Un 92% dos entrevistados polo alumnado de 5º de Primaria do Colexio Compañía de María de Cangas para a súa Enquisa poboacional sobre a experiencia (ou non) do Camiño de Santiagodecidiron gozar da experiencia Xacobea acompañados dos amigos (72%) ou da familia (21%). Por outra banda, o 50% elixiu o Camiño Portugués fronte ao Francés (45%). 

Unha vía, a do sur, na que o peregrino pode desfrutar de xoias gastronómicas do talle da lamprea, en Tui; o polbo á feira, en Pontevedra; os pementos de Padrón, na terra de Rosalía de Castro; ou a popular tarta de Santiago, ao chegar á capital, tal e como contan, dende a clase de 5º de EP do Divino Salvador, Alma, Lito, Manuel e Marcos. 

Vinde con nós!, din na súa presentación audiovisual, e nós nin o pensamos, claro, como non iamos a seguilos na súa excursión dixital con esa boa pinta? 

É entón cando, a través dos seus compañeiros Julia, Brenda, Rubén e Matías, descubrimos os edificios patrimoniais máis importantes do Camiño do Norte: o Castelo dos Templarios, en Ponferrada; o Mosteiro de Samos, moi cerca de Sarria; a Capela da Magdalena, emblema de Arzúa; e, por suposto, a Catedral de Santiago, onde sentiremos que todo o noso esforzo queda recompensado fronte as marabillas do Pórtico da Gloria.

Por certo que a gran obra do Mestre Mateo ten historia, moito arte e tamén sons: Arpa, zanfona, laude, rabel… son só algúns dos instrumentos representados no monumento que mostra a mellor e máis completa representación escultórica da música medieval. Que como o sabemos? Pois grazas ao traballo de 5º de EP do CPR Virxe Milagrosa para a súa clase de Música. 

Non quedan dúbidas, non si? A experiencia do peregrino é moito máis do que poden pensar aqueles que aínda non tiveron a sorte de coñecela de cerca: é a xente coa que o compartimos a viaxe; a gastronomía que saboreamos en cada parada da travesía; é o patrimonio, é a historia i é a paisaxe galega; dos nervios dos preparativos a emoción da chegada e a superación dun mesmo. 

“Grazas, grazas, grazas”

Podcast, vídeos, presentacións, cómics e mesmo poesías; implicando a mestres, pais e ata os avós… Coa realización dunha enquisa ou tirando de hemeroteca... para aprender lingua, xeografía, historia, arte, filosofía, matemáticas, música... 

O certo é que, ao longo destes case catro meses, os pequenos — e non tan pequenos— reporteiros da primeira edición de Escola en Camiño, o proxecto escolar de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña en colaboración coa Consellería de Educación, teñen demostrado dabondo a súa creatividade á hora de contar aos lectores o Camiño de Santiago.

Xa o intuían dende a organización da iniciativa: eles ían ser a mellor aposta para meternos a todos a cobiza no corpo de aproveitar o Ano Xacobeo, pero así é todo superaron as expectativas: “Queremos agradecer aos centros a súa participación en Escola en Camiño, por demostrar unha vez máis a creatividade e a capacidade do mundo educativo e por compartir con nós traballos tan fermosos”, valoran. 

Así é: coma se de un peregrino que alcanza o monte do Gozo se tratase, Escola en Camiño chega a súa etapa final co peche oficial do período de recepción de traballos e convocará proximamente ao xurado para elixir os mellores traballos. Os autores poderán recoller o seu premio nunha gala que se celebrará previsiblemente o vindeiro maio. Ademais, elaborarase tamén o xornal “Escola en Camiño” coas obras premiadas. Xa sabedes, sempre: ¡Ultreia! ¡Et suseia!