Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Eduardo Esteban | - presidente da asociación pro colón galego

“A orixe galega de Colón non a demostrará unha análise xenética”

Eduardo Esteban Meruéndano, en Pontevedra. | FOTO: GUSTAVO SANTOS

–Un ano máis anúnciase que, en breve, se publicarán os resultados das análises de ADN practicadas aos restos de Cristovo Colón, que repousan na catedral de Sevilla. Séguese con atención este proceso dende a asociación que preside?

Pois non con demasiada, esa é a verdade. Nós estimamos que, até agora, se vén realizando un mal uso e unha mala xestión deses restos e das probas a realizar. A teoría da orixe galega de Colón fundaméntase nunha forte base documental, multitude de probas “indiciarias” e unha tradición oral que, sorpresivamente, chega deica aos nosos días. De maneira que a determinación do ADN non debe ser primordial para nós.

–Pois a expectación está servida: non acreditan Vdes. que habería que ter en conta calquera dato ao respecto?

–É certo que os tempos e os métodos avanzan, pero dende o ano 2003, en que se inician estes estudos, déronse moitos pasos “erráticos” e algúns con “desconcertante” información pública. O estudo do ADN ten que ser una proba máis, pero a orixe galega de Colón non a demostrará unha análise xenética. Tampouco este estudo debe acaparar toda a atención, porque tamén están os centrados no personaxe, na súa época e nos acontecementos históricos relacionados. Aínda quedan moitas lagoas e interrogantes, pero en todo caso as respostas só fican nos arquivos.

–Independentemente desta postura, haberá algunha tumba que puidese aportar datos a comparar cos restos de Sevilla?

Si, e a teoría galega ten un epicentro aceptado academicamente, que é o do adro da igrexa primitiva de San Salvador de Poio (s.XV), onde aínda se conservan algunhas tumbas non exhumadas, e que non se se trasladaron ao novo cemiterio. A pouca distancia de alí, os lugares de Andurique, A Puntada e Porto Santo teñen documentado o apelido Colón e “de Colón”; e incluso o Ducado de Veragua. Por outra banda –e se a oportunidade se presentase–, poderían cotexarse cos restos da familia Sotomayor, para así dar visibilidade a unha teoría menos documentada, pero moi chamativa pola aparición en escena dun dos pesonaxes máis influíntes na historia de Galicia. Neste caso os restos terían que ser os do que fora bispo de Tui, Juan Fernández de Sotomayor (tío de Pedro Alvárez de Sotomayor/Pedro Madruga). Pola súa condición eclesiástica, é unha tumba que reúne todas as condicións e que, ademais, nunca foi aberta.

–Malia que siga predominando a teoría do Colón xenovés, esoutra do Colón galego continúa avanzando e está sendo até máis considerada polos especialistas que as do Colón “español” (en todas as súas outras variedades). Notan Vdes. que van gañando terreo?

–A teoría da orixe xenovés ten cada día menos forza entre os estudosos e historiadores. Soamente a defenden os que levan anos escribindo e manténdoa, os mesmos que se negan a aceptar o acontecido no Congreso dos Deputados en 1922, o fallo do concurso do diario Abc en 1928, ou a lexitimación dos documentos de García De la Riega polo IPCE (Instituto del Patrimonio Cultural de España) en 2014. A teoría galega goza do recoñecemento de institucións de Estado, de universidades, etc, e non cesa de participar en congresos como unha teoría racional; esa é máis axeitada maneira de visibilizala na actualidade.

–Nos últimos anos, a asociación que preside dedicou gran parte do seu traballo a Cuba. Que atoparon alí que, segundo Vdes., axuda tanto a acreditar a teoría do Colón galego?

Cuba é clave para comprender toda a evolución da teoría galega. Para sermos máis concretos, o Centro Galego da Habana e o seu su bibliotecario, Ramón Marcote Miñarzo (Fisterra 1880 – A Habana 1955). Foi Marcote quen se enfrontou aos primeiros ataques que recibiu a teoría creada por De la Riega desde a Real Academia Galega (1917), e quen conseguiu unha manchea de apoios de historiadores, pedagogos, académicos, ou personaxes influíntes como Torcuato Luca de Tena. En Cuba creou este bibliotecario os primeiros “Comités Pro Colón Español”, convertidos posteriormente en “Pro Colón Galego”, que posibilitaron unha expansión da nosa teoría por toda Hispanoamérica, España, e outros países de influencia. Todo este traballo efectuado na Habana recóllese na publicación De La Habana a Pontevedra. Tras los pasos del Colón Gallego do investigador Carlos Gegúndez, e parte tamén está no documental Tras o Colón Galego. De Pontevedra ao Novo Mundo. Curiosamente, durante a preparación da Exposición Iberoamericana foi cando se culminou o ataque á teoría galega, con presións de Estado ao director do Abc, o citado Luca de Tena, e á propia Real Academia de Historia. E todo, xustificado por manter unhas boas relacións coa Italia de Benito Mussolini.

–En que aspectos está centrado agora mismo o labor da Asociación pro Colón galego?

–Fundamentalmente na asistencia e presenza en congresos, mediante comunicacións que dean a coñecer diferentes aspectos históricos, ou a relación que mantiveron personaxes mediáticos como Castelao, Valle-Inclán ou a propia Emilia Pardo Bazán quen, por certo, coñeceu a teoría directamente do seu creador, e foina divulgar na revista La Ilustración Artística. Todos estes fondos pasarían a crear unha exposición permanente sobre a teoría galega na cidade de Pontevedra, que se completaría cos fondos de Mariños Ilustres así como procedentes do Gremio de Mareantes.

Compartir el artículo

stats