Oliveira dos trescentos anos

O colectivo Capitán Gosende sanea unha árbore centenaria ubicada no pazo das Raposeiras, que se atopaba asoballada polas hedras e o silveiral

Detalle das raíces da oliveira despexada.

Detalle das raíces da oliveira despexada. / Calros Solla

Calros Solla

A casa matriz do pazo das Raposeiras (Meilide-Cerdedo) data do século XVI. Nela fundou liñaxe o primeiro capitán Gosende –capitán das milicias de Montes–, devanceiro do padre Sarmiento. Segundo algún dos seus biógrafos, o frade beneditino veu ao mundo ao abeiro destes muros en 1695.

A esquerda, a oliveira, antes da intervención; arriba, a centenaria
árbore, despois do saneamento (arriba).

A esquerda, a oliveira, antes da intervención; arriba, a centenaria árbore, despois do saneamento (arriba). / Calros Solla

O conxunto pacego das Raposeiras componse de tres edificacións e catro vivendas (catro propiedades), hoxe deshabitadas e en estado de completa acabación, concertadas así e todo en boa pedra do país ao longo de tres centurias (XVI-XVIII).

Arriba, o pazo das Raposeiras, nos anos 70 nos debuxos de A. Portela Paz; a esquerda, estado da casa matriz do pazo.

Estado da casa matriz do pazo. / FdV

A construción orixinal –a casa matriz–, de cuxo lento proceso de deterioro gardamos un amplo arquivo fotográfico, uníase coa contigua (a situada cara ao nordés) por un portal arcado. Na doela mestra do arco labrouse o brasón dos Gosende, retirado do seu asento a comezos do século XX e hoxe custodiado en dependencias do Museo de Pontevedra: “una grande media luna, tres luceros y cuatro globos” (Sarmiento dixit). A adquisición e traslado da pedra armeira xestionaríaos Xosé Millán, membro da Sociedade Arqueolóxica.

Oliveira dos trescentos anos

Oliveira dos trescentos anos / Calros Solla

A operación de extracción do escudo de armas supuxo a derruba do arco, do que apenas restan os batentes e dous perpiaños moldurados, reutilizados e inadvertidos na cerrada do curral da casa orixinal.

Oliveira dos trescentos anos

Oliveira dos trescentos anos / Calros Solla

Amais do nexo do portal –desaparecido–, o conxunto discontinuo do pazo das Raposeiras deslíndase cunha parella de fitos vexetais: dúas oliveiras, plantadas, probabelmente, hai uns trescentos anos.

Oliveira dos trescentos anos

O pazo das Raposeiras, nos anos 70 nos debuxos de A. Portela Paz; / FdV

Un dos exemplares de Olea europaea érguese rufa e vizosa nun recuncho do curral da aba sueste do pazo (construción do século XVIII). A outra oliveira esmorecía ao pé da esquina suroeste da casa matriz (construción do século XVI), que “mira de ventana en derechura a la iglesia de Cerdedo” (Sarmiento dixit).

O colectivo Capitán Gosende, fundado en 2012 en lembranza desta avantaxada estirpe, con doce anos de servizo en prol dos intereses culturais de Cerdedo, ocupouse o pasado domingo 24 de marzo na preservación destoutra árbore senlleira (léase: Faro de Vigo, 1-10-2023), patrimonio natural de noso, en flagrante perigo de seca e apodrentamento. Cóntanse xaora cos dedos dunha man o número de oliveiras centenarias que verdean no territorio cerdedés. A nós non nos sobra nada; a perder ninguén é rico.

A oliveira centenaria atopábase nun estado calamitoso, asoballada polo silveiral e por grosas hedras gabeadoras que estrangulaban o seu tronco e acadaban as pólas máis altas. A mesma sintomatoloxía padecen os muros da casa matriz, que ameazan con virse abaixo pola acción invasiva destes espécimes. A cuberta do pazo hai anos que cedeu ao empuxe dos elementos.

Provistos de bo ánimo –tamén da ferramenta axeitada– e ben asesorados por un técnico da comarca, o pasado domingo procedemos á súa liberación e saneamento. Ansiabamos garantirlle á arbore outras tantas primaveras, contrarrestando co noso humildoso afán o completo desinterese e doloroso deixamento aos que as administracións concernidas someten o pazo das Raposeiras: os inmóbeis, os elementos complementarios e a súa historia.

Empregamos no labor unhas tres horas. Un pestanexo, se comparamos o instante cos trescentos anos de vida gravados un a un nos aneis do seu toro. Demos pois por ben empregada a tregua meteorolóxica do Domingo de Ramos, consonte aconsella o refrán: O Domingo de Ramos lava os teus panos, que no de Paixón ou os lavarás ou non.

O pazo das Raposeiras, a súa pedra armeira –afastada da vista da xente–, as fazañas do mítico capitán, o vínculo daqueles pardiñeiros co eximio padre Sarmiento... deberan converter As Raposeiras en foco de dinamización cultural; porén, en Cerdedo todo é amnésica ruína. Ende ben, no casal das Raposeiras, o célebre Campo das Laudas vaise erguendo pedra a pedra para reivindicar que outro Cerdedo é posíbel.