Clase maxistral do IES Marco do Camballón no Museo do Pobo

O instituto de Vila de Cruces inaugura xunto ao do Milladoiro a exposición interactiva ‘A son da oralidade: o noso patrimonio’

Labores de montaxe da exposición, onte, no Museo do Pobo Galego.

Labores de montaxe da exposición, onte, no Museo do Pobo Galego. / Salomé soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Hai anos que o IES Marco do Camballón se convertiu nun centro pioneiro á hora de traballar pola recuperación do idioma (en cuestións como a microtoponimia, a regueifa ou as tatuaxes), pero tamén da historia e da etnografía do seu entorno. Durante varios cursos, alumnado e familias fixeron aportacións para o proxecto Ao son da oralidade: o noso patrimonio. A iniciativa, que tamén contou co IES Milladoiro, transfórmase dende hoxe ás 12.00 horas nunha exposición interactiva que pode visitarse no Museo do Pobo Galego e que recolle tamén unha mostra do traballo do Proxecto Regueifesta, co que obtiveron o Premio Antonio Fraguas.

A mostra conta cun sinal de tráfico de inicio de poboación que fai as funcións de photocall, un experimento baseado en Leonardo da Vinci para regueifar a distancia, un traxe do Entroido de Merza ou unha exposición de tatuaxes de petróglifos de Galicia. Nesta exposición tamén se garda un lugar destacado para Dorothé Schubart, unha musicóloga suíza que recolleu e editou o Cancioneiro Popular Galego xunto a Antón Santamarina. Nas últimas semanas, o estudantado do Marco do Camballón gravou un documental, Do aturuxo ao autotuning, no que recolle as expedicións de Schubart en Sabrexo a finais dos 70 e comezos dos 80.

A exposición ocupa o segundo andar do claustro do Museo do Pobo e ofrece dun xeito dinámico un percorrido de varios séculos, da pedra á palabra, literalmente, para mostrar os vínculos entre o pasado e a actualidade. Con todos os seus elementos, a organización desexa que todas as persoas que a visiten valoren o patrimonio tradicional e teña respeto por todo ese saber que logrou pervivir grazas ao seu paso de xeración a xeración.