Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre Trastes: "A enerxía da música tradicional alicerza no directo"

O cuarteto vén de publicar 'Umami'

De es. a d.: Daniel, Álvaro, Hugo e Xosé, de Entre Trastes.

- Veñen de publicar Vdes. disco. Por que o título de Umami ? Foi un traballo particularmente delicioso?

- (Dani): Ademais dos catro sabores básicos: doce, salgado, ácido e amargo, no ano 1913 un químico xaponés descubriu unha nova categoría do sentido do gusto que imprime unha sensación duradeira e saborosa, chamada umami, e converteuse no quinto sabor. Entre Trastes somos catro membros e cada un deles aportamos o noso "sabor" : é dicir, o noso propio estilo creativo, as nosas influencias, o xeito de facer arranxos e o noso toque personalizado de tocar o noso instrumento, e a mestura de todos eles fai posible o son de Entre Trastes. Para nós o resultado final asemella ao umami, xa que sen as aportacións anteriores dos catro membros do grupo non sería posible chegar ao resultado deste son que, para nós, devén realmente delicioso.

-Cando comezaron en 2007 co seu primeiro álbum, Entre Trastes , aquel formato era só de instrumentos de corda, o cal supuxo unha novidade na escena musical. Pode dicirse que abriron un camiño sen explorar na música galega?

-(D): Case poderiamos asegurar que daquela non había ningún grupo folk galego coa nosa formación de corda, e actualmente coido que tampouco. Non é doado facer todo o que facemos soamente con instrumentos de corda xa que esixe un altísimo esforzo polas dificultades de execución, pero o resultado tímbrico e a súa sonoridade abren as portas ao público non especializado en música folk. Fóra de Galicia (Bretaña, Irlanda, Usa?) xa hai anos que os instrumentos de corda teñen moita más forza e tradición, polo que non lles resulta tan raro. Hai moitos músicos coñecidos e respetados tocando instrumentos de corda, tamén porque hai moito público para escoitalos e valoralos.

- Consideran esta obra unha continuación do primeiro disco?

-(D): Sen dúbida, aínda que co paso dos anos se nota unha evolución e madurez no resultado final. Neste disco tamén abarcamos estilos e influencias folk máis variadas, pero a esencia e a liberdade creativa do grupo segue sendo a mesma.

- Por que escolleron Vigo para a súa presentación en directo?

-(Xosé): É a cidade que nos veu nacer como músicos., A efervescencia folkie que sucedeu en Vigo nos 90 atrapounos a todos e podemos dicir que Entre Trastes é un grupo vigués dende o seu nacemento. En Vigo é onde ensaiamos, traballamos, estudamos e onde facemos a nosa vida.

- Outra peculiaridade deste traballo é que foi gravado en vivo. Cal foi o motivo que os levou a optar por esta fórmula?

-(X): A música tradicional e música feita para o baile, a diversión..toda a súa enerxía baséase na interpretación en vivo. Pensamos dende un principio que a gravación multipista de xeito individual resta ese poderío nesta música e, aínda que sexa atrevido e cun nivel de interpretación moi esixente, un disco de Entre Trastes ao vivo significaría un punto de inflexión e un salto cualitativo moi importante para a banda.

--Como xurdiu o repertorio de Umami , un álbum que sorprende pola súa variedade e capacidade de evocar paisaxes que van dese Irlanda a México, como acontece con " Jesusita en Chihuahua"?

-(X): A verdade é que no grupo cada membro goza de total liberdade para aportar a súa impronta persoal no que se refire a estilo e xeito de tocar as pezas. Seguramente iso determina o que é realmente o estilo de Entre Trastes: catro corazóns que, se ben evocan diferentes paisaxes, latexan co mesmo compás. Nunca estivo no noso horizonte pecharnos a un repertorio limítrofe , mais ben o contrario; se no primeiro disco os marcos chegaban a Irlanda ou Bretaña agora movémolos ata Estados Unidos ou México.

- Como novidade, introducen unha segunda guitarra e unha mandolina. Por que?

-(Álvaro):Durante as presentacións que fixemos do noso primeiro disco, xa adoitabamos levar un cuarto compoñente de apoio harmónico-rítmico con bouzuki, Isaac Millán, quen hoxe en día nos acompaña como o noso técnico de son. Aquilo dábanos a oportunidade de facer segundas melodías e certos xogos rítmicos que amosamos agora neste Umami cunha tímbrica engadida no corpo da mandolina e da guitarra acústica de Hugo Franco, pero non como segunda guitarra neste caso, senón xa como a nosa guitarra rítmica principal.

- Música tradicional galega, pinceladas bretoas, música irlandesa ou escocesa, achegas do bluegrass ... Como se conxuga todo para que alcance tal sonoridade? Porque cada un terá as súas influencias?.

-(Á): Pois imaxinamos que dunha maneira moi natural xa que, independentemente da orixe do tema en cuestión e das nosas influencias, baseamos os nosos arranxos na música tradicional galega. Simplemente traballando con esa base tan sumamente rica e potente da nosa música, e adaptando os arranxos á nosa instrumentación, penso que conseguimos esa sonoridade tan nosa e única ao mesmo tempo.

- Os catro membros do grupo traballan tamén por separado. Cada canto e como se reúnen, como combinan as súas carreiras en solitario co conxunto?

-(Á): Todos nós estamos afeitos a traballar en varios proxectos dende hai anos, incluíndo os nosos como solistas nalgún caso. Obviamente tes que levar certa orde entre todos eles. No caso de Entre Trastes, tratamos de reunirnos cada semana que temos libre, independentemente de que veña algún concerto enriba, xa que, ademais de precisar manter o nivel técnico deste repertorio de Umami, tamén aproveitamos para resolver outras cousas e organizar traballo que consideramos da mesma importancia e necesariamente complementario ao musical.

- Agora que xa dispoñen deste novo disco, que outros proxectos teñen?

- (Á): Comezaremos a presentación de Umami primeiramente en Galicia con varios concertos este mes de marzo, e continuaremos logo, sobre todo no último cuatrimestre do ano, cun enfoque maior cara ao resto do país. A nosa intención tanto este ano como no próximo é traballar intensamente con este novo traballo e achegarnos a todos cantos lugares poidamos para amosar esta maneira única de interpretar as nosas músicas máis tradicionais.

Compartir el artículo

stats