Se tiveramos que achegarnos a unha definición máis ou menos precisa de mitoloxía, poderiamos referirnos a ela como un conxunto de relatos que expresan e simbolizan determinados aspectos da existencia humana, de tal xeito que as persoas buscamos o apoio destas narracións para indagar sobre a orixe do universo, sobre a vida e sobre a morte. En definitiva, os mitos son unha especie de faro que alumea parte dos misterios máis escuros do universo. Escultura, literatura, teatro e pintura atoparon na variedade temática e iconográfica da mitolóxica unha fonte inesgotable de materia prima que permitía unha reinterpretación renovada en función do período histórico, do movemento artístico ou da intencionalidade do autor. Se atendemos a un pintor como Velázquez, comprobaremos a forza plástica e expresiva destes relatos. As pintura do artista sevillano reflicten esa dualidade mítica-terrenal que posúe a mitoloxía, posto que esta acada a súa razón de ser cando permite explicar situacións reais. Moitos dos seus cadros máis famosos convocan nun mesmo escenario o mito e a realidade, tal e como acontece en Os borrachos, A fragua de Vulcano ou As fiadeiras.

O cine, como arte supremo do século XX, non poder pasar por alto o peso que ten a mitoloxía grega na representación visual dos seus relatos. En canto o invento dos irmáns Lumière comezou a construír historias de ficción, como toda arte narrativa recorreu aos fundamentos que Aristóteles explicou na súa Poética, segundo a cal a imitación de accións no mundo real, praxis, formaba un argumento, logos, do cal se seleccionaban as unidades que formaban a trama, mythos.

Á hora de crear as súas narracións, o cine adaptou en incontables ocasións as múltiples historias que constitúen a mitoloxía clásica, aínda que sempre desde una perspectiva máis terreal, isto é, prestando máis atención aos aspectos máis apegados ao mundo real, por esta razón, as adaptacións directas afectan a aquelas narracións dos ciclos heroicos, as fábulas dos heroes que o destino impele a superar unha serie de probas e obstáculos para acadar un obxectivo. Sen embargo, alén das adaptacións directas, o cine atopou na mitoloxía unha inspiración de argumentos que permite reactualizar as fábulas e darlle unha forma que encaixe nos tempos presentes. Así, o mito de Orfeo latexa baixo Vértigo (Alfred Hitchcock, 1958) ou Abismos de pasión (Luis Buñuel, 1953); Prometeo aparece, dúa súa parte, baixo todas as adaptacións de Frankenstein; Xasón e os argonautas só as múltiples películas de aventuras na que o personaxe, ou grupo de heroes, emprende unha misión na que se atopará con numerosos problemas; a Odisea baixo os filmes sobre as pegadas da guerra nos soldados que retornan a casa como Os mellores anos da nosa vida ("The best years of our lives", William Wyler, 1946) ou O cazador ("The deer hunter", Michael Cimino, 1978); a Eneida baixo as películas que tratan a busca dunha nova patria: Os dez mandamentos ("The ten Commandments," Cecil B. de Mille, 1956), América, América (Elia Kazan, 1963) ou Érase unha vez América ("Once upon a time in america", Sergio Leone, 1984)...

Pero se hai un xénero cinematográfico, autenticamente norteamericano, que constrúe a súa estrutura narrativa a partir da mitoloxía grega, ese é vén ser o western. Se ollamos as temáticas expostas no parágrafo anterior, decontado revélanse no noso recordo decenas de películas que xogan cunha ou varias destas tramas. Se a mitoloxía dá forma, de modo inconsciente, a un ideario colectivo que procura unha explicación simbólica dunha nación, non debemos esquecer que o western encerra todos os relatos sobre a configuración de EUA como nación, cheos de heroes, guerras, conquistas, emigración, terras prometidas, etc.

Hércules

No presente ano coincidiron na carteleira cinematográfica dúas longametraxes sobre a lenda de Hércules, "The Legend of Hercules" dirixida por Renny Harlin e "Hercules: the Thracian wars" a cargo de Brett Ratner. Mentres a primeira versión acomete a historia do enfrontamento co rei Anfitrión, o seu pai putativo „o seu verdadeiro pai era Zeus„, a segunda trata das guerras de Tracia. Elaborados en Hollywood, ambos proxectos someteron ao mito grego a un profundo proceso de acomodación ás coordenadas económicas do mercado „a presenza no reparto da modelo rusa Irina Shayk, noiva do futbolista Cristiano Ronaldo, supón un reclamo extracinematográfico „ e ás coordenadas estéticas que deparan un produto no que se mistura o xénero de aventuras cun formato visual próximo ao videoxogo, na procura dun público xuvenil moito máis condescendente coa transformación que sufre o mito, unhas transformacións que atinxen, sobre todo e aínda que resulta paradoxal, aos aspectos que precisamente o sitúan na esfera mitolóxica.

As dúas adaptacións, como aconteceu tamén en recentes achegamentos cinematográficos aos mitos gregos, insisten en apuntalar un perfil moito máis humano e realista do personaxe, coa finalidade de salvagardar unha dose mínima de verosimilitude, por moito que o elemento sacrificado sexa a fábula fantástica e alegórica