Treboada, no mar e na terra

A feira “ O mar en terra” de Terreboredo, na parroquia de Souto, resiste, malia o mal tempo, como porto de abrigo e coñecemento

Presentación da revista Nova Ardentía.   | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

Presentación da revista Nova Ardentía. | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO / Ana cela

Ana cela

Hai unha fin de semana de primavera na que no lugar de Terreboredo, na parroquia estradense de Souto, cheira a mar. E non é froito do azar nin de que os ventos sopren con forza traendo do litoral o arrecendo a salgado. Dende hai uns anos, a casa rural Terra de Rebolos –que tamén é sede do coñecido obradoiro de repostería Namoreiras– organiza unha feira na que a artesanía e a cultura se entrelazan como un nó mariñeiro, na que os aparellos do mar adentran na terra para que A Estrada semelle estar moi preto dos cantís. Bautizada como O mar en terra, nesta feira están afeitos de que o día chegue con treboada e saben moi ben como afrontala.

Montaxe, cos cabos, nós e a aparellos mariñeiros pendurados.   | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

Montaxe, cos cabos, nós e a aparellos mariñeiros pendurados. | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO / Ana cela

Unha carpa permitiu estar ao abrigo. A organización unicamente cambiou na programación a proxección do documental O Novo Emden, que estaba prevista para onte ás 16.30 horas. A xornada contemplou a exposición O mar na obra gráfica de Xosé Conde Corbal, cunha inauguración á que seguiu a presentación da revista Nova Ardentía, especializada na cultura marítima e fluvial. Chegou despois o intre de render homenaxe a Luís Rei coa charla que ofreceu Xosé Emilio Ínsua, tomando o relevo a última hora da mañá a presentación de Patasdepeixe, a “editora anfibia”. Rematou co contacontos a cargo de Laura Parrula, autora de Mostr3s. Pola tarde presentouse a nova caixa de Namoreiras ilustrada por Rosa de Cabanas e dedicada á fuxida do Novo Emden. A última hora da tarde reservábase para a música: Grupo de Tazas, Recanto de Ouzande e Manolo Bacalhau.

Hoxe continúa a feira O mar na terra, dende o mediodía, cunha presentación de Apatrigal, gaiteiros de Barbude, Os Rebolos de Terreboredo, as Lilainas de Nigoi e moitas cousas máis.