Entrevista | José Gorís Fotógrafo

“Moitos vigueses descoñecen o seu rural”

Colga dende onte no Centro Cultural Vista Alegre a mostra fotográfica “Vigo é rural”

José Gorís, onte, no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira

José Gorís, onte, no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira / Bernabé/Javier Lalín

O Centro Cultural Vista Alegre de A Bandeira inaugurou onte a exposición de fotografías de José Gorís, silledense residente no vigués barrio do Calvario, que leva por título “Vigo é rural” e que está composta por unhas cincuenta instantáneas que mostran ao Vigo menos urbano.

–Foi complicado atopar recunchos rurais na cidade de Vigo?

–Ao principio, como sabes, ves soamente o que está ao alcance da vista, pero cando empezas xa a mergullarte un pouquiño por dentro atopas cousas que chaman a atención. Unha vez que empecei a velas busqueinas. Non é que me costara traballo encontralas, e que ás veces non lle prestas atención a certas cousas que tés diante. Se cadra porque son do rural empezoume a chamar atención un pouco que en Vigo existise ese rural. Eso foi o que me chamou a atención e empecei a buscalo.

–Que barrios ou zonas son os máis rurais da urbe olívica?

–Eu o que máis fotografiei foi a zona da Travesía e a rúa Aragón porque é onde vivo e digamos que é o que teño así máis controlado. Tamén hai algunhas fotografías doutras zonas pero como digo o que máis fotografiei foi a Travesía.

–Non estivo en Lavadores ou Matamá, por exemplo?

–Seguramente nesas partes de Vigo hai moito material pero penso que o que é o contraste do rural co urbano está máis claro aquí en Travesía de Vigo. Aquí tés estes edificios altos e as hortas pegadas a eles. En Matamá ou Lavadores, por exemplo, talvez que sexa máis rural todo pero na Travesía de Vigo o que me chama a atención é a combinación do rural co urbano.

–Como son eses veciños que viven de xeito rural en Vigo?

–Falei con algúns aínda que non os fotografiei, pero penso que por unha parte pode ser xente que era do rural e que foi vivir para alí. Porque iso pasou nos anos 60 cando foi a industrialización da cidade. Probablemente moita xente foi do rural, de Ourense nomeadamente, para Vigo e mantiveron os estilos de vida. E outros moitos son veciños dalí e de toda a vida. Hai unha fotografía da exposición concretamente que tén un hórreo que está un pouco escondido por detrás da Travesía de Vigo pero que está na casa porque foi feito alí. Son xente normal que conservan todavía as formas de vida do mundo rural.

–Podería dicirse que son como pequenas illas dentro dun mar de ferro e de cemento?

–Pois si son como unha especie de illa, efectivamente. E algo que ademais moitos vigueses eu penso que non coñecen porque non se internan por esas zonas da cidade. Entón, pasan totalmente inadvertidas moitas veces. E ademais isto tamén quixen fotografialo para un pouco deixar constancia de algo que en breve vai desaparece. Nesa zona que che comento entre Travesía y Aragón hai proxectada unha rúa, entón eso en calquer momento desaparece todo.

–Pensa que este fenómeno se atopa noutras cidades galegas?

–Pode que si pero en Vigo eu creo que é algo un pouco máis evidente. Dame a sensación. Ten en conta que Vigo medrou dunha forma moi rápida. Eu estiven agora buscando un pouco de información sobre o tema, e Vigo pasou de 30.000 habitantes a 300.000, que prácticamente somos agora, nun século. Medrou moitísimo en moi pouco tempo. Foi a cidade europea que máis creceu no século XX e eso non pasou en Pontevedra e noutros sitios. Porque Vigo ten as circunstancias para que sucedera polo porto de mar por exemplo. Entón, en máis evidente aquí que noutras cidades da súa dimensión.

–A exposición xa estivo noutros puntos de Galicia?

–Si. Estivo nun colexio en Vigo, no colexio Calasancias e despois estivo parte dela porque non collía toda no café La galeríajazz, que está na Rúa de Don Bosco. Fai cinco anos que estivo en Calasancias e fará tres na galeríajazz.

–Cal foi a fotografía que máis lle custou facer da exposición sobre a faciana rural de Vigo ?

–Hai cinco anos ou máis que fixen todas esas fotos e non é fácil lembrarse. Talvez na que ten o hórreo porque foi a que me quedou aí un pouco máis de punto de non encontrar a persoa que me abrira. A fixen desde fóra e tivérame gustado poder acceder adentro e fotografiar o hórreo completamente. Aínda está alí e igual algún día podo facelo. Non descarto continuar facendo fotos deste estilo.

–En que traballa agora?

–Agora estou facendo outra serie de fotografías sobre as cadeiras que aparecen no medio do lixo e que sempre están moi ben colocadas despois de ser descartadas.

Suscríbete para seguir leyendo