A Banda de Silleda converte o seu concerto de Nadal nunha ‘Orquestra de Malabares’

Xunto á compañía Pista Catro ofrecerá un espectáculo familiar | A función colleitou numerosos éxitos na súa xira en Sudamérica

Herminio Gómez, Mónica González e Rafael Agulló, cos carteis.

Herminio Gómez, Mónica González e Rafael Agulló, cos carteis. / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O Concerto de Nadal organizado pola Banda de Música Municipal de Silleda volta á axenda cultural o vindeiro sábado día 30, co espectáculo “Orquestra de malabares” como protagonista.

A cita, que terá lugar no pavillón 1 do recinto Semana Verde de Galicia, estará protagonizada pola la Banda de Música Municipal de Silleda e a compañía Pista Catro , que poñerán en escea un dos proxectos máis orixinais e suxerentes no ámbito escénico do circo tanto en España como en Europa.

Música e circo fusiónanse no escenario da man da compañía e os máis de 90 músicos que conforman a banda silledense, baixo a dirección de Rafael Agulló.

“ É un espectáculo familiar para todas as idades, que xa rodou por moitos teatros do estado e do extranxeiro”, indicou o director da formación silledense, que presentou onte o concerto xunto ao presidente da Banda, Herminio Gómez, e a concelleira de Cultura, Mónica González.

Agulló destacou ademais as boas críticas do espectáculo na súa recente xira o pasado mes de novembro por Sudamérica. “Xa levabamos uns anos con idea de traelo a Silleda, e por fin se deron as circunstancias para poder facelo”, indica o director.

Orquestra de malabares é un espectáculo que pón en escea a 6 malabaristas e unha banda, un concerto onde os malabares se convirten en bailaríns dun ballet aéreo. Clarinetes, saxofóns e trompetas son os pintores dun cadro expresionista no que as bólas, mazas e aros debuxan no aire os sentimientos e emocións que transmiten as dúas artes.

A banda e os seus componentes, fóra da súa zona de confort, participan case como actores nun espectáculo teatral tocando temas e estilos fóra do común. Estilos como o funk, blues, pop, punk poñerán a nota a este espectáculo único “que será como en anos anteriores a mellor antesala para despedir o ano e dar a benvida a 2024”, engade Agulló quen anticipa que tamén participarán como en anos anteriores os alumnos e alumnas da EMUSI así como outros artistas locais aportando un toque novidoso.

Venta de entradas

As entradas para asistir ao espectáculo poñeranse á venda ao público o vindeiro mércores día 20, cun prezo de 12 euros (10 euros para persoas socias). Poderán mercarse os días 20, 21 e 22, e os días 26, 27 e 28 nas instalacións da Escola de Música de Silleda, en horario de 19:00 a 21:00 horas.

Dende a Banda de Música Municipal o seu presidente, Herminio Gómez, agradeceu a colaboración da Anpa Musiquiños, o Concello de Silleda, a Fundación Semana Verde e a Deputación de Pontevedra na celebración do concerto.

A concelleira de Cultura, Mónica González, tamén destacou a aposta da Banda de Música Municipal de Silleda “que cada ano nos sorprende con espectáculos innovadores e de primeiro nivel no concerto de Nadal” e animou ao público a asistir a esta cita, que cumple xa 23 edicións.