Peza a peza, paso a paso, coma se de un quebracabezas ou unha ruta de peregrinación se tratase; este ano, todo un centro educativo ao completo uniu forzas para construír unha réplica do Pórtico da Gloria nos corredores da escola. E da gran obra do Mestre Mateo á Catedral de Santiago enteira, que recibía impoñente e en forma de debuxo cada mañá ao alumnado de Infantil doutro colexio galego. Mentres tanto, noutro centro da comunidade, unha aula da ESO sumaba esforzos para escribir un relato colectivo moi especial a través das máis de vinte etapas que compoñen o Camiño Francés

Esta é só unha pequena mostra da orixinalidade e calidade dos máis de 30 traballos premiados pola I Edición de Escola en Camiño, o proxecto escolar desenvolto polos xornais FARO DE VIGO e LA OPINIÓN DE A CORUÑA, do grupo PRENSA IBÉRICA, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, que vén de celebrar a súa entrega de galardóns na Estación Marítima de Vigo, onde quedou claro: A peregrinaxe galega ten canteira! E menuda é! 

O alumnado durante un momento da gala, na que foron repartidos máis de 30 galardóns entre unha vintena de centros. Ricardo Grobas

O Camiño, unha escola en si mesma

Riron na clase, aprenderon xuntos e coñeceron a historia, pero non calquera: a súa. “Gustaríame que houbera máis proxectos coma este porque foi divertidísimo”. O alumnado, entusiasmado; e os mestres, satisfeitos: “A implicación dos escolares foi incrible, e mesmo pedían máis”, “pasárono moi ben, e nós con eles”

Entre todas as materias e todas 
as competencias adquiridas, sabedes cal foi o denominador común? o traballo en equipo, porque diso fala ante todo a ruta xacobea: de persoas

Este curso e sen que nin sequera fose preciso saír da clase — aínda que moitos se animaran despois a facelo e lanzarse a aventura—, estudantes de todas as idades e partes de Galicia recorreron cada pegada do Camiño de Santiago, andando, en bicicleta, a cabalo, en barco e mesmo globo aerostático; a través de routeiros e camiños, por Francia, Portugal, Inglaterra ou incluso empezando unha viaxe viquinga desde Noruega. 

Houbo podcasts, entrevistas e reportaxes; fotografías, infografías e moitos vídeos; romances, xogos, debuxos, presentacións… E, entre todas as materias tratadas e todas as habilidades e competencias adquiridas, entre todas as cartas postas en xogo para lograr o obxectivo, sabedes cal foi o denominador común? O traballo en equipo, porque iso é ante todo a nosa emblemática vía de peregrinación: arte, cultura, xeografía, gastronomía, si; pero aínda moito máis: persoas. 

Os premiados festexan os seus galardóns en presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Ricardo Grobas

Máis de 30 galardóns

A Ruta Xacobea trátase de certo dunha escola en si mesma, para algúns, das mellores que existen; e pode que, precisamente por iso, ningún lugar mellor que unha para contalo a través das miradas curiosas, entusiastas, orixinais e creativas dos seus alumnos e alumnas.  

Deste xeito quedou demostrado durante a entrega de premios de Escola en Camiño, que naceu para divulgar a universalidade do Camiño de Santiago entre as xeracións máis novas, e un ano despois deixou que a Estación Marítima de Vigo fose testemuña de como se facía realidade este obxectivo, repartindo máis de 30 galardóns a unha vintena de centros escolares. Como foi posible? Grazas aos milleiros de alumnos e alumnas participantes no proxecto. 

Unha cita que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o director de FARO, Rogelio Garrido; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o subdirector xeral de Prensa Ibérica en Galicia, Juan Carlos Da Silva; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña; Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta en Vigo; o xerente de FARO e LA OPINIÓN A CORUÑA, Pedro Costa; o xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez; a directora do CFR de Vigo, Consuelo Rivera; e a directora do IES Valadares, Eva López; nun acto presentado por Bruno Rodríguez, director de Tecnoloxía da Información dos xornais de Prensa Ibérica. 

O xurado de Escola en Camiño reuniuse o pasado 18 de maio no xornal para deliberar sobre os centos de traballos presentados. Cedida

“Grazas aos colexios pola súa implicación”

“Quedamos sinceramente abraiadas co resultado do proxecto. No só polos traballos finais, que en moitos casos superaron todas as expectativas, senón por todas as competencias postas en xogo para levalos a cabo. Os docentes toparon a forma de implementar a temática do Camiño en todas as materias e empregárono para fomentar no alumnado habilidades tan importantes como a creatividade, o traballo en equipo ou a oratoria. Moitísimas grazas a todos pola vosa implicación, sen vós isto non houbera sido posible”.  

