Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Variedade, beleza e verdade

A modernidade das Novelas exemplares

Vista xeral de Sevilla no século XVI.

Se en España, son lexión os que non leron O Quixote, cantos serán os que se perderon o pracer de entrar no universo das Novelas exemplares, un conxunto de narracións curtas que abondarían para situar a Cervantes na órbita dos grandes creadores da Europa do século XVII. Desde logo, non se pode dicir que, neste centenario da morte do noso grande autor, as autoridades españolas estean a poñer moito empeño en mellorar esta situación nin en reivindicar o capital simbólico do manco de Lepanto.

As Novelas exemplares son un claro exemplo da idea clásica de instruír deleitando, da noción renacentista que une variedade con beleza e verdade, un modelo de estilo eficaz e fluído que se adapta sen atrancos a cada unha das historias, e un alarde de construción arquitectónica que converte a Cervantes nun xenio da estrutura novelística. A eficacia da linguaxe, o debuxo dos personaxes, a mestura de xéneros, o rigor con que experimenta, a comicidade, a capacidade de innovación son deslumbrantes.

Cervantes escribe este conxunto de obras durante varios anos, aínda que a súa publicación sexa en 1613, cando o autor está ao final da súa vida, involucrado nunha frenética actividade creadora. Hai que supoñer que gran parte destes relatos se escribiron case á par que as dúas partes de O Quixote e Cervantes emprega as mesmas técnicas que na famosa novela, na que como é sabido inserta o relato do curioso impertinente e a historia do cativo.

No prólogo das Novelas exemplares Cervantes preséntase ante os lectores coma un creador que non copia, senón que innova dun xeito totalmente orixinal. Coñecida é a súa afección a a facer de crítico literario ou de historiador da literatura. É o primeiro, afirma no prólogo con seguridade e con orgullo, que trata de xeito orixinal en castelán as novelas de orixe italiana; é dicir, aquel tipo de novelas curtas ao estilo de Boccaccio que desenvolvían unha crise e unha historia central. E ademais puñan de relevo o que é único no personaxe e o seu destino, nun punto intermedio entre a brevidade e concentración do conto, e a extensión do romance, termo que en español non se podía empregar para a narración en prosa para evitar a confusión co xénero poético do Romanceiro vello e o Romanceiro novo. Lembremos que Cervantes xa en La Galatea amosa a súa inclinación a posicionarse fronte ao sistema literario, cun eloxio da poesía. No escrutinio da biblioteca de Alonso Quijano as referencias intertextuais expoñen os seus gustos e valoracións de coñecidas obras literarias. E en El licenciado Vidriera, por non facer mudanza no seu costume, opina que o proveito e o deleite da poesía nútrese dos demais saberes.

Durante a Idade Media, a literatura española alimentouse de apólogos e contos, de historias esquemáticas impregnadas de folclore. O trunfo dunha narrativa orixinal que seguise sen plaxio o exemplo de Bocaccio, Bandello e Cinzio débese a Cervantes, e así o proclamaron o censor Salas Barbadillo e Tirso de Molina. Canto a exemplaridade das novelas, Cervantes di que de todas elas se pode sacar algún proveito, pero non actúa como un predicador; dos lectores depende atopar algunha lección de cada suceso, porque a clave de cada historia non pertence ao narrador.

O éxito destas novelas foi inmediato: catro edicións en dez meses en España, vinte e tres ao longo do século XVII, sen contar unha falsificación aparecida de contado en Lisboa. Cervantes tivo émulos en Castillo Solórzano, Liñán y Verdugo, María de Zayas, mesmo Lope de Vega e, o máis destacado, Tirso de Molina. En Inglaterra fixeron representacións teatrais bastante libres de varios dos relatos. Os franceses recibíronas con fervor; ata o século XVIII amosaron preferencia polas Novelas exemplares sobre O Quixote, que a partir de entón acadou a supremacía.

Hoxendía, as Novelas exemplares -irónicas, cun humor sen amargura-, aínda sorprenden pola riqueza imaxinativa do autor, pola crítica social, pola súa capacidade de nos entreter, pola recompensa que nos entregan co seu estilo funcional, cheo de cor e de graza. E tamén polo próximas e actuais que nos resultan.

Un mentireiro xenial

  • A principios do século XVII, prodúcese en España a consolidación do xénero narrativo moderno e da comedia. Cervantes, consciente de que o ceo non lle regalara o gracia suficiente para coroarse como poeta maior do reino, procurou sen éxito lograr no teatro o éxito reservado ao popular Lope de Vega; en troques, nos últimos anos da súa existencia deu vida ao relato moderno. Son anos de intenso labor creativo: El Quijote, as Novelas ejemplares, Los traballos de Persiles y Segismunda?As Novelas ejemplares son unha mostra da constante experimentación do autor, do seu reconfortante humor e da súa ironía. A exemplaridade nace máis das técnicas narrativas que do contido, e son dignas de ser imitadas.. No prólogo Cervantes afirma a súa orixinalidade: "?yo soy el primero que he novelado en lengua castellana, que las muchas novelas que en ella andan impresas, todas son traducidas de lenguas extranjeras, y éstas son mías propias, no imitadas ni hurtadas". Algunhas teñen un carácter máis idealista como A española inglesa, outras son consecuencia da observación realista. No grupo destas últimas están Rinconete y Cortadillo, talvez a mellor dos doce relatos, próxima á picaresca, pero con importantes novidades, e de gran actualidade pola crítica da corrupción. Pechan o ciclo El casamiento enganoso e El coloquio de los perrros, que, en realidade, son a mesma novela, servindo a primeira de pórtico e introdución da segunda. Cunha complexa arquitectura barroca, seguindo o modelo das caixas chinas, a segunda amplía o tema do desengaño presente na primeira, introduce diálogos teolóxico-filosóficos e toda unha teoría da arte narrativa. Cervantes fai aquí alarde dunha xenialidade: a lectura previa de El casamiento, permite que despois leamos o diálogo de dous cans -Cipión e Berganza- como se o discurso narrativo fose acorde coa verosimilitude aristotélica.

Compartir el artículo

stats