Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria do frío

As neveiras de Fixó da Serra do Candán

Escaleira de acceso a un dos pozos.

De vello son coñecidas as propiedades terapéuticas do frío no corpo humano: diminúe a inflamación e calma as dores. A aplicación de frío provoca unha serie de reaccións químicas no organismo que favorece o desenvolvemento celular e a circulación do sangue, e isto xa era ben coñecido polos monxes do Císter desde os séculos XII e XIII, cando dotou a todos os seus mosteiros de neveiras, un modelo que máis tarde copiarían, tal e como sinala Sampedro Fernández (1999), cidades, cabidos, audiencias e incluso algúns particulares.

Efectivamente, os mosteiros de Aciveiro, Oseira ou Sobrado dos Monxes, xunto co Cabido e Deán de Santiago, San Martiño Pinario, o Colexio dos Xesuítas de Pontevedra, ou os Condes de Monterrei tiñan na serra neveiras de seu co obxecto de fornecerse dos beneficios estivais do frío, que non só tiña un uso terapéutico, senón que tamén estaba vinculado á conservación de alimentos e bebidas. A construción das neveiras era un privilexio dos estamentos privilexiados que negaban á veciñanza do común, a fin de garantir o monopolio do seu usufruto.

Ao chegar a invernía, e coincidindo coa época de nevaradas, o cabido compostelán convocaba aos "colleiteiros da neve", isto é, aos curas das parroquias máis achegadas ás neveiras construídas na serra, para dirixir os traballos. Os seus empregados (unha media de 6 durante os séculos XVI e XVIII que traballan unha media de 28 días ao ano entre os meses de novembro e xaneiro segundo Fernández Cortizo (1996), eran os encargados de "encerrarla", e logo, unha vez dentro da neveira, compactala. Máis tarde, cando se achegaba o verán, eran responsables de cortala e carrexala protexida con palla e peles para evitar que se derretese antes de chegar ao seu destino, no caso das neveiras de Fixó ou Orxes, a cidade de Santiago. O "neveiro de Montes" era o encargado do mantemento dos pozos e de cortar a neve.

As neveiras montesías, presentes na práctica totalidade da Europa meridional en alturas superiores aos 800 metros, caracterízanse por posuír, maiormente, unha planta circular. Construíanse preto dos neveiros (as cavidades naturais situadas nas umbrías e lugares ao abrigo do vento e da auga), nas faldras das serras orientadas ao norte, a fin de favorecer a conservación da neve, procurando así a mínima exposición solar. A partir de aquí as neveiras, levantadas cun dobre muro de cachotaría concertada, debían estar convenientemente illadas para manter as súas propiedades isotérmicas, de aí que os seus muros interiores fosen cubertos con reboco.

A base das neveiras galegas, dotadas cunha planta circular e un diámetro que oscila entre os 4 e os 8 metros, realizábanse sempre cunha lixeira pendente para favorecer a apertura de desaugadoiros. Grazas á investigación de Fernández Cortizo sabemos que as neveiras do Cabido Compostelán estaba cubertas cun tellado de dobre vertente, con dobre cuberta de palla e tella para optimizar o illamento. Noutros casos optábase pola bóveda de pedra, como acontece coas neveiras que o Cabido de Ourense tiña en Cabeza de Meda.

O habitual era compactar a neve en estratos separados por palla. Para iso utilizábanse pas e pisóns, e así aparece reflectido en cadros como "Els nevaters de la Massanella" do pintor Jaume Nadal (1750), que retratou a uns traballadores recollendo neve da serra de Tramuntana (Mallorca).

Pero as neveiras non eran unicamente un pozo soterrado protexido cunha cuberta para conservar a neve, senón un complexo pensado para dar acubillo aos traballadores e defender a neveira do seu principal inimigo: as cabras. Efectivamente as casas da neve adoitaban protexerse por un alto muro que impedise que este bóvido rompese as tellas da cuberta. Á súa beira non era infrecuente a construción dunha cuadra e dun alpendre para resgardar aos animais de tiro e aos traballadores respectivamente.

Os climatólogos afirman que entre os séculos XVI e XVII, coincidindo coa coñecida como Pequena Idade Glacial, prodúcese un óptimo climático para a explotación das neveiras, con invernos moi fríos e veráns moi calorosos. Con todo, desde mediados do s. XVIII as neveiras caerán pouco a pouco no abandono ao minguar a súa rendibilidade. Con todo a súa memoria estaba moi viva a finais do século XIX, cando O Tío Marcos da Portela (1884) publicaba un parrafeo protagonizado por Cánovas del Castillo, naquela altura presidente do Consello de Ministros, que nunha visita a Galicia collía a locomotora "con tempo nubrado e vento fresco, e dempois de recibir unha despedida de inverno, máis fría que a boca dunha neveira, foise de cara a Pontevedra".

A intervención de Forcarei

  • En colaboración coa Secretaría de Turismo da Xunta de Galicia, o concello de Forcarei vén de impulsar a escavación e rehabilitación de dúas das neveiras de Fixó, situadas na parroquia de Millerada, no corazón da serra do Candán, unha cadea montañosa incluída na Rede Natura 2000 da UE. Estas de Fixó ou Orxes, construídas a partir do ano 1625, non son as primeiras en escavarse con metodoloxía arqueolóxica, xa que Rodríguez Colmenero xa estudara a Casa da Neve da serra do Larouco hai agora vinte anos, pero si as primeiras en ligar nun único equipo un traballo multidisciplinar de profesionais da arqueoloxía, a conservación, a topografía e a arquitectura.Ambas as dúas neveiras foron parcialmente escavadas e dotadas de sistemas de protección que melloran as súas condicións de visibilidade, interpretación e seguridade. Nunha delas mesmo é posible baixar a través dunha escaleira de caracol para sentir a soidade e o alento húmido dos neveiros doutrora. Actuacións coma esta reforzan a visión do patrimonio cultural como fonte inesgotable de coñecemento, pero tamén como recurso turístico singular que, desde a quentura dos nosos fogares, anima a planificar camiñadas pola memoria do frío de Galicia.

Compartir el artículo

stats