Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Toda unha vida de activismo social, dentro e fóra das nosas fronteiras XOSÉ LOIS LEIRÓS GUDE Novo concelleiro do BNG en Vilagarcía

"A emigración é dramática, tremíanme as pernas cando saía da casa"

Marchou a Suíza coa súa compañeira nos anos 60, tendo que deixar ás súas fillas de curta idade cos avós en Vilagarcía

Leirós Gude, xusto antes de tomar posesión como concelleiro do BNG no pleno de Vilagarcía. Iñaki Abella

A finais do 2018 Xosé Lois Leirós estreábase na corporación de Vilagarcía como concelleiro do BNG ao substituír a Xabier Ríos. Pero poucos meses despois tiveron lugar os comicios locais e a formación nacionalista perdía un edil. Logo desa primeira experiencia na primeira liña da política municipal, este activista social con vintecinco anos da dureza da emigración ás súas costas retorna a Ravella como portavoz do Bloque, converténdose no concelleiro máis lonxevo, con 77 anos. Non obstante a idade non será un impedimento -asegura- para loitar polos seus concidadáns. A día de hoxe Leirós segue vivindo na Lomba, na casa na que naceu.

"Eu non vexo a política como un traballo, como unha dedicación remunerada ou que dá poder. Eu máis que político, son un activista social. Díxeno sempre e seguireino dicindo. As miñas inquedanzas socioculturais son de nacemento diría eu, van no meu ADN"

decoration

– Que o levou con 77 anos a voltar á corporación, a prestar ese servizo á cidadanía?

– Eu non vexo a política como un traballo, como unha dedicación remunerada ou que dá poder. Eu máis que político, son un activista social. Díxeno sempre e seguireino dicindo. As miñas inquedanzas socioculturais son de nacemento diría eu, van no meu ADN. Pero falo da loita social e política, da poltítica de verdade. A política é algo máis que ese mercadeo de corrupción e de poder, é un servizo público a todos os cidadáns do mundo. Como non vas estar preocupado polos problemas da túa cidade? Iso non ten nada que ver coa idade. Setenta e sete anos son moitos e sei como pesan, pero os anos para min é algo que non conta absolutamente nada, se non a convicción de que queres loitar polos teu concidadáns e condidadás. Eu nunca tiven motivación de gabear económicamente nin de ningún tipo.

– Está en contra das liberacións dos concelleiros?

– Facer política non debe de ser un traballo pero cando ocupas un cargo político loxicamente estou a favor. As persoas temos o problema de que necesitamos comer todos os días. Estou dacordo coa remuneración, pero hai que render.

O concelleiro nacionalista, ocupando o seu asento no salón de plenos, o pasado xoves. Iñaki Abella

– Cando deixará a súa faceta de activista? Segue á fronte da Plataforma de Emigrantes Retornados.

– Mentres o corpo aguante. Na política nunca pretendín nada, puiden sacar proveito dalgunhas cousas e non o fixen xamais nin o vou facer de ningún xeito. No seu momento terei que repensar si seguir aí diante ou non, pero agora acabo de caír.

"Na política nunca pretendín nada, puiden sacar proveito dalgunhas cousas e non o fixen xamais nin o vou facer de ningún xeito"

decoration

– Como se atopan as demandas dos emigrantes retornados?

– No 2020 o Goberno de Sánchez asinou un documento a instancias do BNG no que se comprometía a determinadas melloras para Galiza, entre elas unha solución á situación dos emigrantes retornados coa Facenda española. Pero non cumpliron. O deputado Néstor Rego nunca deixou de machacar no Congreso sobre este punto. A novidade é que o BNG deulle respaldo esta semana ao plan anticrise do PSOE coa condición de comprometerse a buscar una solución dunha vez por todas aos emigrantes. É unha boa noticia para nós porque volve haber esperanza.

"Setenta e sete anos son moitos e sei como pesan, pero os anos para min é algo que non conta absolutamente nada, se non a convicción de que queres loitar polos teu concidadáns e condidadás"

decoration

– Como lembra a súa etapa no estranxeiro?

– Saín de Vilagarcía un mes de xaneiro de 1969 en pleno apoxeo franquista para emigrar a Suíza. Tiña 24 anos e a miña compañeira Dores, 21. Marchamos os dous xuntos. Aquí era unha época catastrófica, durísima, cuns soldos ridículos que non chegaban nin para pagar un piso.

– Segue a vivir na Lomba?

– Eu son da Lomba e sigo vivindo na casa na que nacín, na rúa do Souto, frente ao campo de fútbol. Por certo son exfutbolista do Arousa, xoguei catro ou cinco anos como xuvenil. Despois veu a mili e a emigración a Suiza. Mañá [hoxe] vanlle entregar a Medalla de Ouro ao clube e estou feliz porque son desa casa. O problemiña que teño eu é que ese Arosa non pode ser. Para min foi sempre o Arousa.

"Xoguei durante catro ou cinco anos como xuvenil no Arousa"

decoration

– Adaptouse vostede e a súa familia ben en Suíza?

– Estiven en Zurich, a cidade máis grande de Suíza, con preto de cincocentos mil habitantes. Daquela eramos 109.000 galegos e fómonos integrando. Aínda que non había centro galego, en Zurich tiven a oportunidade con compañeiros da Galiza de fundar a Promoción da Cultura Galega. Foi no 88 nun local social que veu inaugurar Fraga. Fixemos uns actos festivos e culturais que titulamos “Día da patria galega”. Era un acto reivindicativo, foi un dos feitos dos que máis me lembro. Tamén fundamos a Federación de Sociedades Galegas na Suíza e presentamos candidatura para o Consello de Residentes Españoles no Exterior. Xa daquela, nos anos oitenta, reivindicabamos unha banca pública galega.

– De que traballou na diáspora?

– Fun transportista dunha empresa de alimentación, chófer privado e tamén traballei en Correos.

– Cando voltou a Vilagarcía?

– Voltei no 1994 coa miña compañeira. A emigración é dramática. Só sabe iso quen o experimenta. Estar lonxe da túa familia, da túa lingua, da túa cultura, lonxe de todo, aínda que esteas moi ben. A un porcentaxe altísimo dos emigrantes da miña época foinos moi ben economicamente, pero polo resto é dramático. Un drama que non debería suceder e que está volvendo a suceder e eu teño moita pena.

– Tivo fillos na emigración?

– As nenas naceron aquí e quedaron con seus avós, unha con dous anos e outra con dous meses.

"As miñas fillas non viñeron para alá porque non querían, dicían que estaban ben aquí. E eu non quería facelas emigrantes á forza"

decoration

– Tivo que ser terrible.

– Tremíanme as pernas ao saír da casa. Elas estiveron en Suíza moitas veces e nós viñamos todos os veráns e polo Nadal. Elas non viñeron para alá porque non querían, dicían que estaban ben aquí. E eu non quería facelas emigrantes á forza. Se os levas contigo nese momento, de pequenos, están ben pero despois fan a súa vida alá e xa non volven a Galiza polos casos que coñezo. Quen fixo ben e quen mal? Deixémolo aí.

“É unha vergoña que siga habendo rúas con nomes de franquistas, algo polo que xa loitei no anterior mandato”

– Como foi a primeira toma de contacto como concelleiro no pleno do xoves?

– Atopeime o que xa sabía e agardaba. Volvín comprobar como o PSOE e o PP xogan ao pimpón: unha vez ti, unha vez eu. A maioría absoluta do PSdeG-PSOE é aplastante e é un rodete. Das dúas enmendas que propuxen, non se pode entender que un goberno non poida apoiar un texto no que se diga que hai que mellorar todas as praias, non só a da Concha-Compostela. É de xustiza, é unha obriga do Concello ter todo en orde.

– Cales son os principais problemas de Vilagarcía?

– A cultura como motor de Vilagarcía debería estar máis apoiada pola administración local. Tamén é importante recuperar o patrimonio histórico e etnográfico, aproveitando o seu potencial que é moito e está practicamente abandonado. En canto á restauración da memoria histórica, temos esa victoria despois de tantos anos de loita da retirada da cruz falanxista da igrexa de Santa Baia de Arealonga, pero quedan outros asuntos que claman ao ceo, como o de Trabanca Sardiñeira. Non é de recibo que Vilagarcía aínda estea chea de placas con nomes de franquistas que nos avergoñan. Na anterior lexislatura no Concello loitei por este tema e o goberno dixo que se ía facer un estudo de alguén que entendía do tema e aínda hoxe estou agardando unha resposta. É triste. Tamén facer fincapé na necesidade de traballar en coordinación coas comunidades de montes, que volven a estar ameazadas pola Xunta, que as quere privatizar. Hai moitas cousas que facer e o goberno non vai na dirección correcta.Fixeron cousas ben copiadas como facer de Vilagarcía unha cidade peonil, para as persoas.

– Como viviu a pandemia?

– Non tiven o virus e a miña compañeira tampouco. A verdade é que somos moi prudentes e estamos moito na casa. Eu paseino fenómeno porque encántame o campo e a natureza. Teño unha hortiña bastante grande detrás da casa con árbores frutais, galiñas e cultivo os meus produtos.

Compartir el artículo

stats