O palco principal onde se realiza a coñecida Bienal de Vila Nova de Cerveira, o Fórum Cultural, é un dinámico centro que permite coñecer a evolución das artes plásticas nos últimos trinta e cinco anos. E co fin de mostrar o acervo do propio museo e de achegar o visitante á arte contemporánea dun xeito ameno, acábase de inaugurar a mostra Diálogos com (algumas) obras da colecção do Museu da Bienal de Cerveira que, na súa segunda edición, presenta vinte e oito creacións de artistas nacionais e internacionais adquiridas durante os 35 anos de existencia do certame. Ademais de xerar experiencias estéticas, a selección de pezas conduce o público por un breve percorrido pola historia da Bienal e da súa antoloxía museística.

Ata o 18 de outubro, cada sábado ás 10.30 -hora portuguesa- hai visitas guiadas, pensadas tamén como obradoiros que engloban cinco creacións a partir das que se promove ese "diálogo", esa abordaxe participativa do público que vai máis alá do comentario, da estética e do contemplativo. A "deconstrución" e conversación do espectador coas pezas dura case dúas horas durante as cales se somerxe na xénese e porqué de cada obxecto.

Entre os artistas representados encóntranse dous dos fundadores da Bienal. Un deles é o pintor Henrique Silva, figura homenaxeada na XVII edición do certame, celebrada o ano pasado. Personalidade relevante do mundo da creación e profesor na Escola Gallaecia, expón regularmente dende 1958. No seu curriculo suma máis de 50 mostras individuais en Francia, España, Bélxica, Suíza, Brasil e Portugal; e máis de 200 exposicións colectivas en Europa, América e Xapón.

Outro dos nomes senlleiros presentes nestes diálogos coa creación é o de José Rodrigues, quen ten esculpido, debuxado e modelado Portugal de norte a sur, a súa obra está nos cinco continentes e hai anos quedou fascinado polo convento de São Paio, en Vila Nova de Cerveira, onde ten casa e museo, convertido este, no alto da montaña cerveirense, en dinámico centro cultural e de natureza.

Outras obras e outros nomes forman parte da historia da Bienal, como o de António Sampaio (1916-1994), quen dedica unha pintura-poema a Almada Negreiros (1893-1970). Corría 1978 e transcurría a primeira edición do certame. Desenvolvíase entón o Atelier Livre de Artes Plásticas co obxectivo de servir de estímulo á creatividade. Este cadro é un dos reflexos desa gran manifestación artística.

En máis de tres décadas houbo importantes descubrimentos na traxectoria do certame da Vila das Artes. Un dos galardóns que se outorgan regularmente é o premio Revelación que na súa décima convocatoria foi para Márcia Luças coa obra Mulher de Ferro. Era 1999, ano a partir do cal as bienais pasaron a ser temáticas e as súas actividades desenvolvidas baixo epígrafes diversos como "O artista e a globalização" ou "As novas Cruzadas". En 2001 o nome revelación foi Luís Melo, no ano en que se inauguraba un espazo propio, o Fórum Cultural, un centro polivalente enteiramente dedicado ás artes, sede tamén do Museo da Bienal.

Nestes novos diálogos coas obras da colección hai tamén elaboracións de gran formato como a Pintura Monumental, realizada en 1999 no ámbito da décima edición do encontro cultural. O resultado foi un acrílico sobre tea de grandes dimensións no que participaron numerosos artistas e ocupa o espazo principal do recinto expositivo.

A escultura ten outro apartado de protagonismo con obras do propio José Rodrigues, de Mário Ferreira da Silva (partcipante na XIV edición) ou de Florbela Silva, entre outros. A ruta pola creación artística continúa pola parte superior, onde está patente outra nova exposición, Aquarte, con acento portugués e galego.

Miradas sobre o Miño

Ata o 18 de outubro está vixente outra nova exhibición no Fórum Cultural de Vila Nova de Cerveira con arte dunha e outra beira. O 19 de abril, nove artistas portugueses e galegos cruzaron o gran río dentro do proxecto Aquarte. Uma mirada galaico-portuguesa sobre o rio Minho. O obxectivo foi crear arte durante a travesía, como así o fixeron. O resultado desa navegación pode verse no Museu da Bienal de Cerveira baixo o mesmo epígrafe que daba título á iniciativa, Aquarte.

Sobre o concepto do evento, Henrique Silva, vicepresidente da Fundación Bienal de Cerveira (FBC) explicaba: "Deste rio que não nos separa, mas nos une, uma visão de artistas das duas margens sobre esta riqueza comum, como testemunho duma cultura que também nos é comum". Entre os participantes encóntrase Tomás Camacho (vídeo), Silverio Rivas (escultura), Enrique Maté (gravado), Antón Goyanes (pintura), José Luis Suárez (fotografía), Henrique Silva (pintura), Henrique do Vale (pintura), Jorge Coelho (fotografía) e Agostinho Santos (pintura).

Entre algunhas das creacións que pode ver o público encóntrase a serie "Restos Arqueolóxicos do río Miño" de Silverio Rivas, con base na madeira de dimensións variables, un acrílico de Antón Goyanes ou tamén as creacións elaboradas a partir de técnica fotográfica de José Luis Suárez (Espazos da memoria) ou de Jorge Coelho.