“Perseguide as vosas metas, con esforzo todo se logra”.

Este foi un dos grandes consellos da Cadela Lúa na entrevista elaborada polo alumnado de 4º de Primaria do CEIP San Salvador, que aproveitou a súa participación en Escola en Camiño para concienciar sobre o abandono animal ao tempo que poñía en valor as nosas emblemáticas rutas de peregrinaxe.

A entrevista á Cadela Lúa, xa convertida nunha das personaxes imprescindibles do Xacobeo 2021-2022, dá boa mostra de como o poder da amizade, a constancia e o esforzo poden con todo; e convértese nun exemplo de que nunca, ni tan sequera cando nos pareza que todo vai mal, podemos perder a esperanza.

Unha peza que xa foi publicada no xornal con gran éxito entre os lectores, e destacada agora cun premio na súa categoría polo xurado do certame do proxecto Escola en Camiño.

Unha grave problemática

Moi implicados durante todo o curso na súa colaboración coa Protectora de Animais de Vigo, os alumnos de 4º de Primaria do CEIP San Salvador decidiron inventar a historia de Lúa, abandonada pola súa propia familia cando tiña só tres anos, para contar esta grave problemática porque, aínda que a entrevista sexa imaxinaria; tristemente, o caso de Lúa si é moi real e existen centos de animais que o viven cada día.

“Gustaríache facer algunha recomendación aos nosos lectores?”, preguntan os nosos pequenos xornalistas para rematar o seu texto. “Si, gustaríame aproveitar para pedirlles que respecten aos animais e que non os abandonen, xa que é o que máis doe do mundo.Tamén que persigan os seus soños e metas e que nunca perdan a esperanza, con esforzo e constancia todo pode lograrse!”, despide a cadela unha peza xornalística de doce preguntas, que neste caso si ten un final feliz grazas a Mike, un peregrino inglés que se dirixía a Santiago e co que Lúa, afortunadamente, topase en Tui para cambiar o seu sino para sempre.

Un galardón ben merecido que non por iso fixo menos ilusión aos nosos pequenos reporteiros. “O alumnado viviu con nervios e emoción a entrega de premios de Escola en Camiño” conta Noelia Pérez, profesora e coordinadora do proxecto no centro, que explica que, do mesmo xeito que os peregrinos que avanzan etapa a etapa ata chegar a Compostela, os alumnos “viron recompensado o seu traballo, podendo traer para o centro un trofeo froito do seu traballo e esforzo”.

Unha mochila chea de entusiasmo

Desde o primeiro momento, o CEIP San Salvador quixo integrar o proxecto de Escola en Camiño dentro da realidade da aula, “usándoo como un elemento motivador e plantexando a partir do mesmo unha serie de tarefas que fixeran que o alumnado se entusiasmara con cada proposta. Así serviu para desenvolver a competencia matemática a través do reconto de quilómetros, administración de tempos e a resolución de problemas; o coñecemento de puntos xeográficos claves de Galicia; o desenvolvemento da comprensión lectoescritora…”, conta Pérez sobre a participación na iniciativa que, sobre todo, “encheu de recordos e experiencias marabillosas as mochilas dos cativos”.

Imaxe da Cadela Lúa que ilustra a entrevista premiada do CEIP San Salvador. | // ESCOLA EN CAMIÑO

“Supuxo un elemento de motivación único”

Noelia Pérez - Coordinadora

No CEIP San Salvador somos moi conscientes da necesidade de que as aprendizaxes que adquire o noso alumnado teñan un carácter significativo e motivador para que realmente sexan interiorizadas, por iso o proxecto “Escola en Camiño” encaixou á perfección coa nosa metodoloxía.

De entrada, o alumnado recibiu a proposta de participar con moitas ganas e ilusión. Unha das actividades que máis lle gustou e a que, sen dúbida, recordarán con máis agarimo, foi a que nos serviu de punto e final ao proxecto: a realización dunha pequena convivencia na que unha boa parte do alumnado fixo un tramo do Camiño, a correspondente á Ruta da Auga. Nela coñeceron a peregrinos de distintas partes do mundo (Reino Unido, Alemaña, China...) podendo entrevistalos utilizando os seus coñecementos de lingua inglesa, sentindo a realidade e beleza cultural do camiño e compartindo sorrisos e experiencias conxuntas.

Dende o noso centro, seguiremos acollendo todas aquelas propostas que contribúan ao desenvolvemento integral do alumnado, ao coñecemento da riqueza cultural que posuímos e, sobre todo, as que enchan a súa “mochila de recordos” de aprendizaxes e experiencias marabillosas e únicas.