Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As orixes da feira de Borraxeiros

O investigador con raíces en Agolada José Ramón Pérez Salgado sitúa o nacemento deste mercado o 2 de abril de 1916

Os Pendellos de Agolada, onde se facía a feira, en 1929, imaxe tomada por Vicente Risco.

As feiras galegas forman parte da tradición e da nosa cultura. A localidade de Agolada se por algo era moi coñecida de antano é pola súa feira do doce, que aínda que sigue existindo hoxe en día. Porén o seu mercado queda a anos luz do que era e loita cada mes por manter algúns que outros porcos. Pero a parte desta cita de intercambio e de reencontros, tamén había outras no municipio, como a de Brántega e a de Borraxeiros.

Tal e como conta o investigador, con raíces en Agolada, José Ramón Pérez Salgado"no mes de xaneiro de 1916 era alcalde do concello o xove avogado Don José Fociños de Valenzuela Salgado e circulaba no pobo un enorme "entusiasmo" debido á creación dunha nova feira en Borraxeiros que se inauguraría o 2 de marzo dese ano e que se continuaría celebrando os días 2 de cada mes". Os veciños vían isto como "un centro de contratación de todos os produtos do país e os habitantes do termo municipal de Agolada estarán de noraboa", tal e como se puido ler na noticia redactada polo correspondente en Agolada do diario La Correspondencia Gallega, segundo as pescudas de Pérez. Sen embargo, ese día isto non puido facerse realidade. "Mais nese mes a corporación municipal reuniuse para acordar a celebración da feira no chamado Barrio del Carmen", lugar que está situado ao pé da estrada que une os concellos de Agolada e Melide, e próximo ao que era a Casa Consistorial, porque o Concello estaba nesta parroquia antes de trasladarse ao actual casco urbano. "Será libre de impostos e gravámenes, efectuaranse transaccións de compra, venta e permutas de toda clase de gandos vacúns, cabalar, e mular, de porcos, lanar e cabrío, froitos de diversas especias, aves, ovos, xamóns e artículos destinados ao consumo, sen limitación algunha".

Finalmente, o 2 de abril de 1916 tivo lugar a primeira feira na que, según os datos recollidos por este investigador, "houbo gran concorrencia e repartíronse premios aos mellores exemplares de gando que se presentaron". O 2 de maio tivo lugar a segunda feira que dado os resultados augurábase que se establecese coma unhas das feiras máis importantes da contorna. Para alcanzar isto, autoridades e veciños puxéronse mans a obra. De feito, "por solicitude da veciñanza, o concello decidiu convocar un concurso de gando na feira do 2 de xullo. Condición esencial para participar foi que os gandeiros residisen no concello e o alcalde solicitou do Ministro de Fomento e da Deputación Provincial axudas económicas para a concesión dos premios". "

A finais de 1916 a feira seguía vixente. "O deputado a "Cortes" polo distrito de Lalín Don Eduardo Álvarez Mendoza anunciaba que se firmaría a Real Orde de acondicionamento do anaco 4º da estrada de Ventas de Narón a Folgoso, que poñía en comunicación este municipio coa vila de Lalín". Tal e como recolle Pérez informábanse de que ao fin "foron coronadas polo éxito e dentro de pouco tempo verase realizada a aspiración dos habitantes deste país, que crían, con razón, que esa estrada había de ser un venero de riqueza para os nosos labradores, cuxos produtos agrícolas terán no sucesivo unha saída rápida e fácil, aumentando a importancia das tres feiras de Borraxeiros, Golada e Brántega, que se celebran os días 2, 12 e 26 de cada mes, e que son as máis concorridas desta rexión". Non se sabe a ciencia certa ata cando sobreviviu a feira de Borraxeiros, aínda que se cre que polo ano 1928 xa non existía.

Compartir el artículo

stats