Esta é a primeira mensaxe que quere transmitir aos 500 alumnos e 20 centros educativos participantes en Escola en Camiño o xurado do certame escolar, do que formaron parte: Marta Fernández - Tapias, delegada territorial da Xunta en Vigo; Irene Bascoy, subdirectora de Faro de Vigo; Sonia García, responsable de Eventos de Faro de Vigo; Alba Chao, responsable da edición dixital de Faro de Vigo; Iria Álvarez, webmaster de Faro de Vigo; Eva López, directora do IES Valadares; e Consuelo Rivera, directora del CFR de Vigo.  

As sete reuníronse o pasado 18 de maio nas instalacións do xornal para analizar as ducias de traballos presentados. Contan que o nivel dos proxectos fixo que non fose doado decidir o reparto dos premios nunha deliberación que se alongou durante máis de dúas horas; e o resultado, destacan para despedirse, á vista está. “Eles, os nenos e mozos galegos, son o futuro de Galicia e do seu patrimonio material e inmaterial. Podemos dar boa conta de que, tras este proxecto, coñecen mellor a súa historia, as súas orixes e quen son. Nada mellor que os ollos dos pequenos peregrinos para pór en valor en noso”. 

“Pórtico da Gloria”, de Iria Alonso, alumna de 3º ESO do CPR El Castro, 
entre as imaxes destacadas polo xurado na categoría de Ilustración. Escola en Camiño

“Non o esquecerán xamais”

Cada día chegan a Santiago 2.000 peregrinos desde distintos puntos de Galicia, de España e de Europa, unha vía de peregrinación que funde as súas raíces na Idade Media e que xogou un papel clave na construción de Europa, e tamén na Historia da Arte de España.  

Declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, o Camiño de Santiago é, malia todo, moito máis que os seus títulos e para entender iso hai que coñecelo ben e sentilo tamén preto de nós.

“No futuro, farán o camiño e no seu interior resoará aquel Turibulum Magnum, que nos fixo rir un día enteiro. Repetiríamos? Sen dúbida. Proxectos coma este son moi necesarios”

Ese foi o motivo principal polo que botou a andar Escola en Camiño, “un proxecto significativo para eles ao tratar aspectos da súa realidade próxima”, tal e como enfatiza Marcos Soto, coordinador do proxecto no colexio Barreiro. 

E así é porque, aínda que moitos alumnos galegos non o sabían ao inicio do curso, agora xa son conscientes de que pode que a ruta Xacobea estea tamén no camiño que seguen cada día para chegar a escola desde a casa; ou de que o mesmo mar no que se bañan durante a fin de semana ou o verán foi, para moitos e durante séculos, o lugar no que remataba o mundo; ou de que a comida que deixa namorado a peregrinos de medio mundo non é outra que a fan os seus avós… En moitos traballos, de feito, implicouse toda a familia, historias contadas que quedan escritas ou gravadas para que non se perdan nunca. 

Foto de familia dos premiados cos seus galardóns, acompañados dos responsables dos xornais galegos de Prensa Ibérica. Ricardo Grobas

Tamén a bo resgardo na memoria porque, e nisto coinciden a maior parte dos docentes implicados no proxecto, “o alumnado da I Edición de Escola en Camiño non esquecerá xamais as sensacións vividas durante o proxecto”. 

“No futuro, farán o camiño e no seu interior resoará aquel Turibulum Magnum, que nos fixo rir un día enteiro. Repetiríamos? Sen dúbida. Proxectos coma este non só motivan senón que son necesarios”, conta Xavier Estévez, coordinador de Educación Primaria do proxecto no Divino Salvador sobre unha iniciativa que soubo tamén motivar ao alumnado: “A súa implicación foi incrible, e mesmo pedían máis. Pola miña parte, como coordinadora do proxecto, non podería estar máis satisfeita co resultado”, resalta Rocío Paramá, xefa de estudios no CPR Possumus; e que cumpriu o seu obxectivo; “Coñecer o noso para pode valoralo e transmitilo”, describe Mónica Fernández, directora do CEIP Paraixal. 

As páxinas que seguen son unha mostra do excepcional traballo levado a cabo polos centros galegos para Escola en Camiño.

Alumnos do CEIP García Barbón, 
maquetando os seus traballos. Escola en Camiño