Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dante e a demasía do humano

Nos 700 anos da súa morte

Dante Aligheri (1265-1321), autor da Divina Comedia (1308-1321), un dos grandes textos da literatura universal, de quen se está a celebrar o 700 cabodano.

“Oh, vós os que entrades, abandonade toda esperanza!” Estas foron as palabras que atopou Dante na entrada do averno. Hai 700 anos que faleceu o poeta e aínda a imperativa verdade que emana destas verbas segue conquistando espazos oportunos onde inflamar actualidade. Non foi posíbel a súa ansiada empresa ética- os seus versos non cambiaron o mundo- pero tampouco os de ninguén, polo que de certo e coma nós agora, o poeta xulgaría axeitado o infernal lema nalgúns dos nosos edificios públicos, especialmente eses que se supoñen destinados á defensa de dereitos.

Non hai fronteiras temporais para unha amizade como a de Dante e Virxilio, e por moito inferno que percorreran na Comedia, esta non é unha exaltación pesimista da natureza humana. A exploración da diversidade da expresión que ofrece o mal, pode levar a esta precipitada percepción pero o noso mestre sabe que a critica non é unha práctica que poida ser froito dun estado de inxenuidade. Claro que a súa viaxe comezou moi mal pero remata o suficientemente ben como para invitarnos a crer nas nosas posibilidades redentoras. A exacerbada expresión humana da nosa natureza debe manter o lector baixo a tristura necesaria que acompaña os estados reflexivos que permiten suxeitar os impulsos das paixóns. Nesa demasía humana da súa Comedia abundan as deslealdades, as vinganzas, os resentimentos, os arrepentimentos e mais as traizóns das que o noso autor é protagonista, a comunicarnos que todo pecado é produto dun amor desmedido, nunha dirección equivocada.

Por iso é coñecedor da mínima substancia pesimista necesaria para desenvolver unha actitude de revisión da realidade, algo que atopa no seu indesexábel destino no exilio. Dante foi consciente de que na súa andaina angustiosa atopou sentido á natureza errante, que adestrou para a súa viaxe física pero tamén a do espírito, para escribir. Parte o poeta do bosque melancólico mais tamén o protagonista dos seus versos. O desterro permitiulle coñecer outros mundos e culturas e pode que por iso foi capaz de camiñar polo inferno como quen percorre unha cidade escura, estragada por pestes e, así e todo, dar cunha saída.

Ilustración de Gustave Doré sobre el Infierno en la obra de Dante

Aflora con claridade na Divina Comedia a dobre natureza do humano. Da fraxilidade á capacidade de recompoñerse. Nesta exploración, explicar o mal sempre implica riscos porque entender abre unha dimensión xustificatoria que libera en dúas direccións: para trivializar os sensos e permitir os peores delitos ou para entender a natureza da dor e transcendela.

Aínda que a cosmogonía da Divina Comedia pertence a outra época ,fixo posíbel unha secularización da idea do pecado e unha xenealoxía do ben e do mal que en parte segue presente. A exploración multidimensional da natureza humana proporciona o acceso universal porque fala o protagonista dende o seu propio balbordo e desorientación. Recoñecémonos máis na condición de equivocarnos que na ilusión de santidade talvez porque a idea de pecado está máis unida á condición tanxíbe do corpo e a bondade; pola contra, é produto da inmaterialidade do ser. Así, pensar o ben e o mal atrápanos nunha maldición cultural ben planificada xa que o poder sostén as grandes ideas relixiosas na dirección de anestesiar rebeldías. Hai na promesa da salvación unha xustificación do padecemento nada inocente que se expresa na condición de que o relativo ao corpo e os seus praceres son malos e o bo está vinculado ao inmaterial e nada máis inmaterial que a pobreza.

O poeta Dante e a súa obra non serían posíbeis hoxe porque a súa seguridade para marcar e o camiño xusto é froito dunha época onde os saberes eran abarcábeis. É home coñecedor e sente a autoridade desta condición pero hoxe esa posición dominadora do espazo do coñecemento é imposíbel. Non deixa de ser inspirador sentir a súa sensación de entendemento que nos traslada a unha ilusión de control da realidade que exploramos con emoción pero dende a absoluta convicción da súa irrealidade. Pero con todo emociona a confianza no poder da arte para cambiar o mundo, porque niso o mestre non se equivoca: estamos feitos para a arte, isto é tan consolador! Decía Borges que a proba de que a Divina Comedia é unha obra maxistral, chea de ledicias é a súa imposibilidade para lela en voz baixa porque a boa poesía é música é só manifesta a súa intensidade cando se canta.

Compartir el artículo

stats