ceip carlos casares » debuxo

Santiago, “pedras de historia” e superación

 » As lousas da capital galega contan moito máis do que asemella, meta de aventuras e ‘Outros Camiños’

Foto de grupo da clase do CEIP Carlos Casares.
 O debuxo gañador de Lucas Pérez Ramilo.

Foto de grupo da clase do CEIP Carlos Casares.
 O debuxo gañador de Lucas Pérez Ramilo. / Ricardo Grobas

M.B

Na curta ‘Outros Camiños’ do director e actor galego Rubén Ríos, catro persoas con parálise cerebral percorren máis de 500 quilómetros da Vía da Prata. 

Unha peza audiovisual única que tamén chega aos centros escolares para ensinar e amosar ao alumnado unha historia de superación coma poucas. 

Porque si de algo nos fala o Camiño, iso é precisamente de superación: “A raíz do documental traballamos moito, falamos das dificultades que se atopan, reflexionamos”, cóntanos Sonia Rodríguez, titora de Primaria do CEIP Carlos Casares sobre unha das actividades que máis e mellor recorda no marco dos proxectos realizados no curso pasado relacionados co Camiño. 

Un ano escolar no que tamén falaron das vías xacobeas e os seus elementos máis importantes, ademais de ofrecer ao alumnado a oportunidade de intercambiar anécdotas sobre as súas propias experiencias co Camiño. 

Ideas que serviron de cara a presentar á clase o certame de Escola en Camiño de FARO DE VIGO e LA OPINIÓN A CORUÑA, onde a participación do alumando foi voluntaria. 

O debuxo gañador de Lucas Pérez Ramilo, 
“Pedras de historia”.

O debuxo gañador de Lucas Pérez Ramilo, 
“Pedras de historia”. / Cedida

“Cando volvemos participar?”

Entre todos os traballos presentados polo centro, un chamou especialmente a atención do xurado do concurso escolar. 

A proposta ‘Pedras de historia’, de Lucas Pérez Ramilo, deixa ver que o empedrado de Santiago agocha moito máis; que, baixo as lousas que el debuxa con tanta precisión, destreza e sentido da perspectiva nun branco e negro perfecto, tamén se agochan séculos de emocións dos milleiros, millóns, de peregrinos, que esculpen a nosa historia coas súas propias. 

“Lucas é un alumno que ten unha vena artística moi ben desenvolvida, moita sensibilidade para o debuxo”, valora neste senso a mestra Sonia Rodríguez, que apunta ao Camiño coma unha ferramenta educativa que “da para moito”: “Na entrega de premios, xa me estaban a preguntar que cando volvía ser o certame para volver participar outra vez. O certo é que a vitoria de Lucas motivou moito ao resto”.