Jedinyj, Sovetskij Sojuz

100 anos da URSS

Desfile conmemorativo da fundación da Unión Soviética na Praza Vermella de Moscovo (1981).

Desfile conmemorativo da fundación da Unión Soviética na Praza Vermella de Moscovo (1981). / Arquivo

A guerra entre Rusia e Ucraína é sen dúbida o principal conflito por motivos territoriais que padeceu a primeira non só xa na era post soviética, senón desde a súa fundación como estado. Por definición, nun imperio hai implicitamente unha metrópole e uns territorios subordinados, teñan ou non a condición de colonias. No caso ruso, construído desde 1721 a partir do tsarato de Moscovo, a súa expansión tivo o obxectivo de controlar as saídas aos mares Báltico e Negro.

E a partir de tal consolidación territorial, Pedro I impulsou a extensión ao leste para atopar unha vía cara á China e á India, que levou a dominar todo o norte de Asia e, traspasados os seus límites no Pacífico, chegar a Alaska, xa en terras americanas, uns anos despois. Acadar a condición de imperio supuña -agradase ou non á metrópole- ter que asumir a condición multinacional do novo estado, gobernado de maneira autocrática polo soberano. A muller de Pedro III, neto de Pedro I e fundador da dinastía Romanov, Catarina a Grande, sucedeuno despois da súa abdicación. Foi ela quen promoveu a expansión rusa cara ao oeste e ao sur para taponar, respectivamente, os imperios austríaco e prusiano -en menor medida-, e otomán. Potencia vitoriosa despois da caída de Napoleón, Rusia medrou a costa da debilidade otomá, freada en 1904 despois da derrota contra o Xapón.

Caído o poder tsarista en marzo de 1917, a nova república non tivo tempo para encarar a reorganización territorial do imperio: uns meses despois, en outubro, os bolxeviques pasaban a controlar o poder e instauraban o réxime dos soviets. Asinada a paz con Alemaña, os diversos territorios do imperio constituíronse en gobernos autónomos, algúns deles (Finlandia, Polonia, Estonia, Letonia e Lituania) acadaron a independencia.

Gañada a guerra civil polo réxime revolucionario fronte a diversas potencias capitalistas, as repúblicas soviéticas europeas (Rusia, Ucraína, Bielorrusia e Transcaucasia) constituíronse en estado federal en decembro de 1922. Nos anos seguintes outros territorios de extinto imperio ruso formaron repúblicas de seu, integradas no conxunto da URSS. Con todo e malia a teórica igualdade entre as diversas repúblicas soviéticas, o peso demográfico, económico e cultural de Rusia permitiulle exercer a hexemonía, consolidada coma sentimento nacional despois da Segunda Guerra Mundial. Reingresadas á forza as repúblicas bálticas, Moscovo pasou a exercer un dominio de seguridade na súa zona de influencia, convertida en Pacto de Varsovia en 1955.

Durante os corenta anos que seguiron, as eventuais tensións territoriais intrasoviéticas quedaron neutralizadas polo dominio absoluto do PCUS e do exército. Despois do breve intento reformista de Iuri Andrópov, o acceso en 1985 de Mikhail Gorbachov á secretaria xeral do PCUS anunciou unha nova etapa grazas á súa proposta de glasnost (transparencia) e perestroika (reformas). Pero tal empresa presentouse ben axiña como ambiciosa de máis: resultaba difícil manter o equilibrio entre a liberdade política e as reformas económica e territorial.

Malia que polo referendo celebrado en marzo de 1991 un 78% dos votantes aprobou a continuidade da URSS, uns meses despois o Tratado de Belavezha, promovido polo presidente da Federación Rusa, Boris Ieltsin, e aprobado polos seus homólogos de Ucraína e Bielorrusia, disolvía de facto o Estado soviético. O fracaso do golpe promovido por sectores involucionistas contra as reformas acelerou a desintegración, comezando polas repúblicas bálticas, malia o intento de freala coa efémera Comunidade de Estados Independentes.

Pero así como todo país adoita ter costuras mal cosidas e puntos febles, no caso de Rusia estes vense agravados pola pulsión autoritaria, un continuo histórico desde os tsares, pasando por Stalin ata agora con Putin. A fuxida prooccidental de Ucraína debilitou, sen dúbida, o flanco sur, o Mar Negro, a saída natural da frota rusa desde os tempos de Catarina a Grande. Despois das tensións en Bielorrusia, Kazakhistán e Uzbekistán, a guerra en Ucraína para manter o cordón de influencia estaba servida.

Suscríbete para seguir leyendo