O Camballón está de estrea

O instituto cruceño presenta o luns o seu documental ‘Do aturuxo ao autotune’, sobre a relación entre a música tradicional e a pop

Dúas das alumnas que saen no documental do instituto.

Dúas das alumnas que saen no documental do instituto. / Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

A sala Manuel Dobarro, na primeira planta do instituto Marco do Camballón, acolle este luns (11.00 horas) a presentación do documental Do aturuxo ao autotune, no que o alumnado de Oralidade de terceiro de Secundaria aborda a relación entre a música tradicional e o pop. De feito, podemos atopar influencias da música de raíz en artistas como Mondra, Xabier Díaz ou Tanxugueiras.

Esta peza audiovisual foi dirixida por unha exalumna do centro, Nerea Fiíza, e está gravado en Sabrexo e nas instalacións de radio do instituto. Escolleuse Sabrexo porque nesta aldea, en 1980, a musicóloga suíza Dorothé Schubart recolleu varias cancións a veciñas deste lugar que despois foron incorporadas no Cancioneiro Popular Galego. Este documental forma parte do proxexto Ao son da oralidade que, de maneira coordinada co IES do Milladoiro, recibiu o XII Premio Antonio Fraguas de innovación educativa. Ademais, este vídeo forma parte da exposición Da pedra á palabra, que se pode visitar no Museo do Pobo Galego até finais de xaneiro. A mostra, que está no claustro dende o pasado 4 de novembro, presenta contidos referidos ao patrimonio material e inmaterial como os petróglidos, a toponimia ou a improvisación oral, cos que se pode interactuar a través de xogos ou de códigos QR.

Coa presentación do documental remata, por así decilo, varios meses de traballo nesta peza audiovisual. Pero a inmensa e intensa adicación deste centro ao patrimonio inmaterial vai dar un paso máis o 22 de decembro, co Regueifa Tour 2023-2024.

Regueifa Tour o día 22

Unha alumna do colexio Semente Compostela, en Santiago, está facendo unha xira por distintos centros educativos onde se imparte a materia de improvisación oral. A iniciativa chega ao instituto do Camballón nunha xornada na que, ademais das Regueifeiras da Semente, tamén participará a Escola de Regueifa de Carballo,brindadoras do Courel e do IES Pintor Colmeiro. Este centro de Silleda participou semanas atrás no IV Certame Provincial de Regueifas Escolares en Valladares (Vigo), xunto ao Camballón. Na cita tamén estarán presentes dúas exalumnas do instituto cruceño e tamén regueifeiras, Nuria Penas e Lorena Medela.

O acto será no auditorio, está aberto ao público e renderá unha homenaxe a Xosé Casal, quen fixera de Atilano ata 1993 no popular programa da TVG ‘Super Martes’.