O peso da utopía
Se lles deran 20 minutos para marchar coa incógnita do regreso, que incluirían na equipaxe da vida? Na columna de aire teño preparada a maleta baleira, lista para partir sen saber cando nin cara onde; só leva a etiqueta ‘por se acaso’.
Está a carón da cama, nunha das catro esquiniñas que os anxos gardan. Xunto a ela, enmarcada, unha foto de dous mozos rusos nun centro de recrutamento, cos ombreiros a falar co chan sobre ese futuro e vida que foxen deles.
Teño o seu medo cosido ao meu nervio óptico. Eles non puideron elixir onde levar o macuto, nin sequera escolleron non partir.
Pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a ONU debería obrigar a todos os países a ratificar o dereito á liberdade, pero non a de impoñer a miña sobre a túa ou a túa sobre a miña; senón para poder dicir ao Estado: non a ir á guerra, non a matar outra persoa, non a que me maten, non a perder os meus nunha contenda. Finarían así os conflitos bélicos?
A filosofía dende o sofá da casa ou do tornado é barata. Non se enchoupa de sangue porque non lle pecha os ollos aos mortos.
A utopía ten seis letras que cando acabas de pronunciar xa son esquecemento. Covardes e a tropa de espectros frustrados avívana ao poñer as nosas cabezas dentro das bocas dos leóns para someternos.
As súas voces claman pola responsabilidade, o ben público, o Estado, o orzamento en Defensa. Rescatan a socioloxía do medo ante ameazas de ditadores.
Como negarse a ser patriota ante o temor? Gustaríame ter diante a Milan Kundera e a súa balanza para medir que pesa máis: a responsabilidade ou a moral de non querer matar. El alertaría sobre a insoportable levedade do ser.
Procuramos fluír sen carga, pero a súa falla pode levarnos á nada ou á anguria, o mesmo camiño ao que conduce o maior dos pesos: a imposibilidade de non decidir por unha mesma ou decidir xusto o contrario do pensamento.
Dende Estados Unidos e China comen flocos de millo ante as pancadas de Rusia contra Europa, coas fichas do dominó caídas en Afganistán, Siria, O Sahel, Myanmar, Etiopía, Palestina ou Iemen.
A través da xanela do tornado, vexo a escuridade antracita que defende un “novus ordo seclorum”.
Políticos, militares, grandes empresarios, psicópatas e mafias pretenden borrar dos dicionarios a moral como respecto humano.
Unha vez máis mísiles e propaganda cegan paz e entendemento. Mais non suframos: unha nova entrega de fútbol, e-sports ou póker; un novo episodio de opio televisivo, de contidos baleiros de redes sociais e de escaparates agardan para drogarnos.
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- El legado de Eduardo Barreiros
- En Vigo entendí la importancia que para un trabajador supone tener conciencia de clase
- Los camarones de la Ría de Vigo al descubierto
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- “La crónica de cómo llegaron a Galicia los restos del Santiago no tiene ningún fundamento”
- Seis hijos en cuatro meses: familias a contracorriente