A afectación da celulosa ás parroquias da contorna

Atopamos un total de 86 distribuidas en oito concellos de Lugo, A Coruña e Pontevedra, con 485 núcleos de poboación habitados

Vista do territorio melidense afectado pola fábrica de celulosa, desde Penagundín, a 550 metros de altitude.   | // A.P.

Vista do territorio melidense afectado pola fábrica de celulosa, desde Penagundín, a 550 metros de altitude. | // A.P. / Antonio Presas

Antonio Presas

Arredor do ano 1925 o sociólogo urbano canadiense Ernest Burgess (1886-1966), un clásico na Xeografía Urbana, profesor da Universidade de Chicago, propuxo a Teoría dos círculos concéntricos para analizar a estructura social dunha cidade, naquel caso a estructura social urbana de Chicago. Aínda que esa forma de analizar a composición sociolóxica dunha cidade tivera un campo limitado, co paso do tempo converteuse nun método descriptivo importante para analizar outros tipos de variables.

Parroquias afectadas direitamente pola celulosa nun radio de 10 quilómetros. |   // A.P.

Parroquias afectadas direitamente pola celulosa nun radio de 10 quilómetros. | // A.P. / Antonio Presas

Un caso no que, potencialmente, se pode aplicar esa teoría dos círculos concéntricos é o que vai suceder en Palas de Rei, arredor da planta dual celulosa-liocell, que se pretende ubicar cerca de A Vacariza. O funcionamento dunha industria sucia, consumidora insaciable de biomasa (eucaliptos) vai crear, artificiosamente, arredor dela, unha serie de círculos concéntricos nos que o valor do territorio irá de menos a máis desde o centro cara a fóra, desde o lugar no que estará instalada a referida industria de celulosa cara o exterior (círculos máis alonxados). Ou, dito doutra forma, canto máis nos acerquemos á fábrica menos valor terá o territorio: casas, fincas, granxas, aldeas, vilas, etc. Por orografía (vales, montes, ríos, pendentes) e condicións ambientais (circulación de ventos, situacións anticiclónicas) entendemos que ese radio de acción, abarcará uns 10 quilómetros á redonda, equivalentes a unha superficie dunhas 31.416 hectáreas (314,16 quilómetros cadrados), a medida superficial xeométrica que corresponde a un círculo de 10 Km de radio.

Parroquias afectadas

Pois ben, dentro dun círculo desas características, atopamos, arredor da planta de celulosa, un total de 86 parroquias distribuidas entre as provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra: Palas de Rei (22), Antas de Ulla (11), Monterroso (2), Santiso (16), Melide (14), Toques (2), Arzúa (1) e Agolada (18). Tendo en conta todos os núcleos de poboación que hai nesas 86 parroquias (vilas e aldeas) contabilizamos un total de 485 habitados, case todas aldeas: Palas de Rei (106), Antas de Ulla (43), Monterroso (6), Santiso (96), Melide (100), Toques (23), Arzúa (6) e Agolada (105). A distribución da poboación nas comarcas de Ulloa e Terra de Melide é de tipo disperso, con numerosas aldeas repartidas irregularmente por todo o territorio a razón dunha ratio 0,778 quilómetros cadrados por aldea ou núcleo de poboación: A superficie das parroquias abarcadas é de 377,7 quilómetros cadrados e hai 485 núcleos de poboación.

Como consecuencia desta relevante dispersión das aldeas e pese ás condicións atmosféricas que haxa en calquera momento, sempre se atoparán aldeas afectadas en maior ou menor número, por causa da contaminación emanada da planta de celulosa. Dito dunha forma máis concreta, a contaminación causada por gases procedentes da celulosa sempre afectará a moitas ou poucas aldeas. En situación de estancamento atmosférico (estado anticiclónico), ao formarse unha “cúpula ou embolsamento de fumes” sobre o contorno inmediato á fábrica, o número de aldeas afectadas sempre será maior que en situacións nas que dominen ventos de calquera compoñente. Neste último caso, o vento actuará como dispersante dos gases contaminantes, que se extenderán na dirección en que sople, acadando distancias, que poden chegar a 40 Km.

Desvalorización do territorio

A valoración do territorio, como espazo no que habitan as persoas, sofrirá efectos severos e, sobre todo, unha gran desvalorización cara a “zona cero”, o lugar de ubicación do complexo fabril. De forma pragmática, podemos dicir que unha construción rural cercana á fábrica, que na actualidade teña un valor duns 50.000 euros, mermará o seu valor ata un 70% ou máis, pasando a valer, na nova situación, tan só uns 15.000 euros. Esa depreciación dos bens rurais será cada vez menor á medida que nos alonxemos do “foco contaminante”. Así, por exemplo, unha ganxa, situada a 7 km de distancia da fábrica pode reducir o seu valor actual nun 20% (valor estimado).

Os cambios de valor en aneis concéntricos regresivos cara o interior ou progresivos cara o exterior, teñen un carácter moi aleatorio e son uns indicadores teóricos da magnitude que pode ter unha variable que apareza dentro dun territorio.

Un caso parecido foi o que sucedeu nunha cidade na que se instalou un forno de cremación de restos humanos e de animais menores (cans, gatos...) dentro do espazo urbano. A pesares de que se adoptaron todas as medidas hixiénicas e sanitarias establecidas pola lexislación, sen embargo, o valor dos pisos no seu arredor experimentou unha variación impresionante. Foi unha auténtica debacle e tiveron que clausurar o forno crematorio para non deprimir esa parte da cidade, os arredores do forno crematorio.

En conclusión, instalar un gran complexo fabril altamente contaminante na zona alta do Ulla, significa desvalorizar, instantaneamente, o valor do territorio circundante en forma de aneis concéntricos. O foco central, o espazo próximo á fábrica, sofrirá unha desertización inmediata, os bens rústicos depreciaranse a un mínimo irrisorio.