A pegada de Ramón Aller na época dourada do SEG

Cecilia Doporto e José Ángel Docobo lembran as “xeiras” do Seminario de Estudos Galegos na comarca de Deza

Un instante da conferencia adicada a Ramón Aller e o SEG, onte, en Lalín.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Un instante da conferencia adicada a Ramón Aller e o SEG, onte, en Lalín. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Ángel graña

Este ano celébrase o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), constituído por nove mozos universitarios baixo a presidencia de Armando Cotarelo Valledor. O SEG tiña por finalidade o estudo de todas as cuestións sociais e culturais que afectan á vida dos galegos e galegas, potenciando o esforzo de todos os investigadores nun labor común, deixando de lado o traballar de xeito individual e redactando a información en lingua galega. A conservadora del Museo de Lalín, Cecilia Doporto, e o director do Observatorio Astronómico Ramón Aller da USC, falaron onte na capital dezá da relación do SEG coa bisbarra e tamén do observatorio lalinense.

O SEG foi unha institución científica-cultural ligada a Universidade de Santiago que durante 13 anos de vida, centrouse sobre todo no labor de profesores e alumnos universitarios, dos mellores intelectuais do galeguismo, tal e como sinalou onte Doporto na súa intervención. A doutora en Historia da Arte tamén engadiu na súa conferencia celebrada no museo lalinense que “un dos labores máis destacados do SEG foron os estudos de campo monográficos e interdisciplinais, realizados en equipo sobre bisbarras e parroquias galegas (semella que estas investigacións foron as primeiras en Europa), que foron as chamadas “Xeiras”.

En canto a que foi o que fixo co SEG escollera Deza para estas “xeiras”, Cecilia Doporto explicou que “evidentemente a figura do científico Aller Ulloa era coñecida en toda España. Xa tiña un libro publicado nomeado “Algorítmia” en 1918 e 17 artigos publicados en revistas científicas nacionais e estranxeiras. Dono do primeiro observatorio privado de Galicia, era coñecido en toda Europa, escribiu un manual de topografía, dispoñía de aparellos de medicións e astronómicos e pon o seu observatorio o servizo da sección de Ciencias”. Ademais, os vínculos dezás do SEG tamén extendéronse cara a figura de “Salvador Cabeza de León, que era o presidente do SEG, tiña familia en Lalín e pasaba gran parte do verán na vila; a familia de Antonio Taboada Roca, tiña propiedades nos concellos de Agolada e Vila de Cruces, e quizais fosen as persoas que máis peso fixeron para que a comarca de Deza fora investigada”, engadiu Doporto sobre este asunto.

Materias

Outro dos aspectos tratadas na charla tivo que ver coas materias investigadas polo SEG. Cecilia Doporto suliñou disciplinas como “o estudo integral da riqueza histórica, arqueolóxica, folclórica, literaria, botánica, ou xeográfica que tiña cada parroquia e cada lugar; a modernización da investigación, proxección social e internacionalización: o que non se coñece, non se valora, a normalización do idioma galego, falado e escrito, facer manuais coleccionares para o ensino elemental e a divulgación da noso ciencia, a creación dun museo e tamén dunha biblioteca propios”.

As comarcas de Deza, seguida da de Terra de Melide, foron as máis estudadas por estes eruditos senlleiros que, según explicou tamén onte Doporto, “estudaron especialmente os saberes humanísticos, pero xa cunha notable presenza da área de ciencias, grazas aos traballos de Iglesias, Isidro Parga Pondal e Ramón María Aller. ‘Terra de Deza’, quedou inédito. Creemos que por ter tanto recollido, pero sen redactar (o día 13-11-1935 decidiron que sería Fermín Bouza Brei o encargado de corrixir e ordenar os traballos de “Terra de Deza”), se o de Terras de Melide tardaron catro anos en ordenalo e publicalo, no de Terra de Deza, tardarían polo menos cinco ou seis, polo volume de traballo de campo recollido”.

A conservadora do Museo Municipal de Lalín que leva o nome do insigne astrónomo local acompañou a súa intevención con varios debuxos feitos por Vicente Risco, Laxeiro, X. Lorenzo ou Vidal Rey, denante numeroso público presente.