As escolas que chegaron de América

Xosé M. Malheiro ofrece unha conferencia no Círculo de Recreo de Lalín sobre as sociedades de instrucción promovidas polos emigrantes dezaos

Público presente no Casino de Lalín durante a conferencia impartida por Xosé M. Malheiro, que contou coas presentacións de Daniel González Alén e Fernando López Jácome.   | // KG

Público presente no Casino de Lalín durante a conferencia impartida por Xosé M. Malheiro, que contou coas presentacións de Daniel González Alén e Fernando López Jácome. | // KG / Redacción

Redacción

O historiador da educación e profesor no Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña, Xosé M. Malheiro Gutiérrez disertou este venres á tardiña no Círculo de Recreo Casino de Lalín sobre as Sociedades de instrución e escolas laicas. Emigración, caciquismo e represión na comarca de Deza e Trasdeza. Diante dun público maioritariamente procedente de Lalín e Silleda, onde o profesor ten numerosos amigos e parentes, que enchía o salón e seguiu con interese a conferencia, Malheiro centrou a súa exposición na emigración dos dezaos a América e as sociedades que estes fundaran aló hai cen anos e do seu labor aquí, patrocinando escolas en Laro, Siador, Escuadro, A Bandeira, Gresande, Bendoiro, Soutolongo, Vilanova, Az e Loño, entre outras, e ata un Hospitalillo en Lalín, que rematou sendo colexio.

As escolas que chegaron de América

As escolas que chegaron de América / Redacción

Versou tamén sobre o caciquismo imperante en Galicia e Deza ao longo do século XX, do poder que exercía a Igrexa sobre a poboación nesa época e da represión en tempos da ditadura de Primo de Rivera e a posterior Guerra do 36. Achegou o conferenciante nomes dos represaliados, algúns deles da comarca de Deza, coma Alonso Ríos, Poza Juncal ou Tomás Peiteado.

Precisamente, o cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, que interveu no acto xunto con Fernando López Jácome para presentar ao conferenciante, pediu que se afondara no coñecemento da vida de Tomás Peiteado e o seu labor nas escolas laicas de Gresande e Cristimil. Considera que a súa contribución “ben merecía ser publicada” e, deste xeito, “reivindicar a marxinación que sufriu na posguerra, a persecución e as calamidades que pasou xunto a súa familia, da que algúns membros estaban presentes na sala”, sinala o propio Alén.