciais do cadro é outro dos alicerces da obra de Guillermo Monroy que constrúe unha complexa simultaneidade de percepción, algo caracteriza toda a súa pintura e que hai que entender pensando os espazos non só como campos de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión. Son lugares onde a observación, a memoria e o pensamento se unen, presentándonos un mundo pensado e experimentado a través do ollo do artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio.

Título: Guillermo Monroy.

Comisariado: Ángel Cerviño. Local. SVT Espazo de arte. SIRVENT, Vigo.

Até o 4 de febreiro de 2023.

[object Object]

A obra Monroy posúe, alén diso, esa heteroxeneidade que transcende a pintura como técnica, e que é utilizado polo pintor para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra e a contorna. Monroy subliña a relación singular interior-exterior, tan característica do conxunto da súa produción, xogando, neste sentido, o cromatismo un papel fundamental que reforza as cualidades envolventes das obras. Estamos, pois, perante unha vontade de construír unha ligazón específica co lenzo desde a mirada, en interacción co soporte da obra pictórica mais non sometida ao mesmo. Neste sentido, podemos observar como a obra de Monroy desenvolve percepcións espaciais diversas, desde os diferentes ángulos desde os que nos achegamos aos cadros.

A luz é outra das chaves para a comprensión do traballo do pintor, sendo a pincelada e a imaxe revelada baixo efectos lumínicos non un límite senón un ámbito para suxerir a profundidade ou para o reflexo. A luz e a liña abren o espazo nesta dupla dirección: para adentro e para fóra, afondando, proxectando para un interior virtual e espellando liña, cor e luz, nun diálogo non realizado en pura complementaridade senón entendido como aberto e libre. O resultado é extremadamente equilibrado, deixando no ollar do espectador todo un abano de suxestións con tramas vivo cromatismo.

Porén, a obra de Guillermo Monroy é moito máis que un traballo intensamente pictórico, é sobre todo unha poética que abre universos de suxestións e diálogos por medio dos cales crea unha realidade de comunicación, coa cor a dar a pauta de relación co outro. O artista sobre este fondo mostra o seu interese polo sentido construtivo da pintura, elaborando así un magma creativo do cal agroma o ritmo e o fluído da vida.

Suscríbete para seguir leyendo