A devoción da Santa Lucía perdura en Deza

A celebración da parroquia lalinense de Moneixas é a máis concorrida da comarca

Daniel González Alén

A Santa Lucía de Siracusa, avogosa para as enfermidades da vista e dos ollos, ten moitas devocións e presenza de imaxes en igrexas e capelas da comarca de Deza, que no propio día da celebración, o 13 de decembro, congregan a numerosos ofrecidos dende tempo inmemorial. A de Moneixas, da que hai noticia do culto e celebración dende 1736, é a máis concorrida de todas na actualidade.

No mesmo municipio de Lalín, tamén hai celebración en Cadrón, aínda que, hai algún anos, se trasladou ao verán, ao igual que a moi antiga e sonada en Vilar do Río, que ten capela propia entre as parroquias de Bendoiro e Prado e culto o 25 de decembro, mentres a de Rodís, que se celebraba dende primeiros do século XIX, xa non chega aos nosos días.

Arcos e capiteis románicos e retablos barrocos

Arcos e capiteis románicos e retablos barrocos / D.G.A

En Rodeiro ten notable asistencia de devotos a de Negrelos, con misa solemne e procesión ao igual ca de Asperelo e ocasionalmente as de Santa Baia e San Salvador de Camba, nas que hai vellas imaxes e celebracións das que xa temos publicado noutras ocasións, contando coa inestimable colaboración do párroco Alvito García Fente.

Na Vila de Cruces, os devotos da Santa Lucía veñen enchendo dende hai anos a ampla igrexa parroquial, nas misas rezadas e cantada, con procesión ao redor do templo. E, neste mesmo municipio, tamén se venera á santa en Fontao e Merza, mentres en Brandariz a celebración trasladouse ao verán acompañando ao patrón na procesión na súa festa anual.

No mesmo municipio de Lalín, tamén hai celebración en Cadrón, aínda que, hai algún anos, se trasladou ao verán, ao igual que a moi antiga e sonada en Vilar do Río, que ten capela propia entre as parroquias de Bendoiro e Prado e culto o 25 de decembro

No municipio de Silleda ten culto e imaxes en Escuadro, Mánduas e Parada, esta no verán e perdeuse hai anos a de Rellas, que conserva na igrexa unha antiga imaxe barroca da santa. Tamén ten capela propia no lugar de Framiñán de Cortegada, hai pouco rehabilitada con rigor polos seus propietarios.

E, para rematar a relación das que lembramos, en Agolada a Santa Lucía ten unha cativa festa na capela privada de Santoandré, na parroquia de Carmoega dende principios do século XVIII, época en que tamén había unha importante celebración en Eidián, segundo nos informou o amigo José Ramón Pérez Salgado.

Nesta ocasión estivemos na celebración da parroquia lalinense de Moneixas, que rexe, xunto con outras, o párroco Elías García Carmuega. Houbo misas rezadas e solemne as doce da mañá, enchéndose o templo de devotos en todas elas, moitos chegados da vila de Lalín e das parroquias lindeiras.

Despois da misa solemne, houbo procesión ata o cruceiro, aproveitando unha escampada na chuviosa mañá, na que as mulleres portaron a imaxe da santa milagreira, detrás da cruz e os estandartes como vén sendo tradición, mentres estoupaban os foguetes que suplían a música, que desta non houbo. Algúns devotos prenderon cirios, pasaron o pano á santa e deixaron esmolas, para pedir ou agradecerlle a súa mediación na procura de manter a saúde dos ollos, que aquí crer e ver conxugan dende sempre.

Despois da misa solemne, houbo procesión ata o cruceiro, aproveitando unha escampada na chuviosa mañá, na que as mulleres portaron a imaxe da santa milagreira, detrás da cruz e os estandartes

Igrexa e reitoral

A igrexa de Moneixas, escenario desta concorrida celebración e tamén do patrón Santo Adrao e a Virxe do Rosario no verán, é santuario dedicado a Virxe do Carme dende mediados do século pasado, vinculado ao máis celebre do Corpiño, que lle mandaba devotos en tempos do lembrado sacerdote Andrés Cagide Varela, que fundara hai cen anos o recoñecido grupo de gaitas Os Dezas de Moneixas. A igrexa, que foi románica na súa orixe, conserva parte da súa fábrica neste estilo destacando os capiteis decorados con motivos vexetais, figuras humanas e de animais.

A igrexa de Moneixas, escenario principal da celebración.

A igrexa de Moneixas, escenario principal da celebración. / D.G.A

A un dos valados do camposanto foron parar varias métopas que decoraban a igrexa cando se reformou e ampliou no barroco do século XVIII, época na que se construíu o fermoso retablo no ano 1739 polo cura e licenciado Pablo Verea de Aguiar, do pazo de Donfreán, que tamén mandou facer o cruceiro procesional e obras nas igrexas e capelas de Catasós. O retablo restaurouse hai pouco, poñendo ao descuberto as pinturas murais do século XV coa flaxelación de Cristo, no que se mostran antigas imaxes da mesma época.

A maiores da capela da Virxe do Carme, hai outra dedicada a Santa Lucía, con retablo e imaxe de mediados do século XVIII. Igrexa, retablos e imaxes estudáronas e retratáronas os membros do Seminario de Estudos Galegos vai para cen anos e nos últimos tempos os máis prestixiosos investigadores galegos.

Formando conxunto coa igrexa, está a casa reitoral pechada por un erguido valado e portalón, habitada ata hai poucos anos que conserva estrutura, dependencias e interesantes pezas antigas reaproveitadas no saído e no xardín. Ben podía dedicarse a usos sociais e culturais.

Suscríbete para seguir leyendo