Día de Galicia

‘Que din os rumorosos?’

A historia dun canto de arume arpado que cruzou o Atlántico 

A letra de “Os Pinos”.

A letra de “Os Pinos”. / VICTOR ECHAVE

Nin xurdiu por decreto nin foi impulsado dende os despachos institucionais.Conxugando o poema Os Pinos firmado por Eduardo Pondal cunha composición musical de Pascual Veiga, naceu en A Coruña a finais do século XIX, pero foi interpretado por primeira vez na Cuba de comezos do XX.

É ao fin e ao cabo un himno representante da identidade galega, e como tal, emigrante e viaxeiro. Nado nunha época convulsa onde as nazóns de Europa buscaban símbolos que representasen a súa identidade, poucas historias están a altura da creación deste cántico rumoroso.

No ano 1890, o Orfeón Coruñés nº4 organizou un certame musical para dotar á rexión dun canto propio. E Pascual Veiga, director do orfeón naquel momento, pide persoalmente a Pondal que prepare un poema e participe no concurso. E así nacen eses versos que recitamos sen pensar: ‘Os Pinos’. O actual himno galego. A música que se escolleu para acompañar á poesía estaba firmada por Ivo Goto, e a idea prevista era a súa presentación nas festas da Coruña, nese mesmo ano, ante un público que a escoitaría completa por primeira vez. Pero, posiblemente por falta de tempo para ensaiar a representación, finalmente non foi así.

A estrea de ‘Os Pinos’ lonxe de Galicia

E a súa grande estrea cambiou de data. O 20 de decembro de 1907, nunha celebración no Gran Teatro do Centro Galego da Habana, soaron por fin os acordes que todos recoñecemos.

Este foi o primeiro dunha serie de xestos dende a emigración cubana, que se encargou de pulir de todo a composición, engadindo música de Pascual Veiga en lugar da establecida previamente, e rematando na aceptación plural do seu carácter de estandarte galego.

Un ano despois da súa estrea da man da Banda Municipal da Habana fixamos o camiño do himno, a historia de como foi creado en Galicia, viaxou a Ámerica e retornou a súa casa.

Foi declarado oficial en todas as festas do Centro Galego da capital de Cuba. A mesma institución editou en 1909 Apuntes para la Historia del Centro Gallego de la Habana, onde se publica por primeira vez en texto impreso a partitura e o poema, consagrando a Os Pinos como símbolo da identidade galega, tamén fora das súas fronteiras. 

O seu éxito foi froito dun proceso que implica aspectos como que sexa cantado polos orfeóns. Neste caso, reflicte os esforzos do rexionalismo para dotar á comunidade galega de símbolos propios, de darlle unha identidade a través dun himno, unha bandeira, un panteón e outros lugares de memoria.

Trátase pois duin himno migrante igual que as súas xentes, que cada 25 de xullo entonan:

“Que din os rumorosos/ na costa verdescente,/ao raio transparente/ do pracido luar?