Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un mar aberto

A colección do CGAC no Museo do Mar

A auga: os seus tránsitos e derivacións configuran os momentos da mostra Pingas rompentes no Museo do Mar.

No Museo do Mar de Galicia (Alcabre, Vigo) pódese contemplar unha mostra elaborada a partir dunha escolma dos fondos galegos contemporáneos do CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea. Pingas rompentes, que é o título da exposición, fai parte do proxecto “Unha mirada a Galicia”, que se debruza na creación galega contemporánea a través da colección do centro compostelán para crear un relato conxunto que visibiliza o interese pola auga, os seus tránsitos e derivacións, que en cada caso se asumen desde o político, o estético ou o social tendo como soporte os traballos de Carla Andrade, Berta Cáccamo, Eva Díez, Christian García Bello, Xurxo Gómez Chao, Vítor Mejuto, Álvaro Negro, Carme Nogueira, Pamen Pereira, Andrés Pinal, obras ben variadas, desde pintura e fotografía até video e instalacións.

Estamos ante un tipo de proxecto que incide na relación entre os tránsitos, os fluxos e mais a arte nunha postura de diálogo entre diferentes creacións que son connotadas en ligazón coa liña argumental, ao tempo que se permite que as obras dialoguen entre si, o que posibilita e facilita o xurdimento dunha diversidade de lecturas. E este último aspecto é o que nos leva a unha destacada faceta que a mostra nos ofrece, porque o que se nos presenta nas obras escolmadas pola comisaria Sara Donoso é unha reflexión sobre conceptos xenéricos, co mar como referente, que permiten subliñar relacións entre producións e procesos, por medio de artistas de estrita contemporaneidade, unha temática, alén diso, en sintonía co contedor, o museo do mar vigués.

Mostra 'Pingas rompentes'. E.R.

É evidente que historicamente temas como o que se propón na mostra, como é o xenérico medio fluído, o territorio e os obxectos susceptíbeis de múltiples ligazóns, foron “representados” e que esta “representación” implicaba unha asimilación e/ou unha xustificación das cadeas de relacións. A proposta que nos presenta o CGAC no Museo do Mar de Galicia afonda de maneira nuclear nos procesos de transferencia por medio dun conxunto de obras que asimilan desde un discurso propio a lóxica dos fluídos, que exploran as cartografías e poñen en relación a memoria íntima co ámbito natural e territorial ou revisan a historia para achegarnos a novas narrativas. Por medio da confluencia dun serie de obras desemellantes, preténdese crear relatos, aparecendo, en conxunto, creacións artísticas novas que teñen en común o feito de manifestaren a súa translación e apertura semántica, de xeito que o representado non é só obxecto de comprensión inmediata senón que serve para abrir reflexións sobre unha serie de valores e mecanismos de comportamento social.

Estamos perante exemplos que amosan, na súa distancia, que a arte era, até o noso tempo, representación, e que a progresiva evolución da mesma nos está a levar a un territorio distinto pasando da representación a un sentido resignificado constantemente, un ámbito novo en que a arte ten sentido per se e tamén pode ser parte dunha multiplicidade de narracións. E este vai ser o novo territorio do discuro (e do decurso), alleo a verdades absolutas, semanticamente aberto.

Un aspecto de 'Pingas rompentes'. E.R.

Título: Pingas rompentes

Artistas: Carla Andrade, Berta Cáccamo, Eva Díez, Christian García Bello, Xurxo Gómez Chao, Vítor Mejuto, Álvaro Negro, Carme Nogueira, Pamen Pereira e Andrés Pinal.

Comisariado: Sara Donoso.

Produción: CGAC, Centro Galego de Arte. Contemporánea.

Local: Museo do Mar de Galicia, Alcabre, Vigo.

Até o 9 de xaneiro de 2022.

Apertura narrativa

Tendo en conta este punto de partida, podemos reflexionar sobre o tipo coordenadas en que se sitúa a representación contemporánea e que a mostra do Museo do Mar permite percibir. En xeral movémonos nun espectro formal e temático ben amplo, que abala entre a sedución e a crítica social e que ten como un dos elementos distintivos unha apertura narrativa, apertura que é o que caracteriza en boa medida todo o proxecto Pingas rompentes. Estamos perante imaxes e obxectos marcadamente variados, moi representativos do mundo en que estamos instalados, coas súas fracturas ideolóxicas, un aspecto que é ben perceptíbel en moitos dos exemplos da mostra (e da arte actual), e que responde á necesidade de pór en evidencia as múltiples tensións que implica a análise dunha realidade natural e cultural e a presenza do obxecto e da imaxe, susceptíbeis de transmitir pulsións vitais e estéticas e mesmo pór de manifesto, en ocasións, as estratexias de opresión que poidan subxacer neles.

O proxecto Pingas rompentes opta, pois, por constatar e deixar testemuño da flexibilidade substancial da relación imaxe-pensamento, captando a diversidade de percepción que un medio tan aberto como o mariño propicia.

Neste sentido é relevante termos en conta que a mostra funciona como un contedor de obxectos e imaxes. Alén diso, ao se presentar nunha marcada apertura semántica, a nosa lectura como espectadores pode establecer relacións cos moi diversos sentidos que as imaxes suxiren, con ese magma fluído que sempre evoca calquera relación co mar.

Compartir el artículo

stats