Colocan o primeiro fito do ‘Camiño de Nós’

A ruta de Ourense e Santiago estará sinalizada en 2026, cadrando co centenario

O alcalde de Amoeiro, José Luis González, xunto ao fito.   | // CONCELLO DE AMOEIRO

O alcalde de Amoeiro, José Luis González, xunto ao fito. | // CONCELLO DE AMOEIRO / Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

En 1926 varios integrantes da Xeración Nós –Ramón Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Vicente Risco, Antón Sánchez, Xavier Pardo, Afonso Vázquez Monxardín e Florentino López Cuevillas– cubriron os máis de 100 quilómetros que unen Ourense e Santiago, aproveitando que era ano santo. Pasaron polos concellos de Amoeiro, Maside, O Carballoño, O Irixo, Lalín, Silleda, A Estrada, Vedra e Boqueixón. Xavier Pardo recollería a crónica desta viaxe en varios artigos publicados en A Nosa Terra. A ruta que empregaron baseábase nos mapas de Domingo Fontán e agora, case 100 anos despois, eses concellos, unidos na Asociación Camiño Xeración Nós, loitan para que sexa recoñecida de forma oficial como ruta xacobea.

De momento, xa está colocado dende a semana pasada o primero fito que marca ese camiño de 1926, no límite entre Amoeiro e Canedo (que xa pertence a Ourense). Para os que somos de alí, é fácil de atopar: está na coñecida como “curva da taberna” na aldea de Liñares e preto da estrada que comunica o concello con Ourense. Sobre un lateral da pedra podemos ler “Camiño de Nós” e a relación de municipios que conforman este colectivo. Na súa cima, vemos que “Neste lugar está o lindeiro entre Canedo e Amoeiro. Dende eiquí óllanse os chaos con agros e arboredo, aínda quedan moiro tellados de colmo, cabaceiros de madeira e casas vellas e humildes. Andando de vagar logo chegamos ás Quintás, lugar grande e con moi boas vivendas. 8 de xullo de 1926”, como recollían os camiñantes da Xeración Nós.

Nun dos laterais do fito aparecen todos os municipios que conforman o colectivo Camiño de Nós.

Nun dos laterais do fito aparecen todos os municipios que conforman o colectivo Camiño de Nós. / Concello de Amoeiro

A idea é que toda a ruta esté sinalizada con estes mollóns en 2026,coincidindo co centenario desa primera camiñata do grupo de intelectuais. Contará con tres etapas: Ourense-O Carballiño; O Carbaliño-Silleda e Silleda- Santiago de Compostela.