Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Afonso Eiré Xornalista e escritor

“A historia da emigración galega aínda non está contada”

En "Ausentes" (Hércules Edicións), Afonso Eiré non só relata as historias dos que emigraron a América, Europa ou cara outros lugares de España, senón tamén as dos que quedaron aquí.Unha novela que conforma o retrato dos esquecidos, dos que morreron na diáspora e dos que regresaron dela, ricos ou pobres. Lourdes Varela

Afonso Eiré, en Chantada. Camilo Lorenzana

–A historia de Galicia está vencellada á emigración, dende hai séculos. Vde. coida que está reflectida como se merece na nosa literatura?–

Non; eu creo que os únicos que entenderon ben a emigración, e que a reflectiron na súa escrita, foron os poetas. Nin, agás ultimamente, os historiadores a estudaron ao xeito nin tampouco os narradores fixeron esas novelas que se pudieran agardar. Pero os poetas si deron a verdadeira dimensión da gran traxedia do que foi unha emigración na que, entre outras cousas, os galegos xogaron o papel de substituír os escravos negros. A dos emigrantes galegos é indubidabelmente unha historia que aínda non está contada.

–Por que razóns?

-Esa pregunta fíxenma eu moitas veces, e á única conclusión á que cheguei foi a de que porque había certa xente á que non lle interesaba que se contase.

–Por que escolleu esta estrutura coral para a novela?–

Prometinme a min mesmo escribir este libro hai vinte anos, e era consciente de que me ía custar moito tempo redactalo e publicalo porque sabía que antes tiña que facer un gran traballo de recollida, de documentación, etc…porque o meu propósito foi dar unha visión global

“Non hai unha emigración igual; hai unha palabra, e cadaquén viviu a súa propia ausencia”

decoration

-E saíulle unha novela bastante longa, para o que se estila.

-Longa? Pois o editor comentoume que podería facer ata unha saga, pero tiven medo de que se facía unha saga se diluíse ese conxunto da emigración que eu quería transmitir. De maneira que, ao cabo, decanteime por facer un libro cunha extensión axeitada, manexable. Claro que, para iso, como tiña moitísimas historias e personaxes, nalgúns casos convertínos en estampas con textos breves, e iso que calquera deles podería dar para unha novela enteira.

–Como reflicte no libro, a emigración non é só as historias dos que se van, senón tamén as dos que quedan. Este é un aspecto ao que ás veces non se presta a atención debida. Por que Vde. si repara tamén en historias dos que quedaron?–

Quizais porque nunca se tiveron en conta. Semella que a emigración é só a historia do que se vai; se volves rico, moito mellor, e semorres, mala sorte, pero hai moito máis.

–Neste senso, o título do libro, Ausentes, é ben significativo: a ausencia é un sentimento compartido entre os que se van e os que quedan?–

Por suposto. Eu quixen contar os sentimientos. Porque o que se marcha ten a ausencia de Galiza e os que quedan sinten a ausencia dos que se marchan. Dicíame alguén: “Ti podes marchar de Galicia, pero Galicia nunca se marcha de ti”. E non hai unha emigración igual, hai unha palabra e, despois, cadaquén vive a súa propia ausencia. Galiza enteira padece a emigración e non se entende Galiza sen ela nin a sús tráxicas, nefastas, desastrosas consecuencias, que chegan até incluso á Galiza de hoxendía.

–E que dicir dos que volven?

–Os que volven, teñen sentimientos contraditorios. Por unha banda, queren estar aquí pero, pola outra, non deixan de pensar no que deixaron atrás nos países aos que emigraron: fillos, netos, amigos… “Eu non sei se estar aquí ou estar alá”, comentábanme hai uns días un deses emigrante retornados

–Hai outra elección pola que tamén sinto curiosidade: a de decidir relatar o libro en primeira persoa.

–Foi pola necesidade narrativa… Precisaba poder contar iso e constrinxir os personaxes e mais as historias para que a novela fose críbel e lexíbel, porque podes escribir unha novela marabillosa, pero se non te len, non vale para nada.

–Houbo daquela un proceso de adaptación aos lectores…e tamén aos personaxes.–

Claro, tes que adaptar o idioma a como falan eles. E había outra cousa que quería incluír na novela e da que non se fala moito, que é a visión dos que viviron a conta dos emigrantes e, por outra banda, tamén do que fixeron os emigrantes retornados en e por Galiza, e abofé que fixeron moitas cousas. E hai cousas que nunca antes se contaran, vaia!

–Na sinopse do libro dise que os datos son certos, e supoño que os personaxes, ou ben moitos deles, tamén son, foron ou están baseados en persoas reais. Isto debese á súa vocación xornalística?–

Eu sempre son xornalista, iso por enriba de todo. Quero contar cousas e contalas para que teñan unha repercusión. Nunca escribo por escribir, escribo para algo, e o xornalista debe ter en conta que reacción van ter os lectores. E tamén procuro que a xente reflexione, pense. E logo provoque sentimientos moi profundos. Ás veces téñenseme achegado lectores que me confesan ter chorado ao ler as miñas novelas e, no senso contrario, hainos que rin porque eu recurro moito ao humor, á retranca. A literatura tamén é chegarlle á xente ao corazón. De calqueira xeito, no fondo, sexa no xornalismo ou na literatura, o meu discurso é sempre político; eu teño a necesiade de ir ao fondo da cuestión para entender as cousas, senón non as podo contar. Hai que preguntarse, xa que logo, por que a xente sufriu tanto, cales foros as condicións nas que traballaron, como fixeron os quedaron para sobrevivir… Semella que todo isto non interesaba contalo.

Compartir el artículo

stats