Un século de gloria para o Gaiteiro de Soutelo

O auditorio soutelano acolle o IX Festival de Música Tradicional, dedicado este ano a Avelino Cachafeiro, no centenario da súa proclamación como o mellor gaiteiro de Galicia

Actuación de Os Alegres, a primeira do festival.

Actuación de Os Alegres, a primeira do festival. / Bernabé/Lucía Abeledo

Ana Cela

Ana Cela

Tiña 25 anos cando, na véspera do día do Apóstolo, aquel mozo que aprendeu do seu avó a tocar a gaita e que practicaba mentres o deber o chamaba a tornar do gando, foi proclamado como o mellor gaiteiro de Galicia. Corría o ano 1924. Dende aquel día ten pasado xa un século de gloria para Avelino Cachafeiro, que pasou á historia como o Gaiteiro de Soutelo e que onte, na vila forcaricense na que chegou ao mundo a gaita sonou na súa louvanza. Soutelo honrou ao gaiteiro como máis lle tería gustado: no seu idioma.

Público asistente.

Público asistente. / Bernabé/Lucía Abeledo

O Auditorio de Soutelo acolleu na tarde de onte a novena edición do Festival de Música Tradicional, este ano reservada á memoria de Avelino Cachafeiro, coincidindo co centenario do seu nomeamento como o mellor gaiteiro de Galicia. Sobre o escenario estivo o grupo de pandereteiras Lus de Keikoa (Forcarei), o grupo de gaitas Os Alegres (Pontevedra), a gaiteira Nadia Vázquez (A Guarda), o dúo Bellón Maceiras (Fene) e a Banda de Gaitas do Concello de Forcarei.

Foi una xornada emotiva, na que a lembranza de Cachafeiro estivo sempre presente. Os Alegres foron os primeiros en actuar e, antes de comezar coa música, quixeron compartir un recordo co auditorio. Lembraron como hai anos dous compoñentes do grupo chegaron a carón da estatua que lembra a Avelino Cachafeiro e quedaron durante horas tocando xunto a el. Para esta velada escolleron catro pezas do repertorio dos Gaiteiros de Soutelo, o grupo que Avelino formaba cos seus irmás Castor (gaita) e Bautista (voz e caixa), seu pai Fermín (bombo) e súa tía Andrea, que ás veces se unía co pandeiro. Elixiron Eicho de dar queridiña, A volta da festa, Foliada de Luxán e Farruquiña, chaman á porta.

Detalle conmemorativo.

Detalle conmemorativo. / Bernabé/Lucía Abeledo

Chegou despois a quenda de Nadia Vázquez, que interpretou Ironía e Fandango, Polavila en Fonsagrada e Hey-Hey. De seguido, Lus de Keikoa –tamén de Forcarei– tocaron Muiñeira de Riamonde, Mazurca Hermida e Polo Rueiro de Bando.

Bellón Maceiras escolleu Barca de Pedra, Danza de San Roque de Hío e Pasodoble de Santa Xuliana. Os últimos en subir ao escenario foron os integrantes da Banda de Gaitas de Forcarei, que interpretaron para esta ocasión Pasodobre de Santiago, a xota O Candileiro, Alborada de Rosalía de Castro –tema do repertorio dos Gaiteiros de Soutelo–, Robusta Habanera e a polca Santardam.

O festival foi conducido polo músico e investigador Rubén Trotiño. Estivo cheo de música, pero tamén de datos que achegaron a grandeza de Avelino Cachafeiro, cunha memoria moi viva na súa terra natal e na Galicia que o proclamou coma mellor gaiteiro.