Lalín poñerá en valor as cruces de pedra de Goiás

Só se conserva a metade das máis dunha decena que houbo hai cen anos á beira do camiño real que atravesaba a parroquia

A cruz das Casas Novas 
preside unha encrucillada do 
camiño real..   | // D.G.A.

A cruz das Casas Novas preside unha encrucillada do camiño real.. | // D.G.A. / Daniel González Alén

Daniel González Alén

O Concello de Lalín acaba de aprobar un plan para recuperar e poñer en valor as centenarias cruces de pedra existentes na parroquia de Goiás, a instancia dun informe que presentamos diante do seu Padroado Cultural, sinalando a conveniencia de restaurar algunhas das cinco que aínda se conservan, das máis dunha decena delas que houbo á beira do camiño real que, procedente de Lalín de Arriba continuaba cara ao Vento en Bermés, atravesando esta parroquia lalinense.

Das cinco cruces que se conservan na parroquia merece especial atención a que se coñece como a Cruz de Vilar Bo, que se localiza nunha encrucillada do camiño real, no lugar de Pareizo. Está partida e medio cuberta polas silvas, entre as que se poden ollar a base e tres anacos da cruz. Cómpre que por parte do Concello se proceda a limpar o mato e ver se aparecen máis anacos desta cruz, para a súa posible reparación. Neste senso, estivemos semanas atrás no lugar na compaña do secretario xeral do Concello, César López Arribas, e o funcionario de obras, Xosé Couto Codeseira, para ver o estado desta cruz, sinalándose a conveniencia de proceder segundo o indicado e salvar da perda total a este ben patrimonial que forma un interesante conxunto coas outras cruces, que nos últimos tempos sinala unha ruta dos Roteiros de Lalín.

A este respecto, cómpre sinalar tamén a existencia doutras dúas cruces existentes no adro da igrexa parroquial, partidas en anacos, que antes do traslado do cemiterio décadas atrás formaban un calvario cun ben labrado cruceiro repleto de figuras, cunha inscrición de 1905. Cruces e cruceiro mereceron unha foto do Seminario de Estudos Galegos, que se conserva no arquivo do Museo de Pontevedra. Tamén cumpría restauralas e volvelas ao seu emprazamento orixinal ao igual ca unha terecira cruz que falta na fachada principal.

Unha cruz de 1740

Das outras catro cruces de pedra que aínda se conservan, a máis interesante é a que se atopa no campo da festa de Pareizo, mesmo fronte á capela das Angustias. É de todas elas a que presenta unha inscrición na base coa data de 1740, que quedou á vista logo das obras de ampliación e mellora deste recinto. Debido ao desgaste que sufre, malia facerlle unha fotogrametría o amigo Álex Negreira, non é doado descifrar o texto, que pode referirse a quen a mandou facer daquela, o cura Andrés Xosé Sarmiento Vilamarín. A cruz foi mudada de emprazamento no ano 1981 cando se construíu a capela das Angustias, traéndoa entón da beira do camiño que vai á estrada de Lalín a Vila de Cruces.

Unha inscrición de 1740 pon data á cruz do campo da festa das Angustias

Unha inscrición de 1740 pon data á cruz do campo da festa das Angustias. / D. G. A.

Na parroquia de Goiás hai outras tres cruces de pedra semellantes ás descritas anteriormente. Son as cruces do Ballote, da Reboira e das Casas Novas. Os veciños lembran polo menos outras catro en distintos lugares da parroquia: nas Lagoas, en Delaparte, na Cruz e outra nas Casas Novas, que desapareceron anos atrás. Son todas de semellante forma e tamaño, aínda que feitas en diferentes épocas, que abranguen dende mediados do século XVIII ata principios do XX, construídas por diferentes canteiros a cargo da Igrexa e de particulares, o que bota por terra a teoría de que foran feitas para lembrar mortes sanguentas das guerras carlistas, sen desbotar que algunha en concreto, como a da Reboira, recentemente restaurada logo de que a chimpara e partira un camión forestal, puidera ter esa orixe. Máis ben responderían a razóns relixiosas, á cristianización dos camiños e das encrucilladas para escorrentar espíritos, santas compañas e outras crenzas populares ou aínda para formar un viacrucis con catorce delas, como acontece na parroquia de Bendoiro, ou sinalar un camiño relixioso como as que segue o tradicional “Clamor” entre Bermés e Vilariño de Agolada.

A cruz das Casas Novas preside unha encrucillada do camiño real

A cruz das Casas Novas preside unha encrucillada do camiño real / D. G. A.

Na comarca de Deza temos catalogadas máis de medio cento de cruces semellantes, constituíndo todas elas un ben patrimonial de notable interese que merece protección e conservación.

Na elaboración desta reportaxe contamos coa axuda dos veciños de Goiás, Manuel Porral “Ballote” e Francisco Mariño Senra e cos apuntamentos que das cruces ten publicado Xoán Carlos García Porral, no libro “Goiás, vida dunha parroquia rural galega”, publicado polo Seminario de Estudos de Deza en 2002